Por Galicia Confidencial | Vigo | 13/12/2017 | Actualizada ás 13:02
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo, coordina a Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria (RISEGAL), promovida desde este centro de investigación e financiada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) no marco do programa de Axudas de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas 2017. A súa actividade desenvolverase ata finais do 2019.
RISEGAL dedicarase a identificar e explorar riscos químicos e microbiolóxicos emerxentes en seguridade alimentaria en Galicia tendo en conta factores ambientais e socioeconómicos impulsores como o cambio climático, os novos hábitos de consumo, o envellecemento da poboación, a crise económica ou a globalización.
O fin último de RISEGAL é emitir unha serie de recomendacións e accións para previr a aparición de riscos emerxentes en seguridade alimentaria en Galicia. Ademais do grupo de investigación coordinador, a Rede conta co grupo do CSIC de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña (IIM) e cos seguintes grupos das universidades galegas: Investigacións Agroambientais e Alimentarias (Universidade de Vigo), Tecnoloxía dos Alimentos (Universidade de Vigo), Patoloxía na Acuicultura (Universidade de Santiago de Compostela), Análise Química e Toxicolóxica de contaminantes naturais e antropoxénicos presentes no medio ambiente e alimentos (Universidade de Vigo) e o Grupo de Xenética de Organismos Mariños (Universidade de Coruña).
Trátase, por tanto, dunha Rede multidisciplinar constituída por expertos nos principais axentes que poden comprometer a seguridade química e biolóxica dos alimentos comercializados en Galicia.
O Grupo de Microbiología e Tecnoloxía de Produtos Mariños (MTPM) dirixido na actualidade pola doutora Marta López Cabo, centra a súa actividade no deseño de estratexias con posible transferencia empresarial que permitan solucionar os principais problemas de calidade e seguridade de produtos mariños ao longo da cadea de valor.
Na actualidade, as súas principais liñas de traballo céntranse en propoñer novos métodos e tecnoloxías para o control non invasivo da calidade, como a análise hiperespectral, e no estudo de biofilms de Listeria monocytogenes co fin de reducir a súa incidencia na industria alimentaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.