Cen anos do primeiro laboratorio do Oceanográfico de Vigo

Tras un século de actividades, o centro do Instituto Español de Oceanografía consolidouse como unha potencia recoñecida internacionalmente na investigación mariña, sendo a instalación con máis persoal do IEO e un dos seus principais activos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 01/09/2017 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

Este sábado 2 de setembro cúmprense 100 anos da inauguración oficial do primeiro laboratorio do Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), un acto que estivo presidido entón polo ilustre científico Odón de Buen, un dos pioneiros da oceanografía europea e fundador do IEO.

Centro Oceanográfico de Vigo
Centro Oceanográfico de Vigo | Fonte: IEO.

Desde entón, o Centro Oceanográfico de Vigo realizou un intenso labor científico e tecnolóxico, sendo actualmente unha potencia recoñecida internacionalmente en oceanografía e ciencias do mar, medio mariño e acuicultura. Ademais, realiza importantes tarefas tecnolóxicas, de control e tamén de apoio á frota pesqueira. É a instalación con máis persoal do IEO e un dos seus principais activos.

Xa no Real Decreto do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes polo que se creaba o Instituto Español de Oceanografía o 17 de abril de 1914, proxectouse a construción do Centro Oceanográfico de Vigo. Dous anos despois, o Concello de Vigo solicitou o seu cumprimento e o Estado consignou nos seus orzamentos 100.000 pesetas para a súa construción e "atender os gastos das investigacións oceanográficas como base da conservación e fomento da riqueza pesqueira das nosas costas".

O acto de inauguración tivo moita transcendencia na cidade e a este asistiron Odón de Buen, fundador do Instituto Español de Oceanografía; membros ilustres da Comisión Oceanográfica e autoridades como o gobernador civil, o alcalde ou o almirante da escuadra.

O Laboratorio instalouse provisionalmente no pavillón da Sociedade de Salvamento de Náufragos, que estaba situado no porto de Vigo, ocupando un amplo salón no que había unha sección de química, outra sección moi completa de aparellos para toma de mostras de fondos, plancto e auga, e un pequeno museo de animais capturados.

Nomeouse responsable do Laboratorio Oceanográfico de Vigo a Fernando de Buen y Lozano, doutor en Ciencias Naturais que, naquel momento, con 22 anos, xa era subdirector do Laboratorio de Oceanografía de San Sebastián e director do Laboratorio Oceanográfico de Madrid.

FESTEXOS

O Centro Oceanográfico de Vigo leva todo este ano celebrando o seu centenario con diversos actos conmemorativos e actividades de portas abertas á cidadanía. Pero será o próximo 28 de setembro cando terá lugar o grande acto oficial de conmemoración deste centenario.

A cita será no Auditorio da sede Afundación de Vigo ás 18:30 horas. O mesmo estará presidido por Carmen Vela Olmo, secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e presidenta do Instituto Español de Oceanografía, contando coa presenza de representantes de todos os ámbitos institucionais, universitarios, culturais e intelectuais, xunto aos amigos e colaboradores do IEO. Ademais, recoñecerase o importante labor levado a cabo por todo o persoal do Centro, polo que se convidará tanto ao que actualmente está en activo como todos aqueles que se xubilaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta