Contundente informe de Agricultura contra a mina de seixo de Erimsa en Mesía

Adega celebra a decisión do departamento de Medio Rural e demanda á Dirección Xeral de Enerxía e Minas que denegue o proxecto de explotación. Tamén pide que se faga o mesmo co proxecto mineiro de Touro-O Pino.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/02/2018 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

"Esta Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias non pode por máis que pronunciarse en contra do proxecto sinalado, ao considerar que os importantes efectos negativos que se causarían sobre a produción agrogandeira da zona, afectarían grandemente aos concellos de Mesía e Frades, por ser esta un piar fundamental da súa actividade económica, social e cultural, manténdose a dita afectación negativa no tempò tralo remate das actuacións". Así de contundente se expresa o departamento de Medio Rural sobre o proxecto de Erimsa, empresa norueguesa de capital chinés.

Traballos mineiros de ERIMSA
Traballos mineiros de ERIMSA | Fonte: Adega

Oito meses despois da emisión por parte de Medio Rural do informe preceitivo sobre o proxecto de mina de seixo en Mesía, coñécese agora o contido deste informe, no que se expresa con claridade: "Dsde a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias rexeitamos o proxecto con rotundidade, e recomendamos que non se permita a realización dos traballos referidos."

A mina de seixo afectaría a 761 hectáreas nos concellos de Mesía e Frade. Todas as parcelas agrícolas afectadas pola pretendida explotación teñen a consideración de "zonas de especial interese agraroi", e moitas delas ademais están en ecolóxico (110 hectáreas). O CRAEGA (Consello regulador da agricultura ecolóxica de Galiza) xa advertira que o aproveitamento mineiro é incompatíbel cos estándares ecolóxicos, sendo causa da perda automática do selo ecolóxico, salienta a asociación ecoloxista Adega.

A Administración subliña tamén, como expresou a plataforma veciñal, os grupos da oposición no Concello e Adega, que o proxecto de restauración é "pouco concreto" e non da axeitada resposta a cuestións claves como a acidez do solo ou as necesidades de terra vexetal.

"No seu momento subliñamos que nalgunhas parcelas xa explotadas pola empresa, 15 anos despois aínda están sen restaurar. E nas 'restauradas' a produtividade agrícola descendeu notablemente, ficando practicamente improdutivas", advirte Adega.

Traballos mineiros da empresa ERIMSA, que pretende instalarse en Xanceda
Traballos mineiros da empresa ERIMSA, que pretende instalarse en Xanceda

O departamento da Xunta de Galicia tamén subliña que nas parcelas afectadas pola mina —algunhas das máis fértiles e produtivas de Galicia, subliña Adega— se investiron millóns de euros (20 millóns, só en Mesía) en concentracións parcelarias e outros 608.000 euros en axudas ás industrias agroalimentarias e para a comercialización dos seus produtos. "Todos estes investimentos ficarían derramados polo aproveitamento mineiro, a maoir gloria dos beneficios de Erimsa", expoñen os ecoloxistas.

Ante este "demoledor informe", Adega demanda á Dirección Xeral de Enerxía e Minas que denegue o proxecto de explotación de seixo de Erimsa para a concesión 'Xanceda 7138' e similares, nos concellos de Mesía e Frades.

MINA DE TOURO-O PINO

"Agardamos que tanto Medio Rural como outros departamentos autonómicos (Augas, Medio Ambiente, Patrimonio...) fagan o mesmo e informen negativamente sobre o outro proxecto mineiro, a mina de cobre de Touro-O Pino, que ameaza non só á comarca senón tamén á Ría de Arousa", expresa Adega.

Os ecoloxistas lembran que tanto o proxecto de Mesía como o de Touro foron tramitados antes de que o PP aprobase a "Lei de Depredación", e os informes preceitivos dos distintos departamentos da Xunta son aínda determinantes.

Por tanto, din, "as súas determinacións deben terse en conta nas resolucións". Porén, advirten de que "nada impide que estas empresas depredadoras, con concesións mineiras por ducias de anos, volten a presentar os seus proxectos nuns meses, o que xa implicará a súa tramitación 'express' sen máis condicionantes que os que Industria decida".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta