Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/10/2017 | Actualizada ás 12:26
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de presentar a análise do “Estado da natureza en Galicia”, que constata que "Galicia segue a ocupar o vagón de cola a nivel do Estado español e da Unión Europea en relación coa superficie designada como área natural protexida". Os datos sobn reveladores: tan só un 11,2% da superficie continental galega está protexida, cifra moi afastada do valor de referencia do 18,0% establecido no Convenio da Diversidade Biolóxica (Metas de Aichi). O dato é aínda máis preocupante ao "comprobar a exigua protección ambiental que posúen as augas mariñas de competencia autonómica", alerta a SGHN.
O informe da SGHN estrutúrase en tres capítulos: 1) Espazos protexidos: superficie, xestión e apoio ás comunidades locais. 2) Espazos protexidos: Uso público. 3) Biodiversidade: especies ameazadas e especies invasoras.
A SGHN lembra que en 2004 a Unión Europea considerou que a proposta de Rede Natura 2000 no territorio galego era "deficiente", indicando a necesidade de mellorar a representación dentro da Rede de determinados tipos de hábitats de interese comunitario. Seguindo este mandato, a Xunta elaborou o que a SGHN era unha "mínima proposta de ampliación", sometida a información pública hai xa cinco anos (DOG 02/01/2012) e “conxelada” dende entón "sen ningún tipo de xustificación legal ou técnica".
A asociación científica subliña que "a falta dunha protección cautelar sobre estas áreas e a incapacidade dos responsables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para promover un uso racional do territorio, posibilitou que en numerosos enclaves propostos para a ampliación da Rede Natura se destruísen ou alterasen importantes superficies de hábitats prioritarios, sen que o Goberno autonómico adoptase ningunha medida para evitalo".
No que se refire aos organos de xestión, lembran que nos últimos catro anos a estruturación dos servizos de conservación da natureza sufriu importantes cambios coa "escusa" da crise para reducir ou suprimir prazas de técnicos ambientais, mentres se conxelaban as prazas de gardas, axentes e persoal de apoio.
Os recortes, salienta a SGHN, levaron a eliminar a figura de Director de Parque Natural, polo que Galicia é a única Comunidade Autónoma onde a xestión ordinaria destes espazos naturais non recae sobre un director conservador. A extinción desa figura de director de Parque Natural "colócanos ao nivel de países subdesenvolvidos no que respecta á xestión das áreas protexidas", láianse os científicos.
Pola súa banda, a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón carece de xestor para a parte galega, circunstancia moi infrecuente nas Reservas da Biosfera españolas. A falta de xestores específicos para os principais espazos naturais redunda, segundo a SGHN, "moi negativamente na súa conservación e na visión que a poboación local ten dos mesmos".
Por último, no que se refire ao apoio ás comunidades locais, a SGHN sinala que "a Dirección Xeral de Patrimonio Natural carece dun proxecto crible para o apoio e fomento de actividades sustentables por parte das comunidades locais no ámbito dos espazos naturais".
"A única orde de axudas existentes malgástase frecuentemente na execución de proxectos que teñen un efecto negativo sobre os compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural", denuncian.
Así, e a diferenza doutras Comunidades Autónomas e doutros territorios europeos, a SGHN advirte de que Galicia carece dunha normativa para o establecemento de marcas de calidade para os produtos e servizos que provén ás comunidades locais dos espazos naturais. Marcas de calidades e apoio institucional á comercialización de determinados produtos e servizos que, para esta sociedade científica, terían un "efecto positivo" sobre o territorio e "axudarían ademais a integrar a política de espazos naturais na sociedade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.