Cobre San Rafael négase a facer pública información sobre o proxecto de drenaxe da Mina de Touro

A empresa presenta recurso ante a Xunta e a Valedora do Pobo para impedir o acceso de Ecoloxistas en Acción ao expediente do proxecto e acusa a entidade ecoloxista de manipular e terxiversar informacións relativas á minería.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/12/2021 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

O pasado 17 de novembro, o CEO representante da empresa Cobre San Rafael, S.L. (CSR), presentou un recurso administrativo ante a Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, contra a súa Resolución de acceso de información ao Expediente relativo os expedientes de restauración medioambiental e ao proxecto de drenaxe temporal da Mina de Touro.

Efectos mina de Touro. SALVEMOS CABANA
Efectos mina de Touro. SALVEMOS CABANA

Na devandita resolución, a Consellería permitía o acceso a Ecoloxistas en Acción ao expediente correspondente ao proxecto de drenaxe temporal para a concesión de explotación “San Rafael” e aos plan de labores e restauración medioambiental da concesión en atención á aplicación da Lei 27/2006 pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.

Con esta actuación, denuncian dende Ecoloxistas en Acción, a empresa pretende "agochar información relevante sobre un proxecto de enorme calado", xa que implica unha autorización de vertidos de augas residuais mineiras nos cauces pluviais da zona e supón ademais unha "modificación substancial do proxecto definitivo de abandono e clausura da instalación e do plan de restauración".

ACUSACIÓNS CONTRA ECOLOXISTAS EN ACCIÓN

No recurso presentado, Cobre San Rafael abunda en insultos e descalificacións contra Ecoloxistas en Acción polo labor que desempeña. Concretamente, no recurso, CSR acusa á organización ecoloxista de utilizar “el cauce legal de las solicitudes de acceso para obtener información sensible con la expresa y espuria intención de filtrarla y entregarla a terceras entidades que vienen haciendo un uso indebido, por manipulación intencionadamente tergiversada e infundada de su contenido, redundando en perjuicio y descrédito público” da mineira.

Igualmente, achaca á entidade  “espurias intenciones” que chegan ao extremo de materializarse a través da “interposición de denuncias penales sin fundamento objetivo alguno, con patente, abusiva y temeraria utilización de los cauces procesales", pretendendo abrir  causas penais xerais contra "determinadas empresas y proyectos mineros, afectando incluso a profesionales como Directores Facultativos y otros ingenieros y a funcionarios y cargos públicos”.

A empresa tamén ridiculiza e pon mesmo en dúbida o traballo dos empregados públicos da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, acusándoa de aplicar “Justicia salomónica” ao dar acceso ao expediente referido, cometendo así “una flagrante desviación de competencia, e infringe, como destacamos en el encabezamiento de esta alegación, los principios de rogación y congruencia, al concederse el acceso ultra petita"  e deixarse influenciar polas informacións mediáticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta