Por Galicia Confidencial | Mondoñedo | 28/11/2017 | Actualizada ás 12:03
O 13 de abril pasado, a empresa Pizarras Veira do Río S.L. (PIVERI) sufría un derrubamento na concesión 5873 que ten en Mondoñedo, sepultando unha retroescavadora, pero sen danos humanos, en plena Semana Santa. Agora, a asociación de Afectados polas louseiras do Val do Río Baos, constituída por veciños das parroquias de Lindín e Santa María Maior, volve denunciar que este 27 de novembro se produciu outra derruba da mesma empresa, neste caso na concesión 5646, aínda que de novo non houbo danos humanos que lamentar, pero si nas propiedades privadas lindeiras e na vía pública de titularidade municipal que dá aceso aos terreos adicados a uso agrogandeiro.
A vía derrubada, na que "tamén se detectaron novas fendas que favoreceran futuros derrubamentos", avisan, quedou inutilizada, deixando sen acceso a parte dos terreos lindeiros. Ademais, avisan, "é un grave perigo para os condutores e viandantes que descoñecen a situación, ao se atoparen cun desnivel vertical duns 20 metros de caída vertical á saída dunha curva".
A asociación de Afectados polas louseiras do Val do Río Baos asegura que este derrubamento foi "claramente debido ás voaduras con explosivos realizadas durante a semana pasada sen os mínimos controis de seguridade, sen un estudo previo do terreo e por a omisión intencionada dos límites da louseira". Unhas voaduras que foron denunciadas nesa mesma semana e con anterioridade ao derrubamento ante a Guardia Civil por veciños próximos á louseira que sufriron danos nas súas propiedades e vivendas.
Sumado a isto, denuncian tamén unha vertedura de gasóleo na que "se deixou un regueiro ao longo de 530 metros na estrada municipal entre as aldeas de A Beira do Río e Soutoxoane, provocando que co inicio das chuvias o asfalto esvaradío puidese favorecer accidentes por saídas da estrada".
Salientan, ademais, que o gasóleo filtrado ao terreo está a "só 65 metros do Río Baos", que abastece de auga potable o concello de Lourenza.
A vertedura, segundo esta asociación, foi debida a que "o transporte do gasóleo incumpre todas as normas" para o traslado por vías públicas de mercadorías perigosas e o seu almacenamento. Aseguran que "se realiza nunha cisterna de xurro 'adapta', cunha capacidade de 2.000 litros, realizándose o transporte sempre con nocturnidade, por sabendas do incumprimento da normativa".
Esa cisterna de xurro aparece no informe fotográfico da acta-denuncia número 2017-101704-00000062 da patrulla do SEPRONA, atopándose estacionada na parcela 546 (polígono 503) propiedade de Pizarras Veira do Río S.L.
PRESIÓNS
En vista da situación a asociación de Afectados polas louseiras denuncia que a política da empresa consiste en "presionar a veciñanza e o resto de actividades económicas do Val do Río Baos para o abandono das súas lexítimas propiedades e vivendas e posterior exilio" e así “non estorbar” para que a empresa poida "ter un uso exclusivo das vías públicas e, en consecuencia, apropiarse delas".
Dende a Asociación solicitaranse reunións coas respectivas alcaldesas dos concellos de Mondoñedo e Lourenzá, ademais dunha reunión informativa sobre o terreo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, onde o enxeñeiro supervisor de sendas concesións e dependente da Consellería informe ante os veciños e veciñas que medidas se tomarán coa empresa concesionaria.
Os afectados denuncian que "a falta de medidas medioambientas, de saúde pública e de seguridade laboral e viaria son unha práctica arraigada na empresa", polo que "se precisan solucións urxentes ante a previsible situación de danos persoais de maior envergadura".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.