Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/09/2017 | Actualizada ás 14:00
"Unha proposición indecente no Parlamento Galego". Así cualifica a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) a proposición de Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, presentada polo Grupo Parlamentario Popular polo trámite de urxencia.
A agrupación científica dedica críticas moi duras a esta proposta lexislativa, na que "están clamorosamente ausentes os principios de desenvolvemento sociais, económicos e ecolóxicos, a protección do patrimonio natural e cultural, e a protección dos dereitos dos cidadáns afectados polas iniciativas empresariais", denuncian.
A SGHN chama precisamente a atención sobre o Capítulo II, dedicado a 'Competencias administrativas', no que os artigos 4 a 7 se contempla a implicación das "consellerías con competencias en materia de economía, vivenda, solo, avaliación e reforma administrativa, os concellos... e entre todas estas administracións brilla poderosamente, pero pola súa ausencia, a consellería con competencias en materia ambiental", advirten os científicos
Tamén chama a atención, para a SGHN, que das 82 páxinas do paquete de incentivos á instalación de empresas, máis da metade sexan de disposición derradeiras. En concreto, o reparto por páxinas é o seguinte:10 páxinas adicadas á exposición de motivos, 21 páxinas co articulado da lei, 4 páxinas con disposicións adicionais, transitorias e derrogatorias, 45 páxinas de disposicións derradeiras.
Esas 45 páxinas de disposicóns derradeiras "son as que os seus promotores precisaron para modificar nada menos que unha ducia de leis, a metade delas posteriores ao ano 2010: a de cooperativas, a da minería, a do sector eólico, a de auga, a de montes, a do solo, a de procedemento administrativo, a de taxas, precios e exaccións, a de turismo, a de estradas, a do patrimonio cultural e, por suposto, a de conservación da natureza", detalla a SGHN.
Pero aínda hai máis. Para a asociación científica esta proposición de lei está chea de "regalos envelenados" para os cidadáns, as organizacións sociais e o medio natural, comezando polas "maiores facilidades para a expropiación forzosa, ao declarar de interese público actividades empresariales estrictamente privadas", advirten.
A SGHN tamén critica e alerta da "redución á metade dos prazos de información pública para os proxectos sectoriais declarados urxentes" e a un "silencio administrativo positivo para os aproveitamentos de masas forestais poboadas das especies que non estean incluídas no anexo 1 da Lei de montes de Galicia na zona de servidume de protección do dominio marítimo-terrestre". Ese silencio do que alerta a SGHN é, "por defecto negativo por razóns de protección do medio ambiente, pero con esta decisión facilitaríanse, por exemplo, as explotacións de eucaliptos na primeira liña de costa", explican
Outro dos aspecto claves é, para a SGHN, a "eliminación do trámite de autorización administrativa" para moitos aproveitamentos madeireiros, que "se substituiría pola declaración responsable de quen a realiza, confiando así cegamente en que a declaración responsable non se convertirá nunha actuación irresponsable ambientalmente".
Nesta liña, tamén se avisa de que o PP pretende "eliminar" a autorización previa da Consellería de Medio Ambiente para os aproveitamentos madeireiros nos espazos da Rede Natura 2000, "incumprindo así a Directiva Hábitats, a Ley estatal 42/2007 e o propio Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia".
Por último, a SGHN sanciona que se pretenda "deixar a xuízo do órgano mineiro se conta con elementos de xuízo suficientes para determinar a compatibilidade do dereito mineiro con outros usos de interese público se non recibe no prazo dun mes a resposta das outras administracións públicas consultadas".
Por todo isto, e tras analizar páxina por páxina a proposición de lei, a asociación científica cualifica de "proposición indecente" este paso dado polos conservadores na Cámara galega, sumándose así á marea de críticas que está a recibir o PP por este texto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.