ContraMINAcción critica a divulgación das pescudas do caso de San Finx e alerta da posible destrución de probas

O colectivo pide condena a "todos os responsables", entre os que se atoparía o director xeral de Minas da Xunta, que está a ser investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2019 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

A plataforma ContraMINAcción mostra a súa "preocupación" pola divulgación da fase actual das pescudas en torno ao proxecto da canteira de San Finx, en Lousame (A Coruña), que levaron a que o director xeral de Minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, estea a ser investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental

Mina de San Finx, en Lousame.
Mina de San Finx, en Lousame.

Neste sentido, o colectivo que clama contra este proxecto asegura que a publicación de filtracións "só contribúe a que aumente aínda máis o risco de destrución de probas antes de que se adoptaron as medidas provisionais que o eviten".

En calquera caso, ContraMINAcción asegura coincidir con outras entidades ecoloxistas en esixir "responsabilidades políticas" a Tahoces polas súas "políticas de desastre ambiental ao servizo do lobby mineiro", aínda que critica que caia nunha "frivolización política" do asunto.

E é que, segundo afirma o colectivo, os "danos" que denuncian que provoca o proxecto "lévanse producindo durante anos ata o presente, tanto por acción como por omisión de persoas, en plural, con nomes e apelidos".

Deste xeito, ContraMINAcción considera que a petición de responsabilidades políticas é "unha mensaxe reducionista" e que deixa "en segundo plano as primarias presuntas responsabilidades ambientais dos administradores das empresas mineiras".

Por iso, a plataforma insiste en que, para que casos como o de San Finx "non se repitan", se condene "a todas as persoas responsables" dos presuntos delitos que están a ser investigados polos xulgados de Noia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta