Por Galicia Confidencial | Ribeira | 25/06/2018 | Actualizada ás 18:03
O veleiro Diosa Maat, icona da ONG Ecoloxistas en Acción, atracou na ría de Arousa esta fin de semana para apoiar a loita en contra da posible reapertura da mina de cobre de Touro-O Pino, que "presenta graves perigos para o medio ambiente, incluíndo á poboación dos arredores", alerta a organización.
Desde a plataforma ContraMINAcción e a organización Ecoloxistas en Acción coordinaranse estes días diferentes accións e actividades co obxectivo de unir forzas e "poñer fin ao perigoso proxecto".
O buque insignia de Ecoloxistas en Acción, Diosa Maat, atracou na tarde do sábado día 23 de xuño no porto de Ribeira para coordinarse coas distintas organizacións que loitan contra a posible instalación dun proxecto mineiro en Touro-O Pino que, alertan, "podería afectar moi gravemente á ría de Arousa e ao modo de vida sustentable de miles de familias que dependen da calidade das augas desta ría para o seu sustento".
Activistas do veleiro Diosa Maat van coordinarse ao longo desta semana con distintas organizacións galegas que loitan contra a minería contaminante para abordar estratexias conxuntas para poñer fin a estes proxectos. "O caso da mina de Touro, forma parte dun fenómeno maior que se está dando en diversos puntos de España, como son as balsas de Riotinto ou a mina de Santander", explican desde a ONG.
ACCIÓNS
Nos próximos días proxectan asistir o mércores día 27 ao pleno convocado polo Concello do Pino onde a oposición municipal presenta unha moción contra a mina así como varias preguntas relacionadas coas últimas denuncias realizadas contra a explotación. Neste pleno, os veciños pediron tamén unha intervención para solicitar ao Concello o rexeitamento á mina.
Durante a xornada, as persoas que representan a Ecoloxistas en Acción darán unha rolda de prensa e aproveitarán para visitar Touro. Durante o encontro con persoas da plataforma Mina de Touro-O Pino NON, compartirán experiencias na loita contra Atalaya Mining, onde Isidoro Albarreal, de Ecoloxistas en Acción en Sevilla e outros destacados activistas farán unha exposición da traxectoria e situación da loita pola paralización da mina de Riotinto, impulsada pola mesma compañía mineira.
O día 28, Ecoloxistas en Acción convidará os medios de comunicación a unha visita a bordo, e se as condicións meteorolóxicas permíteno, farán unha saída pola ría. Pola tarde terá lugar unha mesa de traballo en Ribeira entre Ecoloxistas en Acción e distintas organizacións galegas de ContraMINAcción que traballan contra a minería contaminante. Aquí explicarase a situación das diferentes loitas contra os proxectos de Atalaya Mining en Riotinto e Touro-O Pino e compartiranse experiencias e estratexias.
Durante esta semana, Ecoloxistas en Acción convidará o público en Ribeira a participar na súa campaña contra a sobrepesca coa actividade “Como Peixe na auga” xunto a outras dinámicas. O taller consiste na recollida de fotos de persoas con caretas de peixes a modo de recollida de firmas para facer unha montaxe final e enviala a Bruxelas para pedir mellores leis e aplicación para combater a sobrepesca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.