“A declaración das Cíes como Patrimonio da Humanidade xeraría impactos socio-económicos directos”

A catedrática Dolores Garza, coordinadora do Comité Económico-Social da candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade, explica nesta entrevista o traballo que está a realizar este grupo de investigación, defende a importancia do proxecto para Vigo e a súa área de influencia, pero tamén para o conxunto de Galicia, afástase do conflito político entre Concello e Xunta de Galicia, e defende a independencia dos científicos que traballan para guiar esta candidatura.

Por Alberto Quian | Vigo | 28/11/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Dolores Garza é catedrática de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e coordinadora do Comité Económico-Social creado para guiar a candidatura impulsada polo Concello vigués das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade recoñecido pola Unesco. Nas mans deste equipo está "buscar información sobre o que estaría disposta a pagar a sociedade por conservar o ben natural de Cíes e por incrementar a súa protección”, como xa explicou Garza na presentación oficial, o pasado 18 de outubro, do plan que promove Vigo, que conta cunha trintena de investigadores das tres universidades, centros e institucións de Galicia.

As Illas Cíes
As Illas Cíes | Fonte: Susana Costas.

O Comité Económico-Social traballa en estreita colaboración co Comité Científico creado paralelamente para o mesmo fin e que coordina o tamén catedrático da Universidade de Vigo Emilio Fernández Suárez, director do Campus do Mar. Un terceiro Comité Técnico, conformado por persoal municipal, encárgase de manter as conexións entre ambos os dous grupos de traballo.

Nunha primeira etapa, o Comité Económico-Social procurará a información existente sobre a cuantificación económica dos beneficios que se derivan da conservación do ben natural Cíes e, nunha segunda etapa, dos beneficios que se derivarían do reforzo desa protección, se o ben é declarado finalmente Patrimonio da Humanidade.

Paralelamente, a Xunta de Galicia mantén o proxecto da candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas á Unesco que promove o Goberno galego, feito que ten suscitado controversias políticas entre o alcalde de Vigo e o presidente Alberto Núñez Feijóo, e nas que os científicos non se queren ver involucrados.

Nesta entrevista, Dolores Garza explica os detalles do traballo do Comité Económico-Social e a importancia deste proxecto para Vigo e a súa área de influencia, pero tamén para toda Galicia. E aínda que ao igual que o seu colega Emilio Fernández Suárez evita valorar o plan que impulsa a Xunta de Galicia, nega categoricamente que o promovido polo Concello de Vigo, en colaboración coa Universidade, sexa un proxecto localista, como se ten dito desde o Goberno galego, e defende a ijndependencia dos académicos e científicos que traballan neste Comité.

Os catedráticos Emilio Fernández e Dolores Garza
Os catedráticos Emilio Fernández e Dolores Garza | Fonte: UVigo.

"Desde a Universidade debemos reforzar a nosa colaboración coa sociedade á que servimos, e poder facelo pola túa cidade é un plus de responsabilidade social".

Quen lle propuxo coordinar este comité científico para a candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade? E por que aceptou a proposta?

O alcalde de Vigo púxose en contacto coa Universidade de Vigo para solicitar apoio no proceso de validación científica da candidatura e iso canalizouse a través de Campus do Mar. No noso caso particular, o Comité Económico creouse con posterioridade ao Comité Científico e foi o acalde Abel Caballero quen contactou directamente comigo para propoñerme a coordinación deste Comité. A maior parte dos membros do Comité Económico pertencemos tamén ao Campus do Mar. Como membro da Universidade, creo que debemos reforzar a nosa colaboración coa sociedade á que servimos, e poder facelo pola túa cidade é un plus de responsabilidade social e, á vez, de satisfacción persoal.

Con que equipo humano contan neste comité e de que institucións ou organismos?

Contamos cun equipo formado por membros pertencentes ás tres universidades galegas, aínda que con maior presencia da Universidade de Vigo, e ao Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria do CSIC. O equipo complétase con dous representantes dos axentes sociais: Elena Espinosa Mangana polo sector privado (que foi Ministra de Medio Ambiente en gobernos anteriores) e Albino Rodríguez Ferreira (Xerente da Fundación Provigo).

Cales son os seus obxectivos prioritarios?

De momento, o obxectivo prioritario é validar os estudos científicos existentes sobre a valoración económica das Illas Cíes, detectar lagoas de coñecemento neste tema e expor futuras liñas de investigación que permitan cubrir ditas lagoas.

"Os nosos traballos previos indican que a sociedade está disposta a pagar por manter o nivel de protección ambiental das Cíes".

Cales son as principais liñas de traballo?

Estamos a centrarnos en recompilar e revisar os traballos existentes sobre esa valoración económica para a sociedade, tanto no contexto de protección natural e ambiental actual como no caso de que as Cíes fosen declaradas Patrimonio da Humanidade.

Existen prazos para o seu traballo?

Non existe un prazo determinado, aínda que traballamos cun horizonte provisional de dous anos. Iso dependerá das lagoas de coñecemento que vaiamos detectando e das necesidades de cubrilas para reforzar a candidatura a Patrimonio da Humanidade. Dado que é un traballo de longo percorrido, é previsible que ese escenario temporal haxa que amplialo.

Hai algún plan ou estratexia para a proxección internacional do seu traballo?

Si, esperamos contar coa supervisión de expertos internacionais en valoración económica de bens ambientais e naturais, biodiversidade e ecosistemas.

Contan cunha base sobre a que traballar? Dispoñen de traballos ou datos de interese para este proxecto? 

Si, o Comité Técnico ten feito xa un gran traballo de recompilación de traballos existentes, a maioría deles centrados na valoración económica do nivel de protección ambiental das Illas Cíes. O máis destacable destes traballos é que a sociedade está disposta a pagar por manter o nivel de protección ambiental das Cíes, pero estes traballos deben ser actualizados porque se realizaron hai xa uns cuantos anos e é probable que a sociedade estea máis concienciada pola deterioración ambiental.

Tamén dispoñemos de traballos nos que se estimou a importancia económica da actividade pesqueira en augas de Cíes para algúns segmentos de frota artesanal; aínda que, do mesmo xeito que no caso anterior, deben ser actualizados porque xa transcorreron varios anos desde que se realizaron. 

"Tivemos independencia total desde o 'minuto un'. O Concello de Vigo non puxo ningún tipo de impedimento ou trabas".

Identificaron carencias existentes ou necesidades que cubrir en Vigo e a súa área de influencia para unha candidatura de leste calibre?

Si, tal e como comentaba, existe información que debe ser actualizada, pero tamén detectamos carencias que é necesario investigar especificamente para reforzar a candidatura.

Como se coordinan co Comité Científico?

A coordinación faina o Comité Técnico. É este Comité o que nos informa dos progresos realizados polo Comité Científico.

Ese Comité Técnico está organizado polo Concello de Vigo. Como espera que sexa a coordinación e a súa relación con este?

A relación é fluída e estamos en contacto permanente. O Comité Técnico, ademais, dános apoio aos outros dous comités, e o seu traballo é excelente.

Como se asegura a independencia do Comité Económico-Social?

A partir da independencia dos propios membros do Comité Económico-Social. Tivemos independencia total desde o 'minuto un'. O Concello non puxo ningún tipo de impedimento ou trabas tanto na designación dos membros do Comité como no traballo que estamos a realizar. A isto tamén contribúe que ningún membro do Comité reciba remuneración por parte do Concello.

"Aínda que, por suposto, sabemos que existen discrepancias entre Xunta de Galicia e Concello de Vigo, no traballo do Comité non as tivemos en conta e non o imos facer".

O alcalde de Vigo, na presentación destes comités, dixo que se trata de organizar grupos de traballo “á marxe de cuestións políticas”, en clara referencia ao conflito que manteñen Xunta e o goberno vigués polas súas candidaturas. Como lle explica vostede ao conxunto da sociedade galega que é así, que as cuestións políticas quedan á marxe?

En xeral, e non digo que non haxa excepcións, os académicos deixamos á marxe a nosa inclinación e ideas políticas cando realizamos traballos científicos, do contrario estariamos a nesgar ou influenciando a investigación en cuestión desde o inicio da mesma.

Aínda que, por suposto, sabemos que existen discrepancias entre ambas as institucións, Xunta e Concello, no traballo realizado ata o momento polo Comité non as tivemos en conta e non o imos facer. O noso traballo consiste en realizar unha análise científica de forma imparcial e corresponderá aos políticos tomar decisións baseadas ou non no traballo realizado polos Comités.

Mantiveron algún contacto coa Xunta nalgún momento en relación coa candidatura que defende o Goberno galego? Puxéronse en contacto con vostedes ou vostedes con eles?

Non, ata o momento non se puxeron en contacto connosco, nin viceversa. Entendo que deben ser as Administracións Públicas as que busquen colaboración científica ou académica para tentar reforzar as súas propostas de ser o caso (non sempre os resultados científicos alcanzados apoian os obxectivos dos decisores políticos).

"Os Comités Científico e Económico-Social estamos a responder a unha 'chamada social' e debemos traballar sen preocuparnos do contexto político".

Que opinión lle merece o proxecto que impulsa a Xunta?

Non coñezo o proxecto, así que non podo responder a esta pregunta.

O plan impulsado pola Xunta recibiu recentemente o apoio do Consello do Patrimonio Histórico, aprobando a súa inclusión na Lista Indicativa das candidaturas de España a Patrimonio da Humanidade. Isto non pecha unha porta á proposta do Concello de Vigo? Non teme que o traballo que vaian realizar vostedes caia en saco roto?

Supoño que isto podería limitar as opcións, pero o Concello, como representante da sociedade viguesa, fixo unha proposta de colaboración á Universidade de Vigo que aceptamos encantados. Ambos os Comités estamos a responder a esa “chamada social” e debemos traballar sen preocuparnos dese contexto político.

Que razóns hai, desde un punto de vista económico-social, para impulsar unha candidatura de Cíes exclusivamente e non do conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas?

Isto non nolo plantexamos. Tal e como comentei, recibimos unha petición de colaboración dunha Administración Pública e o noso deber consiste en responder positivamente a esta colaboración, con independencia dos resultados que alcancemos. Creo que esta pregunta en particular deben contestala os representantes políticos. En calquera caso, desde un punto de vista económico-social, ambas as candidaturas poderían ter vantaxes e inconvenientes, habería que estudalo en detalle.

A Xunta cualificou como localista a candidatura que impulsa o Concello de Vigo e que guían vostedes. Que opinión lle merece?

Eu non diría que é localista, a candidatura afecta a toda a Ría de Vigo, non só á cidade olívica.

"O resto de Galicia beneficiaríase desta declaración, do mesmo xeito que ocorreu noutros casos, como o Teide ou Doñana".

Que supoñería para as Cíes ser declaradas Patrimonio da Humanidade desde o plano económico-social?

Sen ningunha dúbida, un importante selo de calidade, ambiental neste caso. Isto contribuiría a incrementar a proxección internacional das Illas Cíes.

De que maneira se beneficiarían Vigo e a súa área de influencia?

Xeraría impactos socio-económicos directos, e cun efecto arrastre ao conxunto da economía, en Vigo e na súa área de influencia. Debemos ter en conta que a situación dos bens naturais e ambientais preocupa cada vez máis á sociedade e que existe unha demanda crecente tanto por actividades turísticas e de lecer nas que se respecte a calidade e protección ambientais como por produtos obtidos baixo unha xestión sustentable e responsable dos recursos naturais. As actividades económicas ambientalmente sustentables son, e deben ser, unha aposta de futuro.

E o resto de Galicia?

Tamén o resto de Galicia beneficiaríase, tanto polo efecto arrastre do incremento de valor engadido na comarca de Vigo como polo potencial aumento de visitantes e pernoitas noutras zonas de Galicia, do mesmo xeito que ocorreu noutros casos, como o Teide ou Doñana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta