O extraordinario achado dunha balea xibardo en Galicia entra no Catálogo do Atlántico Norte desta especie

O exemplar foi localizado polos científicos do BDRI, con base no Grove. É a primeira balea desta especie fotoidentifica no Estado español desde o ano 1982.

Por Galicia Confidencial | O Grove | 21/11/2017 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A balea xibardo (Megaptera novaeangliae) vista e identificada en augas de Galicia polo equipo do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) foi incluída no Catálogo de Xibardos do Atlántico Norte (NAHWC, polas súas siglas en inglés) que contén máis de 9.000 exemplares de todas as áreas coñecidas de alimentación e cría e parto nesta área atlántica.

Exemplar de balea xibardo atopado en augas de Galicia
Exemplar de balea xibardo atopado en augas de Galicia | Fonte: BDRI.

O seu achado foi un fito, xa que "é a primeira balea xibardo fotoidentificada en España desde 1982", destacan os científicos do BDRI.

Este catálogo permite aos investigadores identificar as baleas polas marcas únicas na súa aleta caudal, e utilizouse en estudos de poboación desde a década de 1970.

Como colaboradores deste catálogo, os científicos do BDRI din estar "moi emocionados" por esta contribución e salientan "os beneficios da colaboración entre científicos e organizacións de investigación de diferentes países" neste eido.

"Cando as baleas xibardo se mergullan, levantan a súa aleta caudal sobre a superficie da auga e brindan aos investigadores a oportunidade de fotografalas. Estas baleas identifícanse polos patróns de pigmentación en branco e negro e as cicatrices na parte inferior das súas aletas, e o bordo distintivo festoneado", detallan.

Exemplar de balea xibardo atopado en augas de Galicia
Exemplar de balea xibardo atopado en augas de Galicia | Fonte: BDRI.

O achado e fotoidentificación do exemplar de xibardo atopado en Galicia produciuse o pasado 12 de outubro, nunha das saídas dos científicos do BDRI, que puideron realizar unha "gravación única" deste animal coexistindo con varios golfiños e alimentándose en augas galegas.

"Este é o primeiro exemplo rexistrado deste tipo de comportamento entre unha balea xibardo e golfiños comúns no Océano Atlántico", destacaron entón os investigadores.

"Cando observas unha balea xibardo levantar a súa enorme cola mentres se sumerxe no Océano Atlántico en compañía de centos de golfiños comúns é algo tan incrible que é difícil de crer que non sexa un soño", expresaron naquel momento os científicos.

Velaquí o vídeo.

Aínda que se trata dun avistamento "moi raro" en augas de Galicia e do Estado, o certo é que estas baleas abandonan durante os meses de inverno as xeadas augas do Océano Atlántico Norte e migran máis aló da Península Ibérica cara a lugares máis cálidos do Sur.

Os xibardos poden medir até uns 16 metros de lonxitude e pesar aproximadamente 36 toneladas. Trátase dunha especie protexida desde 1967. Estiveron a piques da súa extinción, reducíndose a súa poboación até nun 90 por cento, pero nos últimos anos se foi recuperando. Calcúlase que agora pode haber arredor de 80.000 exemplares no mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta