Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2017 | Actualizada ás 12:00
O filme 'L'insulte', de Ziad Doueiri, resultou gañador da XXXI edición do festival Cineuropa após superar a 'Lucky', de John Carroll Lynch, e 'Visages Villages', de Agnès Varda e JR. O filme vencedor logrou do público un 8,56.
'L'insulte', unha mirada reflexiva ao conflito que leva anos enfrontando a palestinos e cristiáns libaneses, tamén obtivo este ano o premio ao mellor actor no Festival de Venecia e o premio do público do American Filme Institute.
"É cinema político e, ao tempo, emanación dunha loita individual pola dignidade", tal e como o describiu o director de Cineuropa, José Luis Losa, quen ve na vitoria deste filme "unha continuidade entre os valores do público e a temática reivindicativa" desta edición.
PREMIOS XURADO NOVO
En paralelo, na primeira edición do Xurado Novo de Cineuropa, o premio foi para 'A fábrica de nada', do portugués Pedro Pinho.
Ademais, este xurado composto por sete novos distinguiu a dirección de Lynne Ramsay na película 'You were never really here'.
O mellor guion recaeu en Michael Haneke, por 'Happy end'; mentres o premio 'Dereitos Humanos' foi para 'Estados Clandestinos', de Marc Iglesias e Paula Monteiro.
Como mellor actriz foi galardoada Laetitia Dosch, polo filme 'Jeune Femme'; e en categoría masculina o recoñecemento dirixiuse a Meinhard Neumann, actor en 'Western'.
Finalmente, o premio especial do xurado foi para a película 'Tesnota / Closeness', dirixida polo ruso Kantemir Balagov.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.