Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/10/2017 | Actualizada ás 21:42
Quo Vadis, Galicia?... Esta sería a pregunta que agora lle tería que facer San Pedro a Xesucristo. "Cataluña vado iterum crucifigi", (Vou a Cataluña para ser crucificado de novo) teríalle que contestar Xesús a San Pedro na versión galega desta famosa pasaxe bíblica.
E o certo é que o "Quo vadis, Galicia?" sería a mellor frase para definir o debate do estado do país que este mércores se celebrou no Parlamento de Galicia. Unha sesión na que Galicia, que era o eixo principal do debate, quedou de actriz secundaria. E quedou de actriz secundaria pola insistencia, casi pertinaz, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ocultarse tras a crise de Cataluña para non falar dos problemas de Galicia.
O líder do PPdeG comezou e rematou o seu discurso insistindo no problema catalán e a súa insistencia coa cuestión catalana durou toda a tarde durante as contestacións aos líderes da oposición. "Ousexa que vostede está cos que queren romper España", "É pro independentista?", "Quere que España rompa?"... Foron algunhas das continuas apelacións que Feijóo lle fixo aos líderes da oposición.
Galicia é Galicia
E todos eles tiveron que lembrarlle que Galicia é "Galicia e Cataluña é Cataluña", e que a pesar da difícil situación política actual, a súa intervención no Parlamento era para dar conta da situación de Galicia, non da de Cataluña. Pero, nin con esas.
"Galicia é España, e en consecuencia, o que ocorre no conxunto de España aféctalle a Galicia. E porque Cataluña é España e, en consecuencia, o que ocorre en Cataluña sentímolo tamén en Galicia", dixo Feijóo ao comezo do seu discurso. E, efectivamente, tanto lle doe Cataluña que foi, precisamente, Cataluña, o leitmotiv do seu discurso durante todo o debate.
E a oposición, atrapada en parte nesa estratexia do "estás comigo ou está contra min" revolveuse, pero quedou atrapada. Os tres grupos acabaron entrando na cuestión catalá, aínda que, a diferencia de Feijóo, admitiron que o actual marco da Constitución non vale xa para solventar ese problema, nin outros que poidan chegar no futuro.
Por iso propuxeron cambios. O PSdeG un modelo federal, En Marea un modelo confederal que recoñeza a Galicia como nación, e o BNG un novo estatus de nación. Unhas propostas das que, obviamente, nin tivo en consideración o presidente da xunta. A única concesión foi para o PSdeG, pero para tirarlle das orellas. "O momento para reformar o Estado de Autonomía non é este. Non conte comigo para iso. Primeiro reconstrúan a unidade dos demócratas e logo xa falaremos diso. Temos que saber se están co xefe do Estado ou non", espetoulle a Leiceaga.
O ton de Feijóo
E de Galicia, desa Galicia que Feijóo vendeu como unha das máis avanzadas do Estado, e a oposición como unha das máis atrasadas, case non se falou. As propostas da oposición non foron escoitadas e as palabras de Feijóo soaban ocas. E o certo é que o popular adoptou un ton "paternalista", case de "sobrado" coa oposición.
"Leva tempo facendo un exercicio de demagoxia e de falta de respecto cun paternalismo que mete medo... Teña un pouco de humildade que non lle iría nada mal", espetoulle Ana Pontón ao presidente nunha definición do que estaba sendo a sesión da tarde. "O BNG ten que ser máis serio e sólido que as mareas. Non pode dicir que o presidente da Xunta comete delitos como se fora un Villares máis", contestoulle Feijóo na última quenda. Un Villares ao que, curiosamente, evitou contestar co argumento de que "non o toma en serio ninguén".
E por iso, no debate político máis importante do ano non se falou de Galicia. Unha Galicia que quedou relegada á quinta provincia de Cataluña... ou á última, segundo se vexa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.