Minaría de alta mar: en perigo as especies mariñas e a actividade pesqueira da costa occidental de Galicia

A Autoridade Internacional para os Fondos Mariños quere lanzar un código que regule a extracción de minerais en alta mar, véndose afectado o Banco de Galicia. Tamén a Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON alerta dos perigos da minaría a ceo aberto no día mundial contra esta actividade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción alerta que a Autoridade Internacional para os Fondos Mariños planea lanzar un código que regulará a extracción de minerais en alta mar, algo que pode afectar seriamente á costa galega e poñer en perigo especies mariñas e a actividade pesqueira. Súmase así ás numerosas voces, incluíndo ONGD, organizacións pesqueiras e a propia UE, que piden unha moratoria para esta actividade mentres os seus impactos potenciais non sexan totalmente coñecidos. Un dos lugares onde queren extraer minerais en alta mar é o Banco de Galicia.  

As diferentes zonas onde se quere extraer minerais en alta mar, no Océano Atlántico e no Mar Cantábrico.
As diferentes zonas onde se quere extraer minerais en alta mar, no Océano Atlántico e no Mar Cantábrico. | Fonte: Ecoloxistas en Acción

O Banco de Galicia é un monte submarino situado a unhas 97 millas náuticas (180 km) da costa occidental de Galicia a profundidades de entre 500 e 1.000 metros. Foi declarado Zona de Especial Conservación (ZEC) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC da Rede Natura 2000), así como Área Mariña Protexida dentro da Rede OSPAR. Alberga extensos campos de coral de augas frías e máis de 700 especies catalogadas, incluíndo 6 en perigo de extinción

Ecoloxistas en Acción lembra que en setembro de 2017 o Comité Asesor Científico Técnico de ARVI-Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo emitiu un informe titulado “Coexistencia da actividade pesqueira coas industrias do gas, o petróleo e a minería submarina”, no cal alertan que a actividade mineira submarina profunda conleve un dano significativo nos fondos mariños así como na fauna que habita neles e na calidade da columna de auga.  

Neste sentido, os ecoloxistas alertan que a minería submarina terá enormes efectos sobre a biodiversidade mariña nun ambiente moi pouco coñecido, podendo afectar a toda a cadea trófica e ameazando incluso a produtividade pesqueira.  

Ademais, din que a destrución ou extinción de especies, provocadas pola minaría submarina, podería impedir ademais o descubrimento de novas medicinas, asociadas a formas de vida das profundidades oceánicas. Sen ir máis lonxe, o test da COVID-19 desenvolveuse utilizando unha encima illada dun microbio achado en respiradeiros hidrotermais de augas profundas, un hábitat moi escaso e agora baixo a ameaza mineira. 

22 DE XULLO, DÍA MUNDIAL CONTRA A MINARÍA A CEO ABERTO 

Este mércores celébrase o Día Mundial contra a Minaría a Ceo Aberto. O obxectivo desta xornada é lembrar e advertir a toda a poboación do dano e a contaminación que este tipo de actividade provoca ao medio ambiente. "Trátase dun negocio que só deixa un beneficio económico para uns poucos e unhas consecuencias fatais para todos, con danos irreparables para o entorno e a saúde", indican os integrantes da Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON. 

Algunhas das consecuencias ambientais destacables da minaría a ceo aberto a contaminación do aire, os impactos sobre a flora e a fauna, cuxos hábitat se ven modificados, a alteración da paisaxe e os conflitos entre a comunidade local e a empresa mineira, entre outros danos. 

Desde a Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON, pese á emisión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa o pasado mes de xaneiro, aínda están a agardar o momento en que o departamento de minas da Xunta de Galicia emita a resolución definitiva do proxecto de explotación de cobre a ceo aberto que promove Cobre San Rafael. 

As veciñas e veciños de Touro e O Pino queren aproveitar esta data sinalada para lembrar que non baixan a garda ante a ameaza da minaría a ceo aberto que aínda non abandonou os seus concellos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta