O declive dos xornais galegos en papel

Un estudo comparativo entre a prensa tradicional galega e portuguesa evidencia que o mercado dos xornais en papel sufriu un claro retroceso nos últimos anos. Os cambios tecnolóxicos e a crise económica agudizan a agonía deste sector, que perdeu unha cuarta parte do seu mercado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/12/2017 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

A prensa en papel galega e portuguesa están en claro declive. Así o constata un estudo comparativo feito por investigadores da universidades da Coruña e Porto, no que analizaron a evolución das vendas e difusión dos xornais en papel nun período de 25 anos. Os resultados amosan un claro retroceso, que se viu agudizado na última década pola crise económica pero, principalmente, polas mudanzas tecnolóxicas e no consumo de información, que se traslada a Internet.

Exemplar de La Voz de Galicia no que comparten a mesma páxina publicidade de Turismo da Xunta e unha noticia da detención dun home por queimar accidentalmente menos dunha hectárea da súa leira, primeiro arrestado en relación á vaga de lumes que asolou Galicia.
Exemplar de La Voz de Galicia no que comparten a mesma páxina publicidade de Turismo da Xunta e unha noticia da detención dun home por queimar accidentalmente menos dunha hectárea da súa leira, primeiro arrestado en relación á vaga de lumes que asolou Galicia.

O estudo —asinado por Óscar Juanatey Boga e Valentín Alejandro Martínez Fernández, pola Universidade da Coruña, e Paulo Faustino, pola Universidade de Porto— demostra que tanto a prensa galega como a portuguesa sufriron un enorme retroceso nos últimos anos. Con todo, din os investigadores, "parecen existir certas diferenzas nos mercados galego e portugués".

"Se ben é certo que os datos para os xornais galegos amosan unha maior estabilidade, xa que para o caso dos xornais portugueses os datos dalgún deles aparecen a partires dunha data xa avanzada da serie temporal, non é menos certo que o modelo da prensa portuguesa está moito máis volcado na difusión a través das subscricións, e onde a venda nos puntos de venda de distribución teñen un peso moito menor que para o caso dos xornais en Galicia".

Os datos da evolución dos principais compoñentes da difusión en 25 anos —o estudo analiza o período 1990-2015— mostran cifras que "non son moi alentadoras" para os xornais en papel, xa que "tras unha década dos noventa do pasado século moi prometedora, por amosar unha evolución dos datos de difusión bastante positivos", os investigadores salientan que "os inicios do novo milenio marcaron unha lenta aproximación cara a un cambio de tendencia que se consolidou definitivamente nos últimos 10 anos, cun claro descenso nas cifras de difusión".

De feito, todos os valores sitúanse en mínimos históricos para a prensa galega, coas cifras de difusión máis baixas en 25 anos, mentres que no caso portugués a caída non é tan acusada, con cifras que, aínda que son as peores dos últimos 15 anos, aínda se manteñen por enriba das acadadas na década de 1990.

Evolución das cifras de difusión dos xornais de Galicia e Portugal
Evolución das cifras de difusión dos xornais de Galicia e Portugal | Fonte: ACTAS DO I CONGRESO INTERNACIONAL DE AGACOM.

"Cómpre destacar deste xeito a importante caída en tódalas variables que compoñen a difusión total entre o ano 2010 e o ano 2015, con descensos que superan en moitos casos o 20%, pois tanto no caso dos xornais galegos coma portugueses a difusión total de pago caeu un 24% e un 23,4% respectivamente, cifras moi similares e que supoñen un recorte de practicamente unha cuarta parte do mercado, e por tanto dos ingresos procedentes da venda de exemplares", salientan os autores do estudo.

Á caída da difusión e das vendas, e por tanto de ingresos, hai que engadir o incremento dos custos como consecuencia do incremento dos exemplares non vendidos nos quioscos. Neste sentido, e ao definir os investigadores un indicador como o que denominan 'esforzo de venda', que recolle a relación entre os exemplares non vendidos e os vendidos nos puntos de venda, "pódese aprezar como dito esforzo de venda se ten incrementado de xeito considerable desde o ano 2005, o que supón que cada vez hai máis exemplares invendidos por cada un que se vende, que á sua vez son cada vez menos", expoñen.

Isto, proseguen, "implicaría unha clara caída nas marxes de rendibilidade das empresas editoras".

Para o caso de Galicia, indican, o esforzo de venda pasou de valores por debaixo do 20% a comezos da década de 1990 a tocar valores de preto do 30% nos últimos anos. Mentres que no caso de Portugal sinalan que houbo un "incremento moi brusco" do esforzo de venda a partir de comezos do novo milenio, con valores incluso superiores ao 100%, e dicir, volvían á editora máis da metade dos exemplares enviados para a venda.

MENOS VENDAS E TAMÉN MENOS PUBLICIDADE

Malia que os donos dos xornais en papel están tentando maquillar o seu declive, principalmente para non perder influencia política e no mercado publicitario, o certo é que, como avisan estes autores, "se a evolución da difusión persevera na súa tendencia, as dificultades das empresas editoras de xornais veranse abocadas a importantísimas tensións económicofinanceiras como consecuencia da caída importante nos ingresos procedentes da venda de exemplares, ao que se unirá en grande medida o recorte na outra fonte principal de ingresos das cabeceiras, a publicidade, como consecuencia non só da perda de lectores, senón tamén da fortaleza acadada por outros competidores na captación de inversión publicitaria como pode ser o caso de Internet".

Por isto, os investigadores consideran "fundamental que as empresas editoras de xornais en papel tomen as medidas oportunas para afrontar os importantes retos cos que se veñen atopando", pero sobre todo "cos que virán nos próximos anos", para tentar "garantir a súa propia subsistencia", a cal, consideran, debe pasar necesariamente por unha "reconfiguración do seu tradicional modelo de negocio, cuestión esta na que, polo momento, só están a dar os primeiros e moi inseguros pasos", conclúen.

Para o caso dos xornais portugueses, os investigadores utilizaron os datos  da Associação Portuguesa para o Controlo de Tiragem e Circulação de todos os xornais catalogados como diarios de información rexional, o que resulta nun total de cinco publicacións: Açoriano Oriental, o Diário de Aveiro, o Diário de Coimbra, o Diário de Notícias de Madeira e o Diário do Sul. 

No caso dos xornais galegos o criterio de selección foi por un lado o liderado territorial e representatividade en cada unha das provincias máis a permanencia e continuidade dos datos na Oficina de Justificación de la Difusión (OJD), de xeito que os xornais incluídos na investigación son: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso e La Región. 

Os resultados do estudo, titulado 'Os xornais rexionais en papel de Portugal e Galicia: a incerta perspectiva dun mercado en declive', presentáronse recentemente no I Congreso Internacional da Asociación Galega de Investigadoras e Investigadores en Comunicación.

Cifras de difusión dos xornais galegos e portugueses
Cifras de difusión dos xornais galegos e portugueses | Fonte: ACTAS DO I CONGRESO INTERNACIONAL DE AGACOM.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ferrolan do pisco

LÓXICO que perdan letores ,por exemple La Voz de Feijóo valora máis a propaganda Rajoysta-Afeyjoada , que a veracidade , imparcialidade e prestixio do diário.