Atalaya Mining confirma que multiplicará por 18 a superficie da explotación da mina Touro-O Pino

Un novo informe da multinacional para captar investidores recoñece que pretende ampliar a explotación a 122,7 quilómetros cadrados, como denunciaron as plataformas veciñais e ecoloxistas. Ademais, dá por sentado o apoio do Goberno galego a este proxecto mineiro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

122,7 quilómetros cadrados. Esa é a superficie que ocuparía a explotación mineira de cobre que pretende poñer en marcha a empresa Atalaya Mining en Galicia. Unha extensión que multiplica por 18 o proxecto inicial presentado á Xunta de Galicia, de 689 hectáreas (6,89 quilómetros cadrados). Así o recoñece a multinacional nun documento interno destinado a investidores.

Parte do informe de Atalaya sobree a mina de Touro.
Parte do informe de Atalaya sobree a mina de Touro.

Confírmanse así as denuncias realizadas por colectivos veciñais, ecoloxistas e gremios e plataformas que teñen denunciado os plans de Atalaya Mining de ampliar a explotación da mina de cobre de Touro-O Pino, pechada en 1986, que agora pasaría a ter unha extensión de 12.270 hectáreas, segundo o documento da propia empresa.

Atalaya Mining vén de presentar un novo informe sobre os seus proxectos mineiros en España: a explotación de Riotinto (Huelva) e o proxecto da mina de Touro. Neste novo documento, que actualiza os datos aportados en informes previos, a compañía recoñece por primeira vez aos posibles investidores que o seu plan é ampliar a explotación mineira en Galicia a 122,7 quilómetros cadrados, como xa avanzaran as plataformas civís galegas que se opoñen a este proxecto.

Así, expón que existe unha "área de exploración adicional asinada en 2017, coa opción de adquirir o 100% das concesións de exploración adxacentes que cobren 122.7km², dando control total sobre o cinto prospectivo coñecido". Detalles dos que non informaba en documentos previos aportados aos potencias investidores, no documento titulado 'A low risk copper producer in Europe', informe que vai actualizando periodicamente e cuxo último reaxuste é de febreiro de 2018.

O documento tamén dá por sentado que o proxecto contará co apoio do Goberno galego, xa que, se di, "Galicia é pro mineira e autónoma".

Mina de Touro.
Mina de Touro.

Respecto do último informe, de decembro de 2017, tamén amplía de 27 a máis de 40 quilómetros a superficie de exploración e perforación completada, o cal indica o grao de desenvolvemento que está a ter o plan da empresa.

O informe dirixido a potenciais investidores tamén expón que existen "paralelismos" co tamén cuestionado proxecto de expansión da mina de Riotinto no que se refire ao desenvolvemnento da enxeñaría de procesos, isto é, deseñar, poñer en marcha e executar todo o necesario para obter a óptima explotación dos sistemas ou procesos a instalar nos departamentos de produción.

O mesmo documento incide en que se trata dun proxecto en "etapa avanzada" e de "baixo risco" para os investidores, mantén que se trata dun plan cunha "excelente infraestrutura e localización", con "acceso a enerxía, auga e estradas", a tan só "80 quilómetros do porto de Vilagarcía de Arousa", e que pode contar con "man de obra local cualificada".

SEGUROS DE QUE A XUNTA APROBARÁ O PROXECTO

No seu informe a investidores, a empresa móstrase segura de que a Xunta concederá os permisos para explotar a mina. Algo que non disimulan. De feito, o conselleiro delegado de Atalaya Mining, Alberto Lavandeira, asegurou este mércores que "se vai a aprobar" e nega todas as acusacións contra o proxecto,

"Non teño a máis mínima dúbida de que se vai a aprobar", dixo Lavandeira, para quen a contestación social de grupos veciñais, ecoloxistas, científicos e sectoriais non é máis ca unha resposra "ideolóxica" e non responde o "apoio" que están a recibir dos veciños da zona.

Atalaya Mining (que cotiza en bolsa en Londres e cuxos socios de referencia son un grupo chinés e outro con sede en Suíza) e Explotaciones Gallegas (propietaria do terreo, que actualmente extrae áridos e á que a Xunta abriu varios expedientes) son as compañías promotoras de Cobre San Rafael, que se atopa en trámites coa Administración autonómica para explotar, en principio, unhas 700 hectáreas de superficie, pero que, segundo comprobou GC, teñen pensado multiplicar por 18.

Lavandeira, máximo representante de Atalaia Mining, é un galego (do Carballiño, Ourense) enxeñeiro de minas con case 40 anos de experiencia no sector mineiro e metalúrxico que, entre outros lugares, traballou no Congo en proxectos envoltos en polémica. Desde 2014 lidera o proxecto de reactivación da mina de cobre de Riotinto, en Huelva.

200 MILLÓNS EN 15 ANOS

"O que máis me doe é que a xente dubide dos técnicos, da Administración e dos sistemas de control", expresou Lavandeira, quen lanzou reproches aos críticos coa mina, aos que quixo responder con "feitos".

Así, sen "nada que ocultar", Lavandeira asegurou ter trasladado o proxecto a colectivos ecoloxistas, e considera "curioso" que "a oposición vén de grupos ideolóxicos". "Deben pensar que os metais nacen nas árbores", ironizou.

Reivindicou, neste sentido, os grandes números da iniciativa: 200 millóns de euros de investimento en 15 anos de vida —"oxalá sexan máis", dixo— e a creación de "polo menos" 400 postos de traballo directos.

Sobre o emprego, rexeitou que sexa "precario". Pola contra, garantiu que será de veciños da zona e indefinido nun 90%, aproximadamente. Con todo, eses postos perderíanse unha vez rematado o proxecto.

Cobre San Rafael non pediu subvención algunha "nin se va pedir" e será unha industria "con tecnoloxía", que contou para o deseño do seu desenvolvemento coa colaboración de universidades e consultoras, segundo engadiu Lavandeira.

CASE 600 SONDAXES SOBRE O TERREO

Polo momento, e durante os últimos dous anos e medio, a empresa asegura ter destinados xa uns 5 millóns de euros en investigación e leva case 600 sondaxes realizadas, 240 delas en leiras de particulares.

E é que a empresa dispón xa dunhas 400 hectáreas, pero opta a comprar, alugar ou cambiar outras case 300, a maior parte de bosque de eucalipto, pero tamén prado e cultivos (que representan un 6% segundo as cifras da mineira).

Cuestionado sobre se a mina, nun futuro, se estenderá cara a outros municipios, como Boqueixón, sinalou que "para iso" está a investigación (con permisos diferentes aos da explotación), pero que por agora "non se sabe". Non afectará o Camiño de Santiago, garantiu. Con todo, o informe da Atalaya Mining destinado a investidores recoñece o seu propósito de multiplicar por 18 a extensión da explotación, detalle que Lavandeira ocultou.

No que entende "unha oportunidade para Galicia" —e recoñece que "é rendible", xa que o prezo do cobre está á alza no medio dunha demanda crecente—, Lavandeira recalcou a intención do seu equipo de "facer as cousas ben". "Minería sustentable. Está moi de moda. A min gústame máis chamarlle minería moderna, de calidade, coas mellores técnicas", incidiu.

"NON SOMOS DELINCUENTES"

Lavandeira comprometeuse a "facer un gran proxecto" cos seus centros de dirección en España, e cargou contra os que advirten de consecuencias ambientais, coas augas dos ríos da comarca no punto de mira. "Din que imos acabar até coa pescada do gran Sol!", exclamou, antes de defender os requisitos que implica unha industria "moderna".

"Non somos delincuentes senón todo o contrario", resolveu, antes de lamentar que se lles tache de ser "sospeitosos" de distintas cuestións. "De crear 4.000 ou 5.000 postos de traballo", apostilou.

Deste xeito, entrou na xestión do que en xerga técnica se denomina "estériles", que son as rocas que "non valen". Hai dous tipos: a de vertedoiro, que non se procesa e se utiliza para recubrir os "ocos" previamente creados para extraer o material; e a que é resultado do procesamiento en planta, que é a que mesturada con auga dá lugar ao que comunmente se denomina lodos.

O conselleiro delegado de Atalaia Mining negou que a súa vontade sexa facer "megaminería" ao explicar que a actividade se fará en varios espazos equivalentes ao que sería unha canteira grande, "nunca de máis de 100 metros".

De feito, os promotores denominan este tipo de minería "de transferencia", que é a que vai extraendo e cubrindo de maneira simultánea. Os seus cálculos en Touro-O Pino sitúan en 85 os millóns de toneladas de mineral e estériles secos no período de 15 anos (xa que o cociente de mineral-estéril é 1/1).

OS LODOS

Tamén desmentiu que haxa "metais pesados" nos lodos, porque, di, non os ten a rocha, segundo argumentou, e agregou que o proceso químico para obter o cobre tampouco achega "para nada" elementos tóxicos.

Os lodos, apuntou, acaban nun depósito que equiparou a un vertedoiro industrial, antes de mostrar unha fotografía súa en Huelva, na mina de Riotinto,m camiñando por enriba deles. A "desgraza" de Aznalcóllar ocorreu "hai 20 anos", subliñou, sobre o desastre producido por unha vertedura de residuos tóxicos no parque de Doñana, pola rotura da presa da balsa de decantación da mina.

Precisamente, acerca da balsa de decantación situada na parroquia de Bama, en Touro, que coas últimas choivas torrenciais se desbordou, asegurou que "está deseñada para que soborde", xa que é, indicou, "un humidal".

En resumo, dixo que "non existe risco", malia as evidencias mostradas de que os ríos da zona están contaminados, e admitiu que hai "un pasado" e "un pasivo" que a empresa asume e do que terá que "facerse cargo". "Imos ter que arranxalo e deixalo mellor", destacou, preguntado pola detección de niveis altos de acidez en augas da zona.

Con anterioridade puxo como exemplo de recuperación unha actuación en Asturias na que unha mina foi rexenerada e actualmente neses terreos cultívanse maceiras e kiwis. Tamén lembrou que hai anos a normativa non contemplaba esixencias como as que están vixentes a día de hoxe.

Preguntado polo momento no que se atopa a tramitación coa Xunta, explicou que se están recibindo alegacións e tentan "mellorar" o proxecto, que se presentou e puxo a información pública en 2017, cunha reacción masiva en contra. Isto, segundo precisou, "non altera o proxecto", senón que "o mellora".

VALORIZACIÓN

Tamén rompeu "unha lanza" a favor de Explotaciones Gallegas, que, dixo, afrontou "un pasivo xigantesco" e dedicouse desde entón a produción de áridos e restauración de terreos.

No que se autodenomina como centro de valorización de Touro-O Pino tamén desenvolven os seus labores Tratamientos Ecológicos del Noroeste, centrada na compostaxe e que fabrica tecnosoles; Tecnología y Reciclaje de Materiales, especializada en reciclaxe de plásticos, e o Centro de Valorización Ambiental del Norte, dedicado á investigación, desenvolvemento e innovación en materia ambiental. Nun momento da súa intervención, o conselleiro de Atalaya Mining informou de que "dous se van trasladar", aludindo a plásticos e tecnosoles.

Mina en Touro.
Mina en Touro.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Resposta contundente

Agora que o bng e as mareas estaban morrendo, teñen aquí o seu Prestige. De facer unha boa oposición poden conseguir moitas alcadias e evitar o atentado mediambiental e a destrucción dos postos de traballo gandeiros, forestás e agricolas da zona.