O PP oponse a que a Unión Europea envíe unha delegación á mina de Touro para avaliar as denuncias de contaminación

Os 'populares' din que a idea que se estuda no Parlamento europeo "carece de base", mentres PSOE e BNG piden que se investigue. Traballadores da mina defenden o proxecto e que se cumpre coa normativa europea ambiental.

Por Europa Press / Redacción | Bruxelas | 12/11/2019 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A comisión de Peticións do Parlamento europeo estudará se envía ou non unha delegación de eurodeputados a Galicia para comprobar en persoa as denuncias pola contaminación provocada pola antiga mina de Touro e O Pino (A Coruña), que agora un novo proxecto da empresa Cobre San Rafael busca reabrir.

Plataforma contra a mina de Touro na Eurocámara coa eurodeputada Ana Miranda, do BNG
Plataforma contra a mina de Touro na Eurocámara coa eurodeputada Ana Miranda, do BNG | Fonte: Europa Press.

En concreto, os coordinadores dos grupos políticos da Eurocámara valorarán esta posibilidade nas súas próximas reunións, segundo adiantou a presidenta da comisión parlamentaria, a eurodeputada do Partido Popular Dolors Montserrat.

Montserrat explicou, tras o debate que tivo lugar no Parlamento Europeo sobre este asunto, que a decisión de enviar ou non un grupo de eurodeputados a Galicia para analizar 'in situ' a situación da mina excede as súas competencias e debe ser discutida entre os grupos políticos.

A eurodeputada do PSOE Cristina Maestre, en nome do grupo Socialistas e Demócratas (S&D) e os representantes dos Verdes que interviñeron mostráronse a favor de enviar esta delegación, mentres que Francisco José Millán Mon, do Partido Popular Europeo, pronunciouse en contra.

Así, a decisión tomarase nas próximas semanas e, mentres tanto, a comisión de Peticións pediu á Comisión Europea que lle informe no caso de que houbese novidades sobre o informe de avaliación de impacto do novo proxecto previsto para a mina de Touro.

"VÉXANO COS SEIS OLLOS ANTES DE QUE SEXA DEMASIADO TARDE"

No debate participaron varios peticionarios galegos, da rede Contraminacción --entre as que están a plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Cova Crea e Petón do Lobo--, que denunciaron que as administracións locais e estatais non tiveron "nada en conta" as súas denuncias e, en consecuencia, acudiron á Eurocámara como último recurso.

"Veñan a Touro, veñan a Galicia, véxano cos seus ollos antes de que sexa demasiado tarde e só o poidan contemplar nas noticias", pediu Iria Ares, quen subliñou que levan "anos loitando" e solicitou á Eurocámara que non permita o novo proxecto na mina.

RESPONSABLES DE CUMPRIR A LEI

O representante da Comisión Europea, pola súa banda, lembrou que a UE adoptou unha serie de normativas que teñen o obxectivo de "minimizar" e "corrixir" o impacto que pode ter a industria extractiva tanto sobre o medio ambiente como na saúde humana, pero subliñou que son os Estados membros os responsables de garantir a súa "correcta aplicación".

O Executivo comunitario tamén lembrou que as autoridades nacionais teñen a obriga de xestionar as instalacións abandonadas "de maneira que non xeren riscos", mentres que sobre o novo proxecto sostivo que aínda non hai un informe de avaliación de impacto, polo que "non é posible identificar ningunha infracción" das normas europeas.

VISIÓN DOS GRUPOS

A socialista Maestre subliñou durante o debate que se trata dun asunto "bastante preocupante" e os afectados enfróntanse a unha situación de "absoluta indefensión" pola "inacción" do Goberno galego. "Non podemos esperar a que pase unha desgraza", avisa.

Pola súa banda, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, mostrou a súa satisfacción porque a Comisión de Peticións "decida manter abertas as denuncias" contra a mina de Touro, o que valora como unha "vitoria colectiva".

Respecto diso, Miranda solicitará o acceso ás instalacións para que as poida visitar a vicepresidenta da Comisión de Peticións, a Ietoa Tatjana Znoka, que mostrou o seu interese en coñecer de primeira man a mina. Esta sería unha visita previa á misión oficial do Parlamento Europeo que, en caso de ser aceptada, tardará meses en ser programada, indica.

Por contra, Millán Mon criticou que se pretende "abrir unha especie de causa xeral contra a minaría en Galicia" e sinalou que a petición é "superflua, prematura e carece de base". "A petición parece superflua, infundada e creo que pode embazar a imaxe da administración mineira", expresou.

TRABALLADORES DA MINA

A Asociación de Traballadores Mineiros de Touro e O Pino defendeu o proxecto de reapertura da mina, á vez que destaca que se cumpre "estritamente" coa normativa europea en materia ambiental, así como coa normativa española.

Así o expresa despois de que se coñeceu este martes que a Eurocámara decidirá sobre se envía ou non unha delegación á mina de Touro para avaliar as denuncias de contaminación expostas por plataformas antimina.

Os traballadores mineiros sosteñen que, nun contexto de "emerxencia industrial" en Galicia, a mina supón "unha oportunidade", "xa que creará máis de 400 empregos directos" nunha comarca que "se atopa nunha situación de declive".

Censuran que as plataformas antimina buscan "demonizar" este proxecto, mentres convidan os membros da Eurocámara a coñecelo de primeira man, dado que entenden que a empresa que promove os traballos de reactivación "estará á súa total disposición".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

O lambido de Millán Mon traballando en favor de Galiza, como non podía ser doutro xeito, cuidando os petos dos ricos.

1 miñoca

Para los muy creyentes Millan Mon y Dolors Montserrat. Un pensamiento húmedo:LA HISTORIA DEMUESTRA QUE LAS FINANZAS DEL CIELO SUELEN SER UN ATAJO AL INFIERNO