VIGO 1972. A hora da verdade: o fito da loita obreira en Galicia

En setembro de 1972, tres anos antes da morte de Franco, a industria de Vigo e comarca mantivo durante quince longos días a maior folga da historia de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/12/2017 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Galicia, 2017. 62 minutos. Galego.

Asemblea de traballadores nos últimos anos do franquismo, en Vigo
Asemblea de traballadores nos últimos anos do franquismo, en Vigo

Elenco de entrevistados: Carlos Núñez, Carlos Barros, Elvira Landín, Juan Bacariza, Francisco Lores, Rafael Pillado, Camilo Noqueira, Pilar Pérez, Margarita Rodríguez, Waldino Varela, Juan Benavides

Música: Iván Salgado, Diego Mosquera

Produción: Emilio J. Fernández, Arthur Gordon

O paro xeral chegou a sumar preto de trinta mil traballadores. Houbo máis de seis mil despidos, que ao final quedaron en 400, e centos de persoas detidas e feridas. Mais os obreiros acadaron o seu obxectivo e Galicia converteuse en centro de atención a nivel estatal e europeo, vangarda da loita contra a ditadura, asestando un duro golpe ao réxime que daquela xa iniciaba o seu declive e vía o conflicto con verdadeira preocupación. 

Juan Bacariza e Paco Lores, no documental Vigo 1972
Juan Bacariza e Paco Lores, no documental Vigo 1972

A de setembro fora precedida doutra gran folga xeral en marzo en Ferrol e Vigo en protesta polo asasinato na cidade ártabra de Amador Rei e Daniel Niebla a mans da policía, acontecemento que constituíu un significativo estímulo para o sindicalismo galego e a aparición de varias organizacións e líderes. Mais poucos meses máis tarde, ninguén esperaba que o despido de cinco traballadores que solicitaban unha xornada laboral sen tanta carga horaria, concretamente 44 horas, servise de detonante para unha mobilización masiva que non só implicou a toda a clase obreira industrial, tanto da fábrica de Citröen como de Vulcano, Barreras…, senón que paralizou comercios, autobuses, e botou á rúa a obreiros e estudantes. A cinta conta con testemuños de persoas que viviron os feitos de primeira man, entre eles os sindicalistas Camilo Nogueira, a abogada laboralista Elvira Landín, o secretario do comité local do Partido Comunista Carlos Núñez, ou as dirixentes sindicais da empresa de cerámica “Álvarez”, Margarita Rodríguez e Pilar Pérez. 

O traballo contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Foro pola Memoria de Galicia, o Festival Primavera de Cine e Aerocámaras. Tamén participaron a Asemblea Republicana de Vigo, a Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Vigo e a Asociación Cultural Fuco Buxán. Un dos seus grandes atractivos é ter a oportunidade de contar con “testemuñas reais, aproveitando a experiencia en primeira persoa e achegando os acontecementos con veracidade para que esta historia sexa coñecida polas xeracións máis novas e recoñecida polas máis maiores”, afirma a memoria do documental. O feito de contar coa maioría de protagonistas directos da folga constitúe unha impagable fonte documental, que se complementa cunha considerable cantidade de material de arquivo de diarios estatais e estranxeiros, emisións televisivas, fotografías, octavillas, etc. Incorpóranse imaxes da época do Fondo Pacheco, da Fundación Penzol, da Fundación 10 de Marzo, ou de fotoxornalistas pioneiras como Anna Turbau. Non hai imaxes da folga en si, xa que “no mundo da clandestinidade, as fotos son moi escasas, porque eran probas inculpatorias”, explica Cagiao. Igualmente inclúe dramatizacións dalgúns dos feitos, nas que se busca “combinar a rigorosidade do relato cun ritmo e cunha forma de contar que sexan amenas”, explica. 

Cagiao inspírase para a realización do documental e o seu ritmo narrativo en referentes do xénero como a triloxía La Batalla de Chile, de Patricio Guzmán, ou Harlan County, de Barbara Kopple, ambas obras que puideron disfrutarse de balde en Cineuropa nesta edición, dentro do ciclo de cine político Novecento: o século das revolucións. En menor medida cita filmes de ficción como La Battaglia de Algerie (Guillo Pontecorvo), Z (do premiado nesta edición Costa Gavras) ou Infancia Clandestina (Benjamín Ávila). E en efecto consegue con gran acerto conxugar a faceta puramente documental e testemuñal coa emoción e proximidade do relato na voz dos seus protagonistas, alternando con imaxes, recortes, gravacións e recreacións que fan máis diversa e menos pesada a narración, e contribúen a crear unha épica dos acontecementos.

A longametraxe producida por Emilio J. Hernández presentouse o 27 de setembro no Auditorio Mar de Vigo, coincidindo co 45º aniversario da histórica folga, e foi todo un éxito. En menos de dúas semanas asistiron aos pases máis dun milleiro de persoas, algunhas das cales tiveron que quedar fóra. Tamén en Cineuropa encheuse o Salón Teatro para acoller a estrea na capital de Galicia de “Vigo 1972”, que presentou o propio realizador e o equipo de produción, e á que asistiron numerosos persoeiros da esquerda e algúns dos seus protagonistas daquela época. O documental séguese a proxectar nos multicines Compostela. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pibom

Vim o "documentário". É a versom do PCE e CCOO oficiais sobre os acontecimentos daquelas datas. A falta de qualidade científica é manifesta. À UPG outorga-se-lhe um papel colateral e Organización Obreira, que foi chave no desenvolvimento do conflito, é anulada diretamente. É compreensível que cada quem tenha as suas afinidades, mas o rigor deve ser umha exigência na construçom do relato histórico

1 Meira

Moitas fotos son da reconversión naval e da loita de Ascón dos anos 80