Denuncian opacidade e continuísmo da Xunta na elaboración da nova Estratexia galega de minería sostible

Rede contra a Minaria Destrutiva na Galiza e entidades ambientais galegas denuncian unha "negociación bilateral, opaca e sen participación pública" por parte da Xunta co "lobby mineiro".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/09/2021 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

Entidades ambientais galegas veñen de denunciar o "oscurantismo" co que a Xunta está a elaborar a "Estrataxia galega de minería sostible" co sector mineiro. Así, entidades entre as que se atopa a Asociación ambiental Petón do lobo, censuran que a administración autonómica ignore que o documento deba someterse á "preceptiva" información pública e obvie a declaración de impacto ambiental estratéxica e o Informe de repercusións sobre a Rede Natura 2000 que prescribe a actual normativa ambiental.

Efectos mina de Touro. SALVEMOS CABANA
Efectos mina de Touro. SALVEMOS CABANA

Segundo indican dende Petón do lobo, o vicepresidente segundo e conselleiro da Xunta, Francisco Conde, leva dende xullo negociando de forma bilateral e opaca co "lobby mineiro" un documento que, auguran, perpetuará "os erros da vella estratexia galega da minaría irresponsable". Negociación opaca e bilateral fronte á que sitúan o exemplo doutras comunidades autónomas e países da contorna que abren un periodo de información pública para someter "a consulta o borrador da Declaración de Política sobre Exploración e Minería de Minerais" xunto co "informe ambiental asociado e a declaración de impacto sobre a Rede Natura".

As entidades ambientais galegas sinalan ademais que a participación cidadá nos procesos de elaboración da normativa está recoñecida legalmente en tratados internacionais e normas comunitarias. Ao tempo, lembran que o presidente da Cámara Mineira de Galicia, Juan José López, está vencellado a empresas como Rafaella Resources e Córcel Minerals "coñecidas polos incumprimentos reiterados da normativa mineira en relación a sondaxes mineiras ilegais e á falla de restauración minera do chamado grupo mineiro Santa Comba".

Dende Petón do Lobo manifestan que a “nova Estratexia galega de minería sostible” debera pasar en primeiro lugar por restaurar os espazos mineiros degradados que aínda non se restauraron como a antiga mina do Monte Neme, a mina de Santa Comba, a mina de San Finx de Lousame ou a de Touro. E que " non se pode falar de nova estratexia galega de minería sostible cando se perpetúan os erros da vella estratexia galega da minería irresponsable".

"ALGO SE ESCONDE"

Ecoloxistas en Acción Galicia puxo en marcha a campaña 'Algo se Esconde' para denunciar "falta de transparencia" da Xunta na autorización de proxectos mineiros "altamente contaminantes" por todo o país.

Nun comunicado remitido aos medios, a entidade asegura que "só nos últimos anos", o Goberno galego "aprobou proxectos para minas que non foron sometidas a avaliación ambiental, negou a personación no proceso de autorización tanto a organizacións ecoloxistas como a veciños e escondeu información fundamental sobre os expedientes, que debería ser pública".

Ecoloxistas en Acción sostén que estes feitos deron lugar a numerosas denuncias xudiciais e queixas ante o Valedor do Pobo e outros organismos, mostrando "graves irregularidades" en casos como os da mina de Touro.

O representante da entidade Cristóbal López sinala que "estes casos de ocultación de información aos veciños e ás organizacións ecoloxistas non son illados". "É un modus operandi da Xunta", afirmou, Ante iso, Ecoloxistas en Acción difundirá durante os meses de outubro e novembro casos coa intención de denunciar "malas prácticas" por parte do Goberno galego á hora de xestionar as concesións mineiras e alertar sobre as consecuencias que isto pode ter sobre a cidadanía e o medio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta