Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/10/2017 | Actualizada ás 14:00
Estamos en outubro e Galicia segue ardendo. Desde o inicio do mes queimáronse case 1.000 hectáreas, segundo denuncian desde a Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (Atrifoga), mentres Medio Rural decidía despedir a case 440 dos seus traballadores temporais do dispositivo contra incendios ao rematar "o periodo de risco". Un despido que coincide cun novo concurso público da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para dotar de tabletas aos axentes forestais.
En total, a Xunta destinará case 130.000 euros para a subministración destes equipamentos microinformáticos no eido de proxectos de mobilidade para o servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais. Uns dispositivos que, ademais, estarán cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
A Xunta xustifica este gasto porque entre as funcións que realizan os Distritos Forestais están o control administrativo in-situ de axudas para a prevención de incendios en montes veciñais en man común e SOFOR (Sociedades de Fomento Forestal) ou o control de investimentos en montes con convenio coa Administración Forestal financiado con fondos FEADER.
Así, apunta que ata o de agora, a xeración desta información realizábase con equipos GPS convencionais, que permitían a gravación dun track polo axente forestal ou técnico desprazado en campo, que posteriormente debía tratarse en oficina para converterse en polígono, e proxectarse no DATUM oficial (actualmente ETRS89). "Coa xeneralización de dispositivos como son as tabletas, que integran GPS de serie de similares prestacións aos GPS tradicionais, é posible a automatización este traballo, visualizándoo directamente en cartografía base offline, descargada no propio dispositivo", indica a Amtega no prego do concurso ao que tivo acceso GC.
Con isto, indica, "mellorase sensiblemente a precisión da información, que pode contrastarse no intre da captura coa información coñecida, a través dunha gran variedade de aplicacións, algunhas das cales xa se veñen empregando de xeito xeneralizado na Subdirección xeral de prevención e defensa contra os incendios forestais". Deste xeito, para a Amtega, oemprego destes medios "simplifica" o traballo dos técnicos, reducindo o tempo adicado a obtención, procesamento e rexistro da información obrigatoria, e mellorando sensiblemente a precisión da información.
Neste concurso só se recolle a contratación é o subministro das tabletas para os proxectos de mobilidade dos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais, é dicir, a entrega de tabletas e accesorios para o seu emprego en traballos de campo. Non inclúe cursos ou formación específica de como utilizalos.
O fracaso das novas tecnoloxías no Ariem 112
Non é a primeira vez que os equipos de loita contra os lumes recibien equipos informáticos que logo acaban esquencidos ou con pouco uso. Así aconteceu co proxecto europeo Ariem 112, abreviatura de Asistencia Recíproca Inerrexional en Materia de Emerxencias, que comezou hai case sete anos. Era, supostamente no seu inicio, un proxecto pioneiro á vangarda en compartir servizos de emerxencia a un e outro lado da fronteira, coa creación dun espazo común en materia de emerxencias entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal. Mediante equipos compatibles, maior coordinación, procedementos conxuntos e ademais un incremento de medios materiais para todas as partes, coa finalidade principal de ofrecer un mellor servizo aos cidadáns.
Nunha primeira fase mercaronse 15 ordenadores, 10 tabletas e unha aplicación informática para controlar en directo os medios desplegados que se instalaron nun "posto de mando avanzado", un vehículo adaptado para a ocasión pola Axencia Galega de Emerxencias (Axega). Tras gastar un millón de euros nestes dispositivos, en simulacros e en supostas xornadas de formación, participantes neste proxecto aseguraron que ese modelo de interveción conxunta ante emerxencias entre o norte de Portugal, Galicia e Castela e León non serviu "para nada".
Despido de 436 traballadores
O pasado 30 de setembro remataba, oficialmente, o periodo de risco dos incendios forestais, o que supuso o cese de 436 traballadores temporais do dispositivo. Apropiga e CCOO lamentaron estes despidos porque, incidiron en que non rematou a campaña de alto risco de incendios. Trátase de persoal de tres bases helitransportadas, ademais de bombeiros forestais, condutores de motobombas, emisoristas dos centros de coordinación, vixilantes fixos e codificadores de toda Galicia. De feito, volveron criticar á Xunta por contratar, novamente, a persoal de reforzo sen experiencia ante os últimos lumes de Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.