Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/09/2017 | Actualizada ás 13:29
Unión Progreso y Democracia en Galicia (UpyD) quere que Galicia tamén entre de cheo no debate sobre o proceso independentista catalán. Por iso, rexistrou este luns unha petición dirixida á Mesa do Parlamento de Galicia, para que a Cámara adopte unha declaración na que se condene o referendo catalán e tamén que inste ao Goberno de Rajoy a adoptar as medidas necesarias para impedilo, “así como para desmontar as estruturas de Estado creadas ilegalmente”.
Nun comunicado, Javier Lojo, líder da formación en Galicia considera que é “imprescindible actuar para impedir que a consulta se leve a cabo por ser inconstitucional” e pon de manifesto que a cuestión “non só afecta a Cataluña senón aos cidadáns de todas as comunidades autónomas e á orde política e económica do país”. Por este motivo UPYD pide ás administracións autonómicas que tomen accións e aos partidos no Parlamento de Galicia que se sitúen claramente ao lado da lei ou con aqueles que lla saltan.
Ademais, lembra que UPYD é o único partido nacional que aposta pola aplicación do artigo 155 –que recolle a suspensión da autonomía catalana-. “É hora de que todos os españois deixemos de financiar a independencia de Cataluña coa apertura de embaixadas e o malgaste en referendos ilegais”, indicou Lojo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.