Os concellos entran na compostaxe industrial tras modificar a Xunta o Plan de Residuos

A Xunta aposta porque os concellos realicen unha recollida selectiva na nova planta de Areosa. “De xeito case clandestino e pola porta de atrás, o PP parchea de novo o sistema SOGAMA para permitir isto”, din desde ADEGA.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/08/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Xunta vén de abrir a porta á compostaxe a grande escala permitindo a participación dos concellos no proxecto da nova planta da Areosa e implantando a recollida selectiva. Un feito que se contradí coa política que ata o de agora viña mantendo o Goberno Galego a través da súa política de incineración.

Vertedoiro da Areosa
Vertedoiro da Areosa

A nova modificación do Plan de Residuos vai permitir aos concellos cambiar o sistema de recollida para que a materia orgánica poida ser separada xa en orixe. Até o de agora, SOGAMA só recolle selectivamente vidro, envase lixeiros e papel-cartón. O "resto" (máis do 50% en peso) incluída a materia orgánica, vai todo mesturado ao contentor verde para ser soterrado no vertedoiro da Areosa e satélites, ou queimado na incineradora. 

A recollida selectiva da materia orgánica é a condición sine qua non para fabricar un verdadeiro compost fixada pola Lei de Residuos 22/2011, e deste xeito cumprir os obxectivos de reciclaxe (mínimo do 50% da materia orgánica para 2020) que establece a Directiva 2008/98/CE. Cómpre lembrar que nestes intres e logo de 20 anos, o modelo SOGAMA promovido pola Xunta, acada só un 3,3% de reciclaxe.

Rectificación, segundo ADEGA

“A Xunta vén de certificar tras 20 anos o fracaso do modelo SOGAMA baseado na incineración, promovendo a compostaxe a gran escala e a posibilidade de implantar nos concellos a recollida selectiva de materia orgánica”, apunta a organización ecoloxista ADEGA nun comunicado.

Neste sentido, critica que a Xunta limite a compostaxe a apenas 15.000 toneladas anuais nunha planta industrial nas súas instalacións da Areosa en Cerceda. Nun primeiro momento, esta planta ía tratar materia orgánica do colector verde de concellos próximos, mais como denunciou ADEGA, sen separación en orixe non podería facer compost. A Xunta modificou o proxecto, orzamentado nuns 4 millóns de €, para acoller esta volta residuos orgánicos de "grandes produtores" (centros comerciais, cárceres, hospitais...). Pero outra denuncia desta organización, porque este sistema tería enormes custos de transporte con elevadas emisións de gases, motivou unha nova modificación.

Finalmente, a planta de compostaxe da Areosa tratará os residuos orgánicos recollidos separadamente nos concellos próximos. “Tal parece desprenderse da Disposición adicional segunda do Proxecto de lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais, (páxs. 37 e 38) que o PP vén de apresentar no Parlamento”, apunta ADEGA nun comunicado.

“Así, de xeito case clandestino e pola porta de atrás, o PP parchea de novo o sistema SOGAMA para permitir o que até hai pouco era anatema: promover a compostaxe e a recollida selectiva da materia orgánica a nível municipal, aínda que de xeito case experimental”, indica.  Por iso, anima á Xunta a abandonar a incineración e apostar pola compostaxe da materia orgánica, tal como xa acontece con iniciativas como as da Mancomunidade do Barbanza, Allariz, San Sadurniño, ou a da Deputación de Pontevedra, sen ir máis lonxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta