O desbordamento da balsa mineira de Touro chega a Bruxelas

A eurodeputada Lídia Senra denuncia ante a Comisión Europea a vulneración de varias directivas por parte da empresa que xestiona a mina.

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 22/02/2018 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra vén de denunciar ante a Comisión Europea (CE) o desbordamento dunha balsa de residuos na parroquia de Bama, na mina de Touro. A parlamentaria rexistrou un escrito en Bruxelas no que informa dos danos ambientais que provocan as continuas verteduras que se producen na zona.

Balsa da mina de Touro
Balsa da mina de Touro | Fonte: Aldea Viva.

Senra considera que o desbordamento que tivo lugar o pasado día 15 da balsa de Bama, que está situada a só cen metros do río Brandelos, a onde foron parar os residuos, é xa "a gota que colma o vaso" e "un exemplo claro de vulneración" da Directiva 2006/21/CE referida á xestión dos residuos de industrias extractivas e da Directiva 2004/35/CE sobre responsabilidade e reparación de danos ambientais.

Ademais, Senra defende que tanto as empresas responsables daquela explotación mineira, como a Xunta de Galicia e o Goberno español están a vulnerar totalmente a Directiva Marco da Auga 2000/60/CE, por non facer nada ante a continua contaminación que padecen as canles fluviais da contorna, moitos regatos pequenos que van parar ao río Ulla, trasladándose a contaminación até a ría de Arousa.

“Estamos a falar dun problema que trascende o local, que vai moito máis alá de Touro e que contamina desde os pastos que hai a carón dos regatos de Touro até os bancos marisqueiros da costa”, dixo. “E ademais non é un problema puntual dun día. Eu mesma vin nunha visita realizada á zona no pasado outubro como ía o rego Pucheiras, por exemplo, tamén afluente do Ulla, no treito posterior á mina. Arriba da mina vai claro e vivo, abaixo da mina vai totalmente turbio e morto, e isto é a diario. Está á vista de calquera”, argumentou. 

Neste sentido, Senra pídelle á CE que "actúe dunha vez e adopte as medidas necesarias para comprobar se se está aplicando ben ou non a Normativa da Unión con respecto a esta situación, máxime cando por se non fose suficiente con este problema que se leva arrastrando décadas, está enriba da mesa un proxecto de nova explotación de mina de cobre a ceo aberto en Touro e O Pino por parte de Cobre San Rafel S.L. que de ir adiante ocuparía a barbaridade de 122 quilómetros cadrados", alertou a eurodeputada.

Vertedura dunha balsa da mina de Touro ao río Brandelos
Vertedura dunha balsa da mina de Touro ao río Brandelos | Fonte: Aldea Viva.

O escrito de Lídia Senra á CE non é o primeiro que esta eurodeputada presenta nas institucións comunitarias relativo a este tema. De feito, Senra xa informou no pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, en outubro, da vertedura continuada de residuos tóxicos que se podería estar levando a cabo na actualidade e sen ningún tipo de control nas instalacións da antiga mina.

Senra levou daquela ao hemiciclo europeo fotografías que amosaban o estado dos ríos e a zona, así como as escombreiras e balsas, que poderían estar sendo utilizadas, como asegura a veciñanza, para verter residuos, algúns deles tóxicos, sen tratamento previo e chegados de diferentes lugares da Galicia en camións. Nunha intervención no pleno, Senra pediu que se abrise canto antes unha investigación independente que inclúa a realización de analíticas tanto das augas dos ríos como das balsas e escombreiras.

Tamén en outubro rexistrou unha pregunta por escrito dirixida á CE na que informaba sobre o novo proxecto mineiro previsto para a zona e advertía que non sería compatible coa Directiva 2006/21/CE. Non obstante, daquela a CE considerou que debido a que as operacións de extracción do mineral aínda non comezaron porque o novo proxecto aínda non ten a concesión, resultaba prematuro avaliar se coa actividade da mina se vulneraría ou non a citada directiva relativa á xestión dos residuos de empresas extractivas.

Non obstante, na súa resposta, o comisario de Medio Ambiente europeo, Karmenu Vella, advertía: “Nos Estados membros recae a responsabilidade primaria de traspoñer e aplicar correctamente a lexislación da UE, así como de arbitrar medidas que garantan a protección xurídica efectiva nos ámbitos cubertos por dita lexislación. En caso de evidenciarse unha aplicación incorrecta do Dereito da Unión, a CE, na súa función de gardana dos Tratados, adoptará as medidas necesarias, que inclúen no seu caso, procedementos de infracción”.

Senra considera que o desbordamento da balsa a semana pasada é un "claro exemplo de vulneración das normativas europeas" e agarda por iso, que agora si a CE tome cartas no asunto. A Comisión debería respostar no prazo de entre catro e seis semanas á nova petición da eurodeputada galega.

ACTOS CONTRA A MINA

Continuando co apoio á loita da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NONLídia Senra participará este venres, 26 de febreiro, ás 20:30 horas na Estrada (Sala Abanca, rúa Calvo Sotelo), nun coloquio organizado pola propia plataforma, Móvete (Movemento Veciñal Estradense) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Baixo o título “A mina de Touro-O Pino tamén lle afecta á Estrada, no coidado do río Ulla”, intervirán como ponentes a propia Lídia Senra, a bióloga e membro da SGHN Aurora Puentes, a concelleira da Estrada Mar Blanco Casais, e representantes da Plataforma Minta Touro-O Pino NON.

Xa o domingo, Senra ten previsto tamén acudir á manifestación-tractorada que convoca a Plataforma e que partirá ás 12:00 horas da antiga balsa mineira de Angumil para rematar no Concello de Touro. A eurodeputada anima a toda a sociedade a participar dos actos e mobilizarse contra este proxecto para “paralo entre todas e todos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta