Por Galicia Confidencial | A Coruña | 21/12/2017 | Actualizada ás 20:00
Esta semana fíxose 110 aniversario da estrea do himno de Eduardo Pondal e letra de Pascual Veiga. Unha efeméride que non pasou por alto a Real Academia Galega (RAG) que organizou un acto na súa sede –con concerto incluído-- para lembrar esta data.
Unha data que é todo un símbolo para o pobo galego. E, por iso, a Xunta de Galicia tampouco quixo deixar fuxir o momento sen pronunciarse. Por iso, aprobou unha declaración institucional na que destaca que, desde que Pascual Veiga, musicou “Os Pinos”, “todas as galegas e galegos teñen no himno un símbolo do seu vencello coa comunidade, que espella nos seus sons e versos a querenza pola Terra, a adhesión ao idioma a pertenza ao noso pobo”.
O noso himno resoou por vez primeira no Teatro do Centro Gallego da Habana o 20 de decembro de 1907, data na que a comunidade galega en Cuba homenaxeou a Pascual Veiga. Desde entón, eses versos e esa música acompañaron a historia de Galicia. De feito, e como lembra a Xunta, Cuba, ademais de parir o himno, tamén foi a orixe doutros destacados símbolos do noso pobo, como a súa bandeira ou sociedade promotora da Academia Galega. “Por iso, neste cento dez aniversario, a Xunta de Galicia quere lembrar tan sinalada efeméride e congratularse pola conmemoración deste relevante episodio para a Historia de noso”, recolle a declaración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.