Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/10/2017 | Actualizada ás 13:23
'Dhogs', ópera prima de Andrés Goteira, terá a súa premier en España o 9 de outubro no Festival de Cine Fantástico Internacional de Catalunya (Sitges Film Festival), onde competirá na sección oficial. Será así o primeiro filme rodado en galego en competir na sección oficial deste prestixioso festval-
Despois de pasar polo Festival de Cine de Bos Aires (BAFICI), o FrightFest Londres e gañar o premio de Mellor Filme no International Festival of New Film de Split (Croacia), 'Dhogs' mostrarase o 9 de outubro, ás 13:15, no Auditorio Melià Sitges, coa presenza do seu director e dos actores Melania Cruz, María Costas, Iván Marcos e Xosé López.
Coproducido por Gaitafilmes e Pixel Films e coa colaboración dos Estudos Breadmaker, 'Dhogs' é un reflexo da realidade máis escura, mesturando intriga, terror, erotismo e estética western. Representa un mundo perverso no que se producen crimes ante unha sociedade pasiva e insensible, que permite todo. Antonio Durán Morris, Miguel de Lira, Carlos Blanco, Melania Cruz, Iván Marcos e María Costas son os protagonistas deste thriller emocionante e sorprendente que axita conciencias.
O filme, rodado en galego, en Galicia e Almería, foi financiada por máis de 300 pequenos inversores a través de micromecenado e foi subvencionado por Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a Deputación Provincial de Lugo. Ademais, conta cos patrocinios de Galipizza, Cerveza Áncora e o Concello de Meira e coa colaboración dos concellos de Viveiro, A Coruña, Oleiros e da Deputación de Almería, entre outros.
Despois de Sitges, o filme será presentado o 21 de outubro no Festival Internacional de Cine de Ourense e o 26, no Festival Nocturna de Madrid, onde tamén competirá na sección oficial.
"Todo director que ama o cine fantástico sempre soña con estar en Sitges. Que ademais sexa o primeiro filme rodado en galego en formar parte da sección oficial, e tendo en conta a forma na que foi rodado, faime sentir moi orgulloso de todo o que rodea a Dhogs”, explica o seu director, Andrés Goteira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.