Unha secuencia sonora comezou no primeiro día das Festas do Apóstolo en Compostela. A violinista Sylwia Swiatkowska do grupo Warsaw Village Band electrizaba a praza da Quintana con solos pletóricos en xiros de inusitada beleza, creando un efecto psicodélico que non se asocia á música folclórica. Ó mesmo tempo, a outra violinista do grupo polaco, Ewa Walecka, levaba aos oíntes cando facía falar á súa zanfona a espazos recónditos do subconsciente colectivo. Foi o inicio do belísimo verán de violíns e de zanfonas.
O son da zanfona trasladouse por azar á praza de Fefiñáns en Cambados cando chegou o remate dun concerto de mestizaxe que contaba coa presenza do mítico cantante de Radio Futura Santiago Auserón, que acompañaba á chamada Orquestra de Jazz de Galicia. O director da mesma Roberto Somoza convidou a un dos seus músicos, Germán Díaz, a poñer un broche de ouro ao concerto co son da zanfona. Levou tempo afinala, pero cando soou produciuse un milagre na praza: de forma totalmente inesperada, a numerosa audiencia viaxou á Idade Media, sentindo na alma unha soidade e en certa maneira unha galeguidade difícil de explicar con palabras. Era un efecto conmovedor que por desgraza foi cortado abruptamente á maneira dos discursos longos nos premios de cine.
Pouco despois, durante as mesmas festas do Albariño, tocou nesa praza de Fefiñáns un dos mellores grupos de rock de tódolos tempos: os irlandeses The Waterboys. Esta banda, que evolucionou cara á música folclórica do seu país, tocou con paixón baixo o mando do carismático Mike Scott. O cantante, arroupado por unha formación contundente, estivo algo distante á maneira do seu idolatrado Bob Dylan, e para desgusto dos presentes non fixo un bis. Pero, por sorte - ó igual que o Dylan de temas como “Hurricane” e “One More Cup Of Coffee” que contaban coa violinista Scarlet Rivera – Scott ten a sorte de que siga ó seu lado o excepcional violinista Steve Wickham, que na distancia parecía un cruce entre o escritor Manuel Rivas e o cantante Xoán Eiriz. Wickham amosou un gusto exquisito en cada un dos seus brillantes adornos, mellorando considerablemente unha selección de cancións que adoeceu de demasiados temas apartados do mellor do repertorio dos Waterboys.
Finalmente, pero bastante antes do final do verán, quedou impresa na mente a actuación dunha agrupación galega que celebra trinta anos de percorrido. Diante dun público magnífico en Ordes, Luar na Lubre interpretou temas importantes da súa longa discografía. Para sorpresa dos que viran o grupo décadas atrás na súa cidade da Coruña de orixe, parecía tocar o violín Hermione Granger / Emma Watson, co seu cabelo dourado longo e ondeado. Xa non estaba o excelente violinista Xavier Cedrón, nin a súa irmá Rosa cantando. A nova cantante parecía saída do fresco de Pompeia que aparece na portada dun libro de Propercio publicado pola editorial Alianza. Da formación orixinal so se recoñecía ao frautista-teclista Xan Cerqueiro e ao líder indiscutible, o gaiteiro e acordeonista Bieito Romero, que amablemente mencionou os títulos e explicou cada tema, preocupándose polo futuro dos encantadores nenos presentes na velada (as súas palabras sobre o dereito a vivir en paz cobran máis relevancia cos tráxicos atentados en Cataluña). A vocalista Belém Tajes, criada en Arou, Camariñas, meteuse a todos no peto, para a súa propia evidente sorpresa e delicia. Tocaron temas como “O son do ar”, “Tu gitana” (unha mágoa que non estea en YouTube a atraente versión con Mercedes Ferrer) e “Camariñas”. Tamén se escoitou “Fonte do Araño”, dedicada ao seu autor Emilio Cao. A violinista Antía Ameixeiras foi impresionante na súa expresividade e na química musical con Romero e o son do seu instrumento fixo cativa á deusa da beleza, enchendo de maxia o ambiente e emocionando a máis de un ata as lágrimas.
Sentíanse en Ordes ganas de que houbera turistas e visitantes presentes, para que viran a altísima calidade de Luar na Lubre, unha calidade que impactou ao mesmísimo xenio Mike Oldfield. Os de Luar viñan do Festival de Lorient na Bretaña francesa e ían ó día seguinte para Andalucía, polo cal se ve con claridade que son egrexios embaixadores da cultura galega.
A sensación que deron este verán estes dous instrumentos é a de que é preciso mirar ao pasado coa zanfona e ao futuro co violín para divisar camiños a seguir e para lograr que siga vixente, vibrante e profunda a música ancestral e viva da nosa terra.