Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2021 | Actualizada ás 11:33
Sindicato Labrego Galego e colectivos veciñais e ecoloxistas denunciaron a realización de prospeccións mineiras "ilegais" nos concellos coruñeses de Coristanco e Santa Comba.
Nun comunicado subscrito polo SLG e a Rede Contra a Minaría destrutiva de Galiza, estas entidades informan da presentación o pasado mércores dunha solicitude de paralización e apertura de expediente sancionador contra a compañía Corcel Minerals SL.
Sosteñen que esta empresa levou a cabo actividades mineiras que "non foron sometidas a información pública nin ao exame dos distintos organismos sectoriais para avaliar os seus potenciais impactos".
Ademais, aseguran que as prospeccións na zona húmida Braña da Serra, unha área "de especial valor e alta singularidade ecolóxica", carecen de plan restauración ou estudo de impacto ambiental.
Os colectivos advirten que as "sondaxes inclinadas" que leva a cabo a compañía neste punto "poderían afectar acuíferos e reservas freaticas de auga" posto que na zona existen "varias fontes" que serven ás familias que viven na contorna.
Así as cousas, denuncian que as prospeccións foron paralizadas por orde da Administración autonómica a mediados do mes de xuño, pero, tres meses despois, a compañía retomounas "evidenciando que consideran perfectamente factible operar sen cumprir o marco normativo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.