Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/02/2018 | Actualizada ás 11:52
Un novo desastre medioambiental derivado da actividade mineira en Touro. As abundantes chuvias dos últimos días provocaron o desbordamento dunha balsa na corta de Bama, causando un novo episodio de contaminación no río Brandelos.
A vertedura da balsa —situada a uns 100 metros da canle fluvial afectada e a unha elevación duns 50 metros sobre esta— é de cor turquesa-branqueciña, formando escuma ao baterse e "agravando de xeito preocupante a situación do río Brandelos, que xunto con outras canles fluviais da zona de afección das antigas labores mineiras na zona de Touro, experimenta dende hai anos unha grave problemática ambiental polo desleixo das administracións e os efectos das drenaxes", denuncia a Asociación Aldea Viva, que tomou imaxes deste novo desastre ecolóxico.
Aldea Viva ven de comunicar por escrito a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente este caso e insta as autoridades a "actuar con prontitude ante unha situación que só se pode tratar de insostible dende calquera punto de vista", asegura.
INCOMPATIBLIDADE COA DIRECTIVA EUROPEA
A asociación subliña que esta situación é "manifestamente incompatible" coa Directiva Marco da Auga (2000/60/CE), establecida para deter o deterioro do estado das masas de auga en todo o ámbito da Unión Europea e conseguir un bo estado dos recursos hídricos.
Esta norma afirma nas súas consideracións que "a contaminación química das auguas superficiais representa unha ameaza para o medio acuático con efectos como toxicidade aguda e crónica para os organismos acuátivos, acumulación no ecosistema e perdas de hábitats e biodiversidade, así como para a saúde humana".
Considera, igualmente, que "é preciso identificar as causas da contaminación e tratar as emisión preferentemente na fonte misma, da forma máis eficaz en termos económicos e ambientais", algo que, "en apariencia, a Consellería competente en materia de minas da Xunta de Galicia non está a realizar de maneira axeitada, por máis que o seu director xeral, Angel Bernardo Tahoces, fale reiteradamente de «minería sostible» en apoio das empresas que desenvolven a tarefa extractiva", censura Aldea Viva.
CONTRA INTERESES PARTIDISTAS
Doutra banda, esta asociación expresou o seu rexeitamento á recollida de sinaturas por parte do Bloque Nacionalista Galego (BNG) contra a mina de Touro anunciada estes días, por considerar que se está a facer unha "utilización interesada a nivel político" do movemento social contra a mina.
Aldea Viva considera que "a obriga dun grupo parlamentario é facer labor político, intervir e dar visibilidade aos problemas na casa da soberanía do pobo, que é o Parlamento", mentres que "debe ser a veciñanza" a que se encargue de poñer en marcha iniciativas fóra da Cámara, como a recollida de sinaturas, "sen ningún tipo de 'axuda' externa que se poida interpretar como a politización dunha loita que, por máis que xusta, pertence ao común da xente e non entende de bandeiras nen cores partidarias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.