Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2018 | Actualizada ás 10:00
A empresa Caolines de Vimianzo, S.A.U solicitou a autorización para investigar no Concello de Laxe un total de 12 cuadrículas mineiras, correspondentes aos permisos denominados Jorge Reyes nº 7148 e Don Sebastián nº 7147. O obxecto destas investigacións son a procura de caolín, mica e sección C.
Así, saíu publicado no DOG do pasado 4 de decembro o período de alegacións que estará ata aberto ata o vindeiro 17 de xaneiro. Desta maneira as persoas afectadas poderían presentar as alegacións convenientes aos permisos de investigación mineira solicitados por Caolines de Vimianzo, S.A.U nos concellos de Laxe, Cabana e Zas.
Segundo apunta a Asociación Petón do Lobo “a autorización presentada pola empresa coincidiría co desenvolvemento do convenio de colaboración asinado entre a Cámara Oficial Mineira de Galicia, a empresa Caolines de Vimianzo (Cavisa) e o concello de Laxe”. As mesmas fontes apuntan que “o convenio asinado entre o alcalde de Laxe, José Manuel Mouzo Castiñeira, o presidente da Cámara Mineira, Juan de Dios Martín Aparicio e o director xeral de Caolines de Vimianzo (Cavisa), Juan José López Muñoz, daría pé ao pulo que cobran estes proxectos mineiros na actualidade”.
A cuestión é que estas investigacións volven “tras ser desbotadas xa no seu día polo anterior alcalde socialista por ser incompatibles cos núcleos de poboación aos que afectan”. A Consellería de Economía e Industria aprobou por medio da Resolución do 11 de novembro de 2011, DOG núm. 236, do 13 de decembro, a admisión a trámite da solicitude presentada por Caolines de Vimianzo, S.A.U., para o permiso de investigación. Esta admisión foi declarada definitiva pola Resolución da Xefatura Territorial da Consellería do 3 de abril de 2014.
No comunicado enviado por Petón do Lobo sinalan que “todas as persoas que se consideren afectadas por este permiso de investigación poderán examinar o expediente na Sección de Minas da Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria, ou na web http://ceei.xunta.gal/expediente-explotacions-mineiras e alegar por escrito todo o que crean oportuno presentándoas en calquera oficina das previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.