Un estudo no que participan investigadores galegos desaconsella reabrir Altamira ás visitas masivas

Os científicos argúen que só un aumento substancial no número de visitantes permitido orixinal tería un impacto económico relevante, pero ameazaría a sustentabilidade física da cova.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/12/2017 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

Un estudo realizado por científicos sociais do Grupo de Estudos Territoriais, da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña (UDC) e do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) avalían nun estudo o impacto social e económico do Conxunto de Altamira como Sitio Patrimonio da Humanidade UNESCO en Cantabria. As conclusións desta investigación aportan información relevante para decidir se a conservación das pinturas de Altamira é compatible cun plan de xestión turística e un réxime de visitas limitada.

Cova de Altamira
Cova de Altamira | Fonte: Museo de Altamira.

Os resultados da investigación revelan que unha posible reapertura da Cova de Altamira non tería un impacto económico significativo na rexión de Cantabria. Só un aumento substancial no número de visitantes permitido á cova orixinal tería un impacto relevante, pero isto ameazaría a sustentabilidade física da cova, informa a UDC.

A investigación levouse a cabo no marco do proxecto “Programa de Investigación para a Conservación Preventiva e Réxime de Acceso á Cova de Altamira” durante o período 2012-2014 impulsado pola Secretaría de Estado de Cultura do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD) co obxectivo de determinar o impacto da presenza humana sobre a conservación das pinturas de Altamira, coa fin de decidir se é compatible a súa adecuada conservación cun réxime de visitas á cova e elaborar un plan de conservación preventiva.

Participaron neste proxecto 48 especialistas de diferentes institucións académicas e organismos públicos: Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE), das Subdireccións Xerais de Protección do Patrimonio e dos Museos Estatais do MECD, das Universidades de Cantabria e do País Vasco, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH) e do propio Museo de Altamira.

A novidade deste equipo é que por primeira vez se incorporou un equipo de científicos sociais (sociólogos da Universidade da Coruña e antropólogos) para analizar o valor social deste lugar patrimonial e analizar o impacto económico deste lugar.

A Cova de Altamira é un lugar emblemático declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO en 1985, testemuño material arqueolóxico, histórico e cultural único da Era do Paleolítico Superior. Icono dos que buscan comprender as orixes da humanidade e a arte a través de pinturas e gravados que datan de máis de 15.000 anos.

Non é sorprendente que Altamira se convertese nun importante destino turístico ou que a historia deste emblemático lugar fose trasladada á gran pantalla baixo a dirección de Hugh Hudson e Antonio Banderas como protagonista principal. Con todo, a xestión de Altamira ten sido fonte de controversia durante as últimas décadas porque a Cova foi aberta e pechada en varias ocasións. O último peche tivo lugar no ano 2012 pola preocupación que o impacto dos visitantes estaba tendo nas pinturas prehistóricas. 

A pesar disto o Museo de Altamira e a Neocova conseguen atraer unha importante cantidade de visitantes a Cantabria. De feito, os resultados desta investigación na que se realizaron 1.067 enquisas a pé de Museo, revelan que para o 60% dos visitantes, Altamira é o factor determinante para realizar a viaxe.

Este dato é corroborado ao analizar o histórico de visitas ao Complexo de Altamira que se mantivo por enriba dos 230.000 visitantes desde o ano 2001 (momento en que se abriu a Neocova,) a pesar do peche da cova orixinal, sendo Altamira o segundo museo público máis visitado de España (despois do Sefardí).

Os visitantes gastan de media 105 euros ao día e a duración media da estadía é de 4,5 días na rexión de Cantabria, o que supón un impacto económico directo de 113 millóns de euros ao ano.

Para os investigadores Eva Parga Dans, da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, e Pablo Alonso González, IPNA-CSIC, autores dun artigo sobre o tema que acaba de saír publicado en Journal of Cultural Heritage, sería importante desenvolver unha adecuada estratexia de comunicación para a conservación preventiva da cova, sobre todo para aclarar a confusión e controversia sobre este lugar así como para dar resposta á demanda social de transparencia e claridade sobre a xestión dun lugar que representa actualmente o 0,9% do PIB de Cantabria.

Actualmente, a Cova de Altamira pode ser visitas por un máximo de 250 persoas ao ano, tras a polémica decisión de reabrir o acceso de xeito restrinxido nun proxecto experimental posto en marcha en 2014, decisión que non gustou aos expertos. Malia a oposición dos científicos, o Patronato de Altamira decidiu manter as visitas controladas, polas que poden acceder cinco persoas elexidas por sorteo cada venres entre os visitantes ao museo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta