Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 22/11/2024 | Actualizada ás 22:00
Se saímos á rúa e preguntamos á xente que é o que está a causar o cambio climático, de seguro que a maior parte das respostas irán na mesma dirección: o ser humano coa súa actividade capitalista, as fontes de enerxía fósiles e a súa emisión de CO2, o dióxido de carbono que provoca o quencemento global... Do mesmo xeito, se acto seguido preguntamos a esa mesma xente como se atopa o planeta medioambientalmente falando a día de hoxe, as respostas poderían ser mal, moi mal ou peor que no pasado. Sen embargo, dende o Galicia Confidencial falamos co investigador e profesor da Universidade da Coruña (UDC) Alejandro Martínez Abraín, que nos explica por que todas estas crenzas non son tal e como nolas contaron a pesares de ser, innegablemente, as predominantes na sociedade a día de hoxe. O profesor Martínez Abraín foi poñente nas xornadas 'VII Xornadas de Patrimonio Natural e Biodiversidade' organizadas o pasado venres pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
O primeiro que nos asegura é que sente unha fonda tristura pola xente máis nova, porque "dáme moita pena esa ansiedade ambiental que teñen a día de hoxe", pois afirma que "non teñen motivos para estar así". Con todo, advirte que "se xerou unha atmosfera tan negativa que constantemente os mantén deprimidos" arredor do medio ambiente. Moi pola contra, o profesor da UDC considera que, "aínda que teñen moitas causas polas que loitar para mellorar este mundo, débeno facer dende a esperanza, non dende o apocaliptismo e a negatividade", xa que, "o que están conseguindo os continuos bombardeos de información sesgada por parte dos medios de comunicación e as redes sociais é transmitir unha imaxe de pesimismo que non é nada boa, nin serve absolutamente para nada máis que querer cortarse as veas". Tras ter vivido e loitado dentro do movemento ecoloxista, iniciado na década dos 80 do século pasado, o investigador lembra que, "naquela época, cando comezou tivo lugar a gran proliferación industrial, si que as cousas estaban realmente mal, a natureza neste país tocara fondo histórico, seguramente nunca estivera tan mal: había polución no aire, as augas continentais estaban moi contaminadas, as especies protexidas practicamente non existían, non había lexislación ambiental...".
Fronte a ese tempo, "agora temos unha das lexislacións ambientais mellores de toda Europa, co 30 % do país considerado área protexida se se inclúe a Rede Natura 2000, con todo tipo de catálogos e listados de especies protexidas e cunha calidade das augas que mellorou nos ríos unha barbaridade (antes só había londras nas cabeceiras dos ríos, porque era onde non as perseguían e había auga máis limpa, mentres que agora hainas ata as desembocaduras, e mesmo saen ao mar e vanse ás illas), entre outros moitos logros". É por todo isto que, para Martínez Abraín, "as cousas están moitísimo mellor agora", o que acontece é que "a sociedade española chegou con retardo á concienciación medioambiental", como a tantas outras cousas, "chegou tarde a darse conta de que a natureza estaba aí e que había que protexela". Entre chanceos o profesor da UDC aínda se lembra de cando "nos 80 eramos un feixe de tolos os que ibamos a encadearnos ás máquinas, porque estaban destruíndo os últimos marxais costeiros", mentres que "agora, e en gran parte pola influencia dos 'mass media', o medio ambiente convertiuse nalgo que importa a todo o mundo". Neste contexto, "semella como se a xente descubrise a natureza agora", e, partindo desa base, "ao non ter referencias históricas anteriores, pensan que agora todo está moi mal, cando non é verdade".
"OS 'LOBBIES' QUE VIVEN DA CONSERVACIÓN AMBIENTAL TENDEN A ESAXERAR AS COUSAS PORQUE PENSAN QUE SÓ ASÍ CONSEGUIRÁN FINANCIACIÓN"
Para o tamén investigador ambiental, "o de que o medio ambiente está moi mal é unha idea falsa produto das circunstancias que vivimos no século XXI, rodeados de medios de comunicación e dunha sobredose de información constante". E insiste en que "á sociedade española chegou aínda agora a preocupación en masa pola natureza, con 40 anos de retraso". Sen embargo, Martínez Abraín afirma que "a loita ambiental non empezou agora, senón que comezou fai moitas décadas, e agora xa se notan os efectos da mesma". Entre esas cousas que se lograron en prol do medio ambiente fai xa moitos anos, resalta a creación de Consellerías de Medio Ambiente nas autonomías, competencia transferida polo Estado ás autonomías a mediados dos anos 80 e que aínda perdura a día de hoxe. E para explicar por que a xente ten unha visión tan catastrofista do panorama actual, Martínez Abraín sinala un fenómeno que o oceanógrafo Daniel Pauly deu en chamar 'síndrome ou punto da referencia cambiante'. "Como moitas persoas non teñen un bo coñecemento do pasado, establecen liñas de referencia novas cada vez", explica o profesor da UDC, que exemplifica que "se as persoas poñen como referencia o ano do seu nacemento, no caso dos máis novos, de seguro que os ríos xa estaban moito mellor cando eles naceron que 30 anos antes, pero eles non o saben, porque non gozan da referencia correcta".
Sobre o 'Living Planet Index' (LPI), o informe realizado polo Fondo Mundial para a Natureza (WWF) no que se seguiron ao redor de todo o mundo máis de 30.000 poboacións de 5.000 especies de vertebrados diferentes ao longo de 50 anos e se conclúe que estas declinaron nun 73 %, Martínez Abraín amósase contundente: "Se iso é certo, mañá mesmo me dou de baixa na WWF, porque significaría que están facendo moi mal o seu traballo". Pola contra, e aínda que a rasgos xerais o profesor da UDC considera que estas organizacións ecoloxistas fan ben o seu traballo, cre que "esaxeran os resultados" debido a que "estes 'lobbies' que viven da conservación xerados desde os anos 80 cren que facer crer á xente que as cousas van moi mal é a maneira de seguir funcionando como 'lobby', de conseguir financiación", polo que "tenden a xerar paisaxes do medo". Para o investigador isto non é algo novo, pois "o medo é un truco moi antigo para controlar á humanidade: xerando medo na xente é máis sinxelo tela controlada e que, neste caso, che aporte recursos para manter a túa actividade". Pola contra, "se estes 'lobbies' fosen por aí dicindo que as cousas non están tan mal, baixo o seu punto de vista, a xente perdería interés pola súa loita"; cando para Martínez Abraín sería todo o contrario, pois estarían demostrando realmente a súa efectividade. De feito, apunta a un estudo publicado na revista 'Nature Communications' que afirma que os cálculos do LPI están mal feitos.
"XEROUSE UNHA ESPECIE DE DOGMA QUE FAI QUE SE TI AGORA FALAS DE CAMBIO CLIMÁTICO SE ASOCIE A QUE ESTÁ CAUSADO POLO SER HUMANO AO 100 %"
Indo concretamente á realidade actual do cambio climático, Martínez Abraín considera que "xerouse unha especie de dogma, case relixioso, que fai que se ti agora falas de cambio climático inmediatamente se asocie a que estás a falar de cambio climático de orixe antrópico, é dicir, causado 100 % polo ser humano, e esa é unha realidade que se transmite en nome da Ciencia". Sen embargo, "non é certo que iso sexa o que nos dá a entender a Ciencia, pois hai centos de artigos de grupos de investigación que traballan, por poñer só un exemplo, coa influencia astronómica sobre o clima, sobre todo a do Sol, pero tamén a das supernovas e a da radiación de fondo", e todos os resultados e análises destes artigos non se están a ter en conta. Por que? Porque para o profesor da UDC, "a cuestión do cambio climático xa está completamente mediatizada, e a todo o que se publica en relación ao papel que xogan o Sol e os astros nel non se lle dá publicidade". Así, asegura que "se a día de hoxe un grupo de investigación plantexa un estudo sobre a influencia, por exemplo, das nubes sobre o clima, ninguén lle vai dar financiamento, porque vai en contra do dogma", algo que indica que xa pasou en Dinamarca. Dogma que, para o investigador, sen dúbida, "é moi perigoso", xa que "nos fai vivir nuns tempos case inquisitoriais para a Ciencia, con científicos que teñen medo a falar en contra do dogma porque poden quedar marcados".
Dentro de todos os estudos que falan sobre a influencia dos astros no cambio climático, Martínez Abraín sinala un elaborado por un científico italiano da Universidade de Napoli que "di que o Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) está modelizando mal o clima, así de claro". En que sentido? Pois no de que "dende os anos 70 do século pasado instaláronse sensores nos satélites que medían o que se chama a constante solar, que son os cambios na irradiancia do Sol que se dan entre os períodos de maior e menor actividade da nosa estrela, que adoitan abranguer miles de anos" e "como viron que ese cambio era moi pequeniño, automaticamente descartaron que o Sol influíse no aumento da temperatura actual e centráronse en que este era causado pola acción humana". Sen embargo, "os propios científicos que agora traballan co Sol aseguran que aínda que ese cambio na irradiación sexa moi pequeno, ten un efecto enorme, ao mellor non de xeito directo, pero si intervén sobre o aumento das temperaturas por outras vías". E é que o clima é algo moi complexo, polo que o seu cambio "non se pode reducir simplemente aos gases de efecto invernadoiro", advirte o profesor da UDC.
"DENTRO DOS GASES DE EFECTO INVERNADOIRO, O QUE TEN UN EFECTO MÁIS POTENTE É O VAPOR DE AUGA; O CO2 É UN GAS DE DÉBIL EFECTO INVERNADOIRO"
Ademais, sobre os gases de efecto invernadoiro, o investigador tamén asegura que non se ten unha concepción correcta. E é que "dentro deses gases, o que ten un efecto invernadoiro máis potente é, sen dúbida, o vapor de auga, con moitísima diferenza, seguido doutros gases como os óxidos de nitróxeno e o metano", mentres que "o CO2 é un gas de débil efecto invernadoiro", pero "céntrase nel a atención polo dogma que creou o IPCC sobre el". Para o investigador, non é correcto convertir todo o que di este panel en palabra de deus, xa que, "como o seu propio nome indica, trátase dun panel intergubernamental, é dicir, dun organismo político", o que supón que "os científicos que o integran están nomeados polos gobernos dos países membros, é dicir, ligados á política". Así as cousas, para Martínez Abraín, "este organismo demostrou sobradamente que o seu obxectivo non é científico, non é tratar de explicar a que se debe o actual aumento da temperatura global, senón tratar de demostrar que o aumento da temperatura só se debe ao CO2, hipótese sesgada xa de partida e cientificamente incorrecta". Pero por que o interese en facer isto? Aínda que o profesor da UDC confesa que ese non é o seu campo de traballo, concede que seguramente haxa intereses políticos detrás.
E, dentro deses intereses que poderían levar a instaurar o dogma de que o CO2 é o causante por excelencia do cambio climático, estaría o xa famoso 'peak-oil'. Como explica, "o petróleo non é máis que o resultado de organismos vivos, fundamentalmente placton, que fai moitísimos millóns de anos quedaron soterrados sen chegar a descompoñerse e que, agora, se extraen do interior da terra", mentres que "o carbón é exactamente o mesmo, pero moito máis recente e procedente de bosques soterrados e sen descompoñer". Ambos, tras ser descubertos, viñeron sendo empregados como fonte de enerxía e deron lugar á sociedade actual tal e como a coñecemos, con todas as súas comodidades. A enerxía destas fontes obtense ao queimar as substancias, proceso durante o cal "se devolve o CO2 que ese placton e esas árbores fixaron fai centos ou miles de millóns de anos á atmosfera". Con todo, fai non tanto tempo descubriuse que o petróleo e o carbón non son infinitos nin ilimitados, senón que poden acabarse. Entón, había que atopar remedios. "Eu lémbrome do prestixioso ecólogo Ramón Margalef, que xa nos anos 60 do século pasado dicía que o petróleo non chegaría a acabarse nunca porque o seu prezo subiría tanto que deixaría de empregarse", recorda Martínez Abraín. Desa idea parte o 'peak-oil', ese momento no que o petróleo se volva tan caro que non mereza a pena seguir empregándoo. "Son moitos os expertos e economistas que pensan que xa estamos nese punto", concede o investigador, motivo polo "hai xa un interese en crear unha opinión pública contra o uso de combustibles fósiles".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.