Moito se ten falado nestes días do chamado “desafío catalán”. O máis probable é que, como ocorreu hai dous anos a cousa quede en nada. Nin sequera na algarada do Estat Catalá de 1934. Non é que Rajoy amose temperanza polo seu carácter galego; é que non precisa facer nada, agás conter ós máis extremistas da brigada do 155. Coa brigada Aranzadi é máis que suficiente. Nestes días tralos atentados de Barcelona e Cambrils mesmo hai quen na prensa internacional recoñece que os cataláns, neste caso os mossos, son tan capaces de exercer a razón de ser fundamental do Estado, o monopolio da violencia , coma as forzas de seguridade españolas. Non deixa de ser un espellismo. Como se ten dito, se Italia é un estado feble cunha nación forte (un auténtico sentimento voluntarista dada a fragmentación hata hai 150 anos da península transalpina), a construcción identitaria española é feble mais o Estado é forte (unha Castela expandida en 1713 e en 1833, 1876 e 1936) e moi lexitimado internacionalmente. De feito desde un punto de vista galego mellor que non pase nada, porque logo do 155 en Catalunya viría unha nova LOAPA para reducir a nosa autonomía á categoría de grandes deputacións rexionais ó estilo de Francia.
A comparación do caso catalán co proceso en Escocia de 2014 non pode ser máis desmerecedora: alí existía un proceso formal e lexitimado tanto polo estado coma polo conxunto da sociedade británica. Aspecto crucial, non perxudicaba os intereses fundamentais doutras potencias nin o Reino Unido restante se vería tan enfeblecido coma alterar o balanzo de poder en Europa. Outros estados non teñen nada que gañar con Catalunya, como si pasou co apoio occidental á independencia das minúsculas repúblicas bálticas (malia que un tercio da súa poboación era rusa, comparado co 50% da poboación catalana que ou ben é de fóra ou se identifica con España). Os Escoceses gozaban ademais do capital simpatía. Grazas a Walter Scott e a romantización das Terras Altas polo cinema norteamericano os estudos de marca-país amosan que a visibilidade mediática de Escocia é superior ó de estados independentes coma Finlandia. Pola contra, malia os esforzos desde o 92 para que o mundo soubese “en que país está Barcelona” as mostras de solidariedade de medio mundo cos atentados amosan o descoñecemento xeral dese lugar chamadao Catalunya. Barcelona é polo demais unha cidade desproporcionadamente enorme a escala catalana (cunha área de influencia catro veces maior ca Copenhague respecto do resto de Dinamarca, por exemplo) e que só se explica pola súa función no mercado español.
E, malia todo, as pulsións territoriais e de identidades nacionais conflictivas non desaparecerán o 2 de Outubro. Só que o reduccionismo a unha cuestión Catalunya-España, con ocasionais referencias a Euskadi e moi de refilón a Galicia, é totalmente miope. No 2014 Barbara Loyer publicou “Xeopolítica de España” infelizmente nunca traducido pero que merece ser revisitado. Afirma que o caso do Estado Español é único na europa continental con tal transcendencia das identidades territoriais premodernas. A diferencia de Francia, Alemaña ou Italia a creación de Estados Nación propios da Europa post napoleónica non borrou aquí as identidades colectivas primixenias. Malia 200 anos de centralismo as nosas identidades colectivas subestatais aseméllanse máis ás que poden existir nun estado organicamente premoderno como é o Reino Unido (que que por ter non ten nin nome) ou a da propia Monarquía Hispánica dos Austrias có centralismo francés introducido pola actual Casa de Borbón.
É por iso que ler a colunmistas coma Enric Juliana na Vanguardia ou, na época de Fraga, a Sanchez de Dios no Faro é en boa parte asistir a análisis xeopolíticos do poder. Centro vs. periferia, e a relacións das periferias entre si: a rivalidade política, económica e mesmo deportiva Madrid-Barcelona, a dialéctica Valencia -Barcelona fomentada por Madrid para enfeblecer o corredor Mediterráneo. A emerxencia corredor do Ebro ou de Andalucía como contrapeso ás pulsións centrípetas. Entre nós, é reveladora a obsesión maioritaria polo AVE a Madrid non como necesidade (xa existen boas autovías e nada menos que tres aeroportos, e malia que por diante das nosas costas pasa o 40% do comercio mundial) senón coma lexitimación dun discurso dependente.
Mais sería unha boutade cualificar esas rivalidades territoriais coma un Xogo de Tronos peninsular. Ese xa existiu pero gañouno Castela, que malia escapárselle Portugal por segunda vez puido mutarse en España, obtendo ese título tras dunha liga que durou seculos,e que era o anceio de tódolos estados cristiáns desde o desembarco dos Musulmáns. Puidemos ser os Galegos, os Leoneses ou os Aragoneses mais foron os Casteláns. Coma o unionismo en Irlánda, é perceptible no discurso da “unidade de España” un tono relixioso mesiánico que vén da loita cos mouros, e a obsesión pola pureza de sangue que veu despois. E malia o Estado ser comparativamente feble, cunha superficie moi dividida xeográficamente (poucas fronteiras hai no mundo máis claras coma as dos montes galegos verbo da chaira da meseta) foi o suficiente forte como para establecerse en todo o territorio. De feito a maior vítima de tal éxito foi a propia Castela. Andan estes dias laiándose, con razón da España Vacía (Sergio del Molino) e a maior despoboación de Europa na Serranía Celtibérica ou a Laponia do Sur (Paco Cerdá) , xa que Madrid se converteu nun burato negro que todo o absorbe. Como dí Julio Llamazares, Madrid é un badal dentro dunha campá baleira que marca as horas da periferia.
Malia crearse o Estado Autonómico en parte coma contrapeso do centralismo, o certo é que a desindustrialización dos vellos centros de poder alternativos de Euskadi e Catalunya e a emerxencia da economía de servizos levou a unha concentración de poder económico sen precedentes de Madrid. Hoxendía de Toledo a León todo son zonas dormitorio da capital, proceso favorecido polo AVE. (Por iso que o noso AVE non vaia ser tal non deixa de ser unha beizón encuberta). A privatización das caixas e absorcion por bancos madrileños é unha fase máis dese proceso. Coma xa dicía en 1997 Josep Sort o modelo español de urbanización/modernización está a producir un grado de uniformización estrutural (habitat, cultural) sen precedentes.
España coma imperio Madrileño. Concentración de poder político, económico e despoboación que non son proceso inevitables nin xustificables economicamente. Non se da en moitos outros estados, senón que é en boa parte ideolóxico. Algo hai disto no feito en que ata os medroñentos tendeiros cataláns se pasasen ó independentismo. Por iso que o centralismo non só e unha cuestión que debería preocupar a Galegos ou Cataláns. De feito mesmo unha hipotética independencia non afecta en sí a esas tendencias de fondo, nun contexto sen as fronteiras de antano. Que llo pregunten senón os Portugueses, cada vez máis dependentes da economía española. Por iso que tamén lle vai moito nisto ós patriotas españois de Albacete ou Logroño.
Por último os luctuosos sucesos causados por uns rapaces de Ripoll amosan unha dimensión xeopolítica totalmente ignorada por público e élites. Por primeira vez en catrocentos anos existe na península unha significativa poboación (un millón) de árabes (e bereberes) sobrepasando así á poboación xitana (o único colectivo etnonacional con arraigo no territorio do Estado que non ten sido recoñecido como tal). O feito que unha minoría de entre eles se radicalizase é unha mostra dramática do risco de anomía que pode afectar a parte desta poboación. Coma en Bélxica ou Francia, a segunda xeración non son do país de orixe (mesmo moitos non falan o idioma dos pais, por cuestións de diglosia, sobre todo os bereberes) pero dificilmente serán aceptados plenamente dada a resistencia lóxica á abandonar a súa relixión e cultura , ó cabo unha das grandes civiliacións da historia. No caso español, tamén inflúe a ideoloxía “nacional” anti moura nada da Reconquista. Polo que o máis probable é que perviva durante moito tempo unha nova poboación mozárabe/mourisca, que ó igual ca outras colonias recentes coma a romanesa ou chinesa (estes por outras razóns) é pouco probable que se asimilen. A multiculturalidade está para quedar e, alén das habituais proclamas hipsters, estamos escasamente mentalizados para esta nova realidade.