Por Galicia Confidencial | Allariz | 23/11/2024 | Actualizada ás 10:00
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz, evento referencial de Galicia e consolidado como motor cultural e económico desta vila, rematou a súa 14ª edición cun notable éxito, superando as 35.000 persoas visitantes. Este 2024 celebrouse baixo o lema "O xardín é unha obra de arte" e vén de dar a coñecer o gañador.
Segundo destacou o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, “as máis de 35.000 persoas visitantes reflicten a consolidación do Festival ao longo dos anos, converténdose nun evento anual clave para Allariz, tanto no ámbito cultural como no económico”. Neste éxito acadado ao longo das súas 14 edicións o concello agradece o apoio de diversas asociacións e empresas do sector, que contribuíron ao crecemento e expansión do evento. A colaboración da Asociación Galega de Apicultura, de AGAEXAR, Garden Tours e Bomarzo foi esencial neste proceso, reforzando a presenza do Festival como un referente no ámbito do deseño paisaxístico.
Na súa 14ª edición, o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, superou as 35.000 persoas visitantes
PREMIO PARA O MELLOR XARDÍN PARA OS VISITANTES
Nesta edición, o proxecto que máis lles gustou ás persoas visitantes foi "O xardín do revés", presentado polo equipo madrileño "Esto no es un grupo de arquitectura", foi o gañador, obtendo o 49,45% dos votos. Este xardín surrealista, inspirado na arte de René Magritte, cativou ás asistentes co seu deseño onírico e misterioso, e permanecerá no recinto do Festival durante a edición de 2025.
En segundo lugar, cun 15,1% dos votos, situouse "Entra nunha obra de arte", do equipo vienés The Gallerist, mentres que o terceiro posto foi para o xardín portugués "A galería de arte", obra de Hugo e Rita, que alcanzou o 8,95% dos votos.
EDICIÓN 2025
A edición que se celebrará en 2025 farao baixo o lema "Cambio climático: Unha oportunidade para o xardín". Actualmente, está en pleno proceso de recepción de proxectos, co prazo aberto ata o 30 de novembro.
O lema para a 15ª edición: "Cambio climático: Unha oportunidade para o xardín"
Trátase de elaborar propostas que, nestes tempos de alteracións climáticas, permitan poñer en valor o paisaxismo, a xardinería e o goce de zonas verdes como elementos imprescindibles para o benestar das persoas.
Toda a información para inscribir proxectos está na páxina web do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.