A suposta avaliación ambiental "deficiente e incompleta" sobre o tramo 2 da A-57 chega á Audiencia Nacional

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), en colaboración coa plataforma veciñal de afectados pola A-57 nas parroquias pontevedresas de Xeve e Bora, presentou unha demanda ante a Audiencia Nacional contra a autorización das obras do segundo tramo da autovía A-57, que discorre entre A Ermida e Pilarteiros, en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/11/2024 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), en colaboración coa plataforma veciñal de afectados pola A-57 nas parroquias pontevedresas de Xeve e Bora, presentou unha demanda ante a Audiencia Nacional contra a autorización das obras do segundo tramo da autovía A-57, que discorre entre A Ermida e Pilarteiros, en Pontevedra. Os portavoces das entidades, nunha rolda de prensa, apuntaron a unha avaliación ambiental "deficiente e incompleta" do impacto do proxecto nun espazo da Rede Natura 2000, e tamén denunciaron o "ocultamento" de parte do Estudo de Impacto ambiental na fase de información pública que, segundo Adega, "debería supor a anulación inmediata do proxecto".

Segundo aseguraron, o Ministerio de Transportes non someteu ao trámite de información pública as Adendas 1 e 2 do Estudo de Impacto Ambiental, correspondentes ao estudo e análise da vulnerabilidade do proxecto ante accidentes graves ou catástrofes, o estudo de hidroxeomorfoloxía, e os posibles efectos significativos directos ou indirectos do proxecto sobre a poboación e a saúde humana. Así, a secretaria executiva do colectivo ecoloxista, Belén Rodríguez sinalou estes argumentos recolleitos na demanda, que apuntan á vulneración do dereito comunitario en materia ambiental, á existencia de fragmentación artificiosa de proxectos, e ao incumprimento da lei vixente en materia de participación pública.

Segundo o informe técnico que acompaña á demanda, a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto "infravalorou" a afección á Rede Natura 2000, no espazo natural protexido e Zona de Especial Conservación (ZEC) Río Lérez. Engaden que tampouco avaliou "adecuadamente" o prexuízo das obras aos hábitats de interese comunitario presentes no territorio afectado. A obra prevé a destrución de 6.220 metros cadrados de superficie ambientalmente protexida, dos cales, 2.210 metros cadrados corresponden ao hábitat prioritario (bosques aluviais maduros), escasamente representado no Estado español.

Por outra banda, tamén se atoparon deficiencias na avaliación das afeccións da obra da autovía sobre determinados elementos da biota ameazada, comprometendo así o seu estado de conservación. Particularmente, habería afeccións graves sobre o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), catalogado como especie "en perigo de extinción", e sobre determinadas especies endémicas de fungos. A demanda presentada por Adega contra este tramo da A-57 representa a reclamación colectiva da plataforma de afectados de Bora e Xeve que rexeita a infraestrutura aprobada. Grazas á campaña de recadación solidaria 'Salva o Lérez. Stop A-57', a entidade ecoloxista puido afrontar os custos derivados da interposición do recurso contencioso-administrativo e a presentación desta demanda.

Adega presenta demanda na Audiencia Nacional contra a autorización das obras do tramo 2 da autovía A-57
Adega presenta demanda na Audiencia Nacional contra a autorización das obras do tramo 2 da autovía A-57 | Fonte: ADEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta