Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 26/03/2025 | Actualizada ás 22:00
Nun tempo no que os efectos do cambio climático se fan cada vez máis visibles no litoral galego, a presión urbanística continúa avanzando sobre os espazos máis fráxiles da costa. Ademais dos areais da zona continental, entre estes lugares cómpre destacar as illas. A Illa de Arousa ou a illa de Toralla, con contornas naturais únicas e de gran valor ecolóxico, enfróntanse a un modelo de ocupación intensiva que ameaza tanto o seu equilibrio ambiental como a súa identidade. Mentres tanto, a nova Lei de Costas aprobada pola Xunta de Galicia acendeu todas as alarmas entre os expertos ao deixar fóra consideracións clave sobre o litoral como é o proceso de subida do nivel do mar ou o fenómeno da erosión costeira, elementos centrais nun contexto de emerxencia climática no que os temporais son cada vez máis fortes. Lonxe de reforzar a protección destes espazos, a lei podería facilitar aínda máis a súa transformación, abrindo a porta a unha urbanización ou reutilización de espazos que ignora os riscos do futuro (ou do presente). Galicia Confidencial fala co Augusto Pérez Alberti, docente ad honorem da USC que formou parte do comité asesor do anterior Plan de Ordenación Litoral (POL) da costa galega, para comprender cales son as dinámicas costeiras que afectan ás dúas grandes illas urbanizadas de Galicia.
O primeiro a ter en conta para comprender que zonas das illas están máis sometidas aos procesos erosivos é a oleaxe é e onde lle chegan as ondas do mar con máis forza. No caso de Toralla, como apunta Pérez Alberti, "ao atoparse situada no fondo da ría de Vigo, está en certa medida protexida da forza das ondas, que lle chegan maioritariamente dende o oeste, como é habitual en Galicia, pero, aínda estando protexida, ten certos momentos do ano nos que se ve sometida a ondas de máis de 7 ou 8 metros de altura". Estes momentos, dende logo, son os coincidentes coa chegada de fortes temporais marítimos. Temporais que, como xa sinalamos, son cada vez máis frecuentes e intensos como consecuencia do cambio climático. Pola súa banda, no caso da Illa de Arousa, "tamén se atopa protexida das inclemencias de mar aberto por estar situada no interior da Ría de Arousa, pero tamén recibe de cando en cando ondas de máis de 7 metros, chegadas igualmente do oeste".
"NO 1956 A ILLA DE AROUSA ESTABA OCUPADA NA SÚA MAIORÍA POR TERRAS DE CULTIVO, NO 2011 AS VIVENDAS AUMENTARAN MOITO OCUPANDO ZONAS DE RISCO"
Así as cousas, para o xeógrafo resulta obvio sinalar que "coa subida do nivel do mar, estas illas, sen dúbida, vanse ver afectadas". E iso que, como destaca, "estamos falando de illas que se atopan no interior de rías, estando menos expostas á ondada que se estivesen en mar aberto, pero aínda así estando sometidas aos seus efectos". Tanto A Illa de Arousa como Toralla "reciben as ondas xa rotas, despois de ter petado contra a costa ao saír de mar aberto", polo que "se trata de ondas que non son moi enérxicas". Iso non quere dicir que estean libres de sufrir a erosión mariña, aínda que sexa en menor medida do que a sofren outras illas galegas, como as Illas Cíes ou as Ons, que, "ao situarse no comezo da ría, se posicionan como dous grandes trasatlánticos que protexen a ría recibindo a maior forza das ondas que chegan de mar aberto dende o oeste batendo fortemente contra elas".
Comprendido isto, é hora de ir aos mapas. O caso da Illa de Arousa é moi alarmante dunha soa ollada. Comparando como se atopaba de edificada a illa no ano 1956 e como o estaba no 2011 obsérvase un incremento de edificacións desmedido. Como sinala Pérez Alberti, "no ano 1956 a maior parte da superficie da Illa de Arousa estaba ocupada por terras de cultivo, agás a zona da vila como tal na que si había pequenos núcleos de casas". Así, "boa parte do litoral da illa estaba completamente desprovisto de actividade e de construcións", resalta. Fronte a esa imaxe, "no ano 2011 --ano de publicación do POL-- xa se pode observar que o número de vivendas aumentou expoñencialmente, ata chegar a ocupar practicamente a totalidade da illa e, ademais, moitas zonas que se atopan nesa liña vermella de risco que contemplaba o Plan de Ordenación do Litoral como zona de perigo sometida a fortes procesos erosivos". E, a partir dese ano, lonxe de cesar a construción preto desta zona, "seguíronse construíndo moitos edificios en lugares de risco, sen ter en conta para nada a zona delimitada".
"ESTAS ÁREAS INVADIDAS POR EDIFICACIÓNS QUE SE VEN SOMETIDAS A FORTES PROCESOS COSTEIROS PODEN SUFRIR PROBLEMAS NO FUTURO"
Tendo isto en conta, resulta lóxico pensar que "estas áreas invadidas por edificacións que se ven sometidas a fortes procesos costeiros poden sufrir problemas no futuro", como destaca o docente 'ad honorem' da USC. De feito, lembra que eses problemas "xa se empezan a ver en lugares do continente como Espasante (Ortigueira), onde está habendo un corrementos bestiais, que xa obrigaron aos veciños e a Costas de Galicia a construír na zona un peirao con grandes pedras para poder frear a erosión costeira e evitar que o mar se comese as casas". "Iso pasa en Espasante e pasou no seu momento en Barreiros e en moitos outros lugares na costa alta de Galicia", sinala Pérez Alberti, que lembra que "cando o mar ataca, pouco se pode facer". No caso das illas, resalta que "tamén están sometidas ao igual que o continente a procesos erosivos futuros e presentes e a un escenario de cambio climático". E, aínda que a evolución da suba do nivel do mar é lenta, chegará, porque sempre a houbo. "O nivel do mar sempre foi subindo e baixando, sabemos que fai 120.000 anos estaba 3 metros por enriba do nivel actual, mentres que na época romana estaba case un metro por enriba, pero tamén que na idade de xeo estaba moito máis abaixo que agora, polo que esa dinámica é unha evidencia histórica", destaca.
Dito isto, "sabendo que o nivel do mar estivo máis alto, porque hai evidencias que así o sinalan, e sabendo que boa parte da protección das costa ocupada polos galegos está desaparecendo pola foza do mar, aínda que sexa paseniñamente, non se pode non ter en conta esa previsible suba do nivel do mar, do aumento dos temporais e da súa forza e da erosión costeira". Pois, aínda que ben é certo que resulta imprevisible o ritmo de suba --xa vai máis rápido das previsións feitas hai uns anos polos expertos--, "é innegable que se está producindo". Así, "aínda que as nosas illas non son planas como as do Pacífico, pois A Illa de Arousa ten uns 70 metros no seu punto máis alto, si que se van ver recortadas na súa zona areosa pola suba do mar". Tanto é así que sinala como nalgúns puntos da costa da Illa xa se ve a diferenza na cantidade de area que tiñan as praias na década dos 50 e a que teñen na actualidade. "En 60 anos a perda de area nalgúns puntos foi moi grande", sinala Pérez Alberti, que indica que "as costas da Illa están cada vez máis desprovistas de area, polo que o mar chega máis facilmente ata as edificacións e pode dar lugar a graves problemas de seguir así". E, aínda que o que está construído xa está construído, "a partir de agora o que se constrúa en zona de risco non ten desculpa", pois os xeógrafos levan moito tempo avisando dunha realidade que a nova Lei de Costas semella obviar.
"NA NOVA LEI DE COSTAS NON SE TIVERON EN CONTA AS DINÁMICAS DO LITORAL NIN OS EFECTOS DO CAMBIO CLIMÁTICO QUE SI SE ANALIZARON NO PLAN DE 2011"
Neste contexto, Pérez Alberti denuncia que na nova Lei de Costas de Galicia "non se tiveron en conta estas dinámicas do litoral nin os efectos do cambio climático para establecer as diferentes normativas". Pola contra, sinala que no Plan de Ordenación do Litoral (POL), do ano 2011, "si se contemplaba esa dinámica dos procesos erosivos que hai na costa que agora se está deixando fóra da lei", de maneira que "naquel momento fomos quen de elaborar o que demos en chamar unha área de dinámica litoral, que era a área que estaba sometida a un maior número de procesos erosivos agora e que tamén o estaría no futuro". Entre eses procesos destaca a ondada, as correntes, os temporais e outros fenómenos atmosféricos. Así, "no POL estableceuse unha franxa vermella que rodeaba todo o litoral e na que non se debía construír nin ocupar, por ser a zona sometida a maior risco". Por iso, "facer agora unha lei de ordenación do litoral que pretenda lexislar sobre a costa galega sen ter en conta a realidade dos procesos que nela acontecen non me parece demasiado correcto".
Lonxe diso, lamenta que a nova Lei de Costas de Galicia "é unha lei que se en vez de poñer Galicia no seu título puxese Madagascar ou Zimbabwe serviría igual para outras zonas, porque fala de medidas moi xerais que valerían en calquera caso, non sendo específica para o litoral galego". "Eu non entro na súa avaliación dende o punto de vista legal nin de construción lexislativa, porque non é o meu campo, pero si digo que nun escenario de cambo climático como o actual, estamos obviando perigos que vai haber no futuro (e nalgúns casos tamén no presente)", advirte. Fronte a isto, aposta por "lexislar para cada caso concreto", pois sinala que "non é o mesmo lexislar sobre a zona que se atopa a carón das praias, en costa baixa e de moito mairo risco de erosión, que nun lugar situado sobre un cantil a 200 metros de altura sobre o mar, onde é difícil que a erosión produza grandes corrementos de terra no curto prazo". Deste xeito, "facer unha lei sen ter en conta a realidade territorial, paréceme un enorme erro". Pero, por que habería interese en obviar esta realidade? Como apunta Pérez Alberti, porque "declarar unha zona de risco suporía que os terreos que nela se ubican perdesen valor". "Eu, como técnico, non podo pensar no valor económico dos terreos, senón en como de perigosa será unha zona no futuro e se as persoas que vivan nela poderían ver as súas propiedades en risco de ser tragadas polo mar", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.