Trasladan de Santiago a Guadalaxara os restos de 13 soldados da Guerra Civil

O Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC en Galicia estudou durante os últimos anos estes restos, que non foron reclamados nin puideron ser identificados. Agora serán entregados aoMuseo da Guerra Civil de Abánades até que sexan soterrados.

Por Galicia Confidencial | | 11/10/2017 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) trasladará o 13 de outubro de Santiago de Compostela a Gualaxara os restos dos 13 soldados combatentes na Guerra Civil española que foron achados hai cinco anos durante escavacións arqueolóxicas realizadas en Abánades baixo a dirección de Alfredo González Ruibal, científico do CSIC no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), con sede na capital de Galicia.

Restos de soldados da Guerra Civil
Restos de soldados da Guerra Civil | Fonte: CSIC.

"Os restos permaneceron durante este tempo en Santiago de Compostela, concretamente no Incipit, para o seu estudo. En todo este tempo non foron reclamados nin puideron ser identificados. Dado que o protocolo da Lei de Memoria Histórica é ambiguo para estes casos, a decisión sobre que facer con eles, unha vez acabada a investigación científica, queda en mans do arqueólogo responsable do seu achado", explica Alfredo González Ruibal.

A decisión sobre se se deberían distinguir as tumbas individualmente, que epitafio debería acompañar aos restos non identificados ou que tipo de cerimonia ten sentido facer hoxe en día abordaranse en faladoiro 'La ruta más larga', que terá lugar o sábado, 14 de outubro, de 12 horas a 13.30 horas no Salón de Actos do Centro Cultural Conde Duque en Madrid. A entrada é libre ata completar aforamento. Contará coas intervencións de Francisco Ferrándiz (CCHS-CSIC), Alfredo González (Incipit-CSIC), Queralt Solé (Universidade de Barcelona) e Pedro Corral (concelleiro do PP en Madrid).

A continuación, os restos dos 13 soldados serán entregados ao Museo da Guerra Civil de Abánades, onde permanecerán ata que se enterren no lugar onde foron achados, o que se prevé para marzo de 2018.

Tanto o traslado dos restos como o faladoiro enmárcanse no proxecto 'La ruta más larga', promovido por Iratxe Jaio, Klaas van Gorkum e Alfredo González-Ruibal xunto coa Oficina de Dereitos Humanos e Memoria do Concello de Madrid.

Esta actividade enmárcase, á súa vez, no proxecto europeo NEARCH, 'Novos escenarios para unha arqueoloxía en comunidade', no que participan o Incipit e a Academia de Arte Van Eyck (Maastricht, Holanda).

"No marco deste proxecto desenvolveuse un programa de artistas residentes, coordinado pola Academia Van Eyck, cuxa finalidade era provocar reflexións sobre as relacións, a miúdo conflitivas e problemáticas, da sociedade cos restos e evidencias que derivan de escavacións arqueolóxicas. O Incipit, sobre todo desde a incorporación de Alfredo González Ruibal como científico titular, vén desenvolvendo un intenso labor de investigación sobre as relacións e conflitos, a miúdo non visibles nin verbalizados, das nosas sociedades actuais coas evidencias materiais do pasado", destaca Felipe Criado Boado, director do centro.

"O proxecto 'La ruta más larga' foi impulsado polos artistas Iratxe Jaio e Klaas van Gorkum, interesados nos obxectos arqueolóxicos que teñen aínda un estado histórico indeterminado. Nesta ocasión, Iratxe e Klaas expoñen unha investigación ao redor da falta dunha narrativa colectiva común sobre a guerra e a ditadura, un baleiro que se materializa en problemas concretos que, unha vez compartidos, son potencialmente desencadenamentos dun debate público necesario sobre o lugar que ocupa esta parte da historia na sociedade actual", incide Criado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta