Temas: CINEUROPA

"The Square", xenial e irregular sátira da posmodernidade

“The Square é un santuario de confianza e afecto. Dentro del temos os mesmos dereitos e obrigas”. É o lema da última longametraxe do director sueco Ruben Östlund e tamén da exposición que lle dá título.

Por Jorge M.de la Calle | Compostela | 05/12/2017 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Suecia, Alemaña, Francia, Dinamarca. 2017. 142 minutos. Sueco, inglés, danés

O actor Claes Bang
O actor Claes Bang

Dirección e guion: Ruben Östlund

Reparto: Claes Bang, Elisabeth Moss, Terry Notary, Dominic West, Christopher Læssø

Fotografía: Fredrik Wenzel

Música: Rasmus Thord

Produción: Plattform Produktion / ARTE France Cinéma

Palma de Ouro (Mellor Película no Festival de Cannes 2017)

Nota do público en Cineuropa: 7,30/10 na Sección Oficial Europea (12º posto de 37 filmes)

Gañadora da Palma de Ouro do Festival de Cannes, e seleccionada como representante de Suecia aos Oscar deste ano, despois de que desbotaran o seu anterior traballo, Force Majeure, The Square non só é unha sátira fácil da farsa da arte contemporánea. É tamén unha implacable sátira da posmodernidade, ultracapitalista, nihilista e hipocritamente relativista, do Occidente e da Europa que consagra os dereitos humanos pero se converte nunha fortaleza fóra de cuxos límites non actúa coa mesma ética, como no cadrado da exposición. Dunha sociedade nórdica exemplar no seu modelo de Estado do Benestar e hiperpoliticamente correcta (dá que pensar o gag do espectador con síndrome de Tourette, que se pon a insultar a un artista conceptual, e a reacción do espectador que apela á “tolerancia” sen máis), pero cada vez máis pechada en si mesma e impermeable cos que veñen de fóra, e na que nos últimos anos, como en todo o mundo, creceron a desigualdade económica, o clasismo e a xenofobia.

 

O filme de Östlund é unha sátira pois sobre a sociedade actual, enfrascada nos seus smartphones de última xeración, nas súas présas cara a ningún sitio e na súa compulsión consumista, centrada en darlle ao “like” e compartir o último vídeo viral que fala de forma como mínimo controvertida da pobreza, máis con morbo e compaixón que con humanidade e solidariedade, e  que ao tempo non é  quen de virarse a axudar ao desfavorecido que ten máis preto, xa sexa unha muller que fuxe aterrorizada do seu agresor ou que é atacada nunha performance supostamente “artística”-ante as que reaccionan no último momento e como por compromiso-; ou ao mendigo que pide nun centro comercial, ante o que non hai escrúpulo en pedirlle que nos vixíe as bolsas da compra, nun dos gags máis surrealistas do filme. Máis pasiva e comprometida como pose que proactiva e comprometida realmente. Máis centrada no marketing e na imaxe que no fondo e no real. No individual que no colectivo. 

 

Östlund segue na liña da súa filmografía e gosta de criticar á alta burguesía como Buñuel ou o seu máis contemporáneo Haneke, a ese director de museo de arte contemporánea e pai divorciado que procura a mellor educación para as súas fillas, o mellor trato cos demais e as mostras máis comprometidas pero que non se atreve a falar cara a cara coas familias dun barrio do extrarradio, ou que ignora ao neno de clase baixa que o interpela con razón. A ese animal humano, en definitiva, que de forma mediocre e patética xustifica un arte no que non cre e, nunha das escenas finais, a un sistema que critica como na exposición que organiza pero que acaba lexitimando de forma autocomplacente porque é o que lle convén. 

 

The Square bríndanos unha xenial, divertida e suxerente denuncia da sociedade na que vivimos e unha sucesión de gags, situacións e personaxes hilarantes que provocan a gargallada unha e outra vez e ao tempo fan pensar grazas a un humor ácido e mordaz, mais polo camiño sóbralle demasiada metraxe (dura case dúas horas e media e as malas linguas din que a recortou para poder presentala a Cannes, o mesmo suposto motivo polo que non tivo tempo para darlle a forma e os ritmos adecuados na sala de montaxe). O realizador excédese na duración das escenas e en dar explicacións mentres outras liñas argumentais que abre quedan coxas, preséntase moitas veces máis obvio que sutil, trata demasiados temas sen afondar ou enfocarse nun, fai máis bosquexos que trazos, bota tenues pinceladas ao tempo que grosas brochadas noutras escenas, unhas son demasiado claras e outras confusas (no último encontro coa xornalista – intarrerpretada por Elisabeth Moss- quere criticar ao varón pola sua  posición social ou ao posfeminismo?-; no seu encontro coa inmigrante critica a esta ou ó seu arranque de falsa solidariedade máis preto da caridade?): Östlund parece deleitarse en personalidades excéntricas e desafiantes que parecen poñer a proba a forzada conciencia social do protagonista, e xoga a levalo ao límite como o seu equipo de comunicación fai co spot da exposición ou o actor encarnado por Terry Notary coa performance, pero falla un tanto en darlle un sentido, unha estrutura e unha unidade.  

 

O seu protagonista, encarnado por un soberbio Claes Bang, sobrio e supercorrecto no seu papel de impecable pai e intelectual con inquedanzas progresistas, pero que pode traspasar o límite do tolerable, rebaixarse ata o patetismo e amosar o seu lado menos admirable cando lle rouban o teléfono -o auténtico desencadeante do conflicto-, aparece demasiado matizado en comparación con todas as demais personaxes, secundarias, planas, extremas e moitas  veces caricaturizadas que atopa no seu camiño –os publicistas sen escrúpulos, a xornalista obsesiva, o traballador do museo que o empurra a facer tolerías, o neno matón, o artista conceptual tan cotizado como baleiro ou a indixente que esixe a súa esmola-, e o resultado é que nos aparece máis humanizado e nos identificamos máis con el que co resto. Erro de concepción ou feito adrede? Resulta un tanto ambiguo nas súas intencións, irregular e fragmentario, sen conclusión e aberto a múltiples interpretacións, excesivo por momentos e desordenado, mais o que non se pode negar é que The Square ofrece unha chea de bos e disparatados momentos, algúns sublimes, aínda que non tan ben conectados. O cadrado non é redondo nin unha obra mestra, e quizais peca no seu conxunto da pretenciosidade das obras que el mesmo critica, pode que non merecera o máximo galardón de Cannes, pero o certo é que si merece ser vista e ata revista para fixarse nos detalles. Cinema transgresor e necesario, aínda que falto da resolución formal que merecería a ambición das súas propostas. 

Temas: CINEUROPA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Cineuropa Lo Vale

Vina en Cineuropa e pareceume unha película moi interesante, por todo no que se di no artigo. Teño que criticar quizais que é un pouco longa, pero divertiume, e a escea na que un actor interpreta un gorila é brutal. Relacionado con iso, non sei que conexión terían as esceas nas que aparece ese animal dentro dunha casa, pero resultan chocantes, misteriosas. Pero ante todo, hai que dicir: vivan os festivais de cine de Compostela! Viva Cineuropa! Viva o Euroarab! Viva Curtocircuito! A mellor forma de ver cine variado e de calidade.