Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2018 | Actualizada ás 18:01
Unhas 500 persoas concentráronse na mañá deste domingo no municipio coruñés de Ordes para protestar contra a "rapiña depredadora empresarial" que, "coa axuda das últimas leis impulsadas polo Goberno da Xunta, está a pór cada vez en maior perigo o futuro ambiental, social, sanitario e económico de Ordes".
Así o informaron fontes da organización, que aplaudiron a "alegre e concorrida" acollida. "A xente empeza a concienciarse do problema que temos na comarca en relación con todos os elementos que a están contaminando: os vertedoiros, a minería, as liñas eléctricas e os parques eólicos", aseguraron, e engadiron que "a xente xa está bastante sensibilizada".
A concentración foi convocada polas asociacións Non aos Parques Eólicos na Comarca de Ordes, Comisión de seguimento da Minería e Defenda do Rural, Asociación A Picota-Trazo e Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, nun chamamento conxunto para que todas as persoas, forzas políticas, sindicais e sociais se sumasen á iniciativa.
En concreto, baixo o lema 'Aire, auga e terras limpas', trátase de facer fronte ás agresións que suporían os parques eólicos, novas liñas de alta tensión, extracción mineira e vertedoiros de lixo proxectados na comarca, "totalmente saturada xa de impactos negativos".
Na mobilización estiveron presentes representantes de diferentes grupos municipais da comarca de Ordes pertencentes ao PP, ao PSOE e ao BNG e independentes; así como deputados no Parlamento galego, como Antón Sánchez (En Marea), Xosé Luís Rivas Cruz (BNG) ou Paula Quinteiro (En Marea); a eurodeputada Lídia Senra; e tamén o responsable da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Fins Eirexas; ademais de representantes do Sindicato Labrego Galego (SLG), o alcalde de Teo e concelleiros de Santiago como Jorge Duarte e membros de numerosas asociacioens da comarca e arredores.
PARQUES EÓLICOS, LIÑAS DE ALTA TENSIÓN, VERTEDOIROS E MINAS
As asociacións incidiron en que o obxectivo é "denunciar e chamar a atención sobre as fortes agresións que suporían os parques eólicos proxectados por unha compañía de capital saudita, atravesando Ordes, Mesía, Frades, Trazo e Cerceda".
Por outra banda, tamén é finalidade pór a atención sobre "as novas liñas de alta tensión proxectadas para desembocar na subestación eléctrica do Mesón do Vento, que a día de hoxe xa ten máis que saturada a zona de campos electromagnéticos"; así como sobre "o novo vertedoiro de residuos industriais de Lesta, a escasos metros do macrovertedoiro de Sogama, na Areosa, ao que vai parar o lixo de toda Galicia".
Finalmente, mencionaron tamén a actividade mineira de extracción de seixo que a empresa Erimsa "pretende ampliar en Mesía e Frades, á conta da vida dunha zona eminentemente gandeira".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.