Explotaciones Gallegas xustifica que a vertedura de Touro pola que foi multada se debeu ás "fortes choivas"

A empresa defende que se tratou dun "accidente" e anuncia que presentará recurso de alzada, pois a sanción non é firme. A asociación Aldea Viva celebra a multa de 30.000 euros pero bota en falla que "non se impuxese ao propietario medidas para evitar novas verteduras".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/09/2018 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A empresa Explotaciones Gallegas S.L., propietaria dos terreos do proxecto mineiro de Touro (A Coruña), xustifica que a vertedura polo que Augas de Galicia sancionou a esta empresa cunha multa de 30.000 euros se debe a que "as fortes choivas" provocaron un "escorrimento dunha ladeira na que se aplicou tecnosoles para a restauración do terreo".

Auga contaminada polas actividades de Explotaciones Gallegas
Auga contaminada polas actividades de Explotaciones Gallegas | Fonte: Aldea Viva.

Nun comunicado, a modo de resposta, achaca este suceso ás precipitacións "torrenciais" entre decembro de 2017 e xaneiro de 2018, polo que "non se trata dunha vertedura intencionada, senón dun accidente causado por unhas condicións climatolóxicas adversas".

"É habitual o enturbamento dos ríos polo efecto das intensas choivas, e non é un feito illado que suceda na mina de Touro", destaca Explotaciones Gallegas, que tamén apunta que Augas de Galicia, durante eses días, "abriu numerosos expedientes sancionadores en diferentes actividades onde existen terreos ao descuberto".

Ademais, a empresa defende que a vertedura "non pode tacharse de residuos contaminantes, tal e como afirma a Asociación Aldea Viva", posto que os tecnosoles aplicados para a restauración, segundo asegura a compañía, "contan con todas as autorizacións por parte da administración" e é "un claro exemplo" de economía circular.

A EMPRESA RECORRERÁ

En canto á multa, Explotaciones Gallegas anuncia que presentará recurso de alzada, dado que a resolución non é firme e non esgota a vía administrativa. Así mesmo, incide en que "se trata dunha sanción leve" que tamén "recoñece a adopción inmediata de medidas correctoras".

Finalmente, a promotora do proxecto mineiro explica que Augas de Galicia "en ningún momento afirma que as certezas de Aldea Viva coincidan cos informes dos técnicos" da Administración autonómica, senón que esta "desmonta todas e cada unha das alegacións" presentadas pola asociación á súa proposta de resolución.

En decembro do ano pasado, a asociación Aldea Viva denunciou ante Augas de Galicia a contaminación do río do Burgo e Brandelos, aflúente do Ulla, pola vertedura de augas residuais procedentes dos terreos mineiros.

DENUNCIA DE ALDEA VIVA

A asociación xa viña advertindo que a empresa propietaria dos terreos mineiros, Explotaciones Gallegas S.L, e as autodenominadas “empresas de valorización” que operan nestes terreos, estaban a "depositar toneladas de residuos contaminantes que chegaban ós cursos fluviais". Tamén alertaba de que a antiga mina estaba a ser usada como un "macrovertedoiro co risco que iso supón para o medio ambiente e a saúde pública". 

Na resolución do expediente sancionador, o organismo público deixa claro que a excusa da recuperación paisaxística que alega a empresa non lle permite "realizar verteduras contaminantes ó dominio público".

Con todo, Aldea Viva bota en falla que "non se impuxese ao propietario medidas para evitar novas verteduras".

"A pesares de demostrarse os repetidos episodios de contaminación que está provocando esta compañía, os seus responsables optan por tirar balóns fóra a través do principio de autoridade, o cal consiste en non asumir a culpabilidade e tentar desmentir as evidencias científicas con informes partidarios do profesor Felipe Macías, quen presuntamente tería intereses económicos e familiares nas empresas denunciadas", critica a asociación.

A mineira sancionada é a socia principal de Cobre San Rafael, a sociedade que pretende reabrir a explotación de cobre nestes terreos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta