A concesión mineira afecta o Parque Natural de Montesinhos, en Portugal, e o LIC de Pena Maseira. Ata agora era propiedade de Valoriza Minería, do Grupo Sacyr.
O proxecto está a apenas 1 km da fronteira portuguesa e, mesmo así, non foi sometido á avaliación ambiental transfronteiriza
A Administración da Xunta non declarou a caducidade da concesión a pesar que a mina nunca chegou a ter actividade
Ourense, agosto de 2021.- Ecoloxistas en Acción vén de remitir unha batería de escritos ás consellerías de Economía, Innovación e Empresa e Medio Ambiente, así como á Valedora do Pobo, poñendo en evidencia cómo as Administracións permitiron que permanecera vixente unha concesión de explotación mineira de estaño e volframio na Gudiña, á que se outorgou Declaración de Impacto Ambiental favorable en 2014 e autorización mineira en 2015, pero que nunca tivo actividade.
A lexislación establece que as as concesións mineiras caducarán de non iniciarse os traballos ou por incumprimento dos prazos aprobados nos proxectos, mentres que as DIA perden a súa vixencia aos 4 anos. Non obstante, a Administración mineira non só non iniciou os trámites de caducidade, se non que tentou ocultar a falta de actividade mediate informes.
A actuación frente a este proxecto mineiro débese a que afecta directamente ao LIC Pena Maseira, dentro da rede Natura 2000, e está a apenas a 1 km de distancia do Parque Natural de Montesinhos, en Portugal, a pesar do que a Xunta de Galicia non tramitou no seu día o preceptivo procedemento de avaliación de impacto ambiental trasfronteiriza.
Mentres se supoñía que a explotación extraería 5.000 toneladas anuais en varias cortas a ceo aberto, a imposibilidade de transladar o material en camións ata as instalacións da mina de San Finx en Lousame, por non contar tampouco aquela explotación das autorizacións ambientais necesarias, fixo a produción fose cero.
De feito, en abril deste ano Valoriza Minería (Grupo Sacyr) vendeu a totalidade das súas participacións na empresa concesionaria, da que tiña o control maioritario, adquiríndoas unha sociedade instrumental alemana creada en Berlín un mes antes para completar a adquisición.
A nova empresa, LMBI Vermögensverwaltungs GmbH, está vinculada a Roberto García Martínez e á mercantil sueca Eurobattery Minerals AB, cuxa filial galega ven de ser expedientada por realizar sondeos ilegais no que denomina “proxecto Corcel”, outro proxecto de mina a ceo aberto de cobre, níquel e cobalto situado entre Santa Comba e Coristanco.
Ecoloxistas en Acción descofía que a nova titular irá continuar a especular con este dereito mineiro poñendo en risco a integridade de espazos ambientalmente sensibles, como xa o fixo coa Braña da Serra de Castriz, e por iso demanda a que se cumpra coa lexislación declarando a caducidade tanto da concesión mineira como da autorización ambiental.