Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/10/2017 | Actualizada ás 10:22
A Comisión Internacional para a Conservación de Atúns (ICCAT, pola súas siglas en inglés) celebrou este mes a súa tradicional lotaría anual de premios entre as recapturas de peixes con marcas científicas que foron comunicadas polos pescadores de diferentes países ao longo do ano; unha lotaría que abarca catro apartados: peixe espada, marlíns, quenllas e atúns. No apartado de quenllas resultou premiado con 500 dólares americanos o pescador galego José A. Martínez, da frota de palangre de superficie, pola recaptura dun exemplar macho de quenlla azul (Prionace glauca), cuxos datos foron comunicados ao Equipo de Túnidos do Centro Oceanográfico da Coruña do Instituto Español de Oceanografía (IEO).
A marca premiada fora atopada adherida á parte externa do corpo da quenlla cando este exemplar foi capturado polo buque de palangre de superficie Ribel III. O marcado científico e posterior liberación desta quenlla macho fora realizado previamente por pescadores estadounidenses.
A posterior recaptura polo palangreiro galego foi realizada no mes de outubro de 2016 en augas do Atlántico Norte cando o exemplar medía aproximadamente 140 centímetros.
Os pescadores estadounidenses aínda non comunicaron os datos correspondentes ao marcado, polo que aínda se descoñece o percorrido, crecemento e outros datos de grande interese científico deste exemplar.
"Agradecemos o esforzo diario da frota de palangre de superficie española con base en portos galegos e desexamos que estes reiterados premios continúen alentando a estreita colaboración que desde décadas mantén esta frota co programa científico de marcado-recaptura desenvolvido polo equipo de túnidos e especies afíns do Centro Oceanográfico da Coruña do IEO, o cal á súa vez mantén unha fluída comunicación con diversos institutos de investigación no marco internacional de ICCAT", explican os responsables do programa de marcado e recaptura do IEO.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.