Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/01/2018 | Actualizada ás 08:35
O Consello da Xunta autorizou este xoves a contratación do servizo de transporte sanitario urxente aéreo por parte da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Trátase da prestación do servizo de transporte e asistencia sanitaria aérea de pacientes, con dous helicópteros e incluíndo as tripulacións especializadas e a loxística.
Esta nova contratación contará cun orzamento de dez millóns cento vinte mil euros desde xullo de 2018 ata xuño de 2022, dous millóns máis que o anterior concurso, que custou oito. Un aumento de orzamento que o presidente da Xunta explicou porque “o horario de dispoñibilidade dos dous helicópteros será de orto a ocaso os 365 días do ano”. Isto implicará, dixo que, aumenten en 200 as horas de voo.
“Este aumento do horario suporá un incremento do número de horas de dispoñibilidade, polo cal os galegos se beneficiará en maior medida dos programas de atención ao infarto agudo de miocardio (Progaliam) e ao ictus (Plan Ictus)”, sinalou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Ademais, defendou o concurso porque aumentará a cobertura das emerxencias no verán, polo aumento do número de horas de luz solar.
MÁIS TECNOLOXÍA
Tamén dixo que o novo contrato requirirá aeronaves mellor dotadas con equipamentos de electromedicina máis avanzados, con medidas de seguridade engadidas, menor antigüidade e mellora do sistema de mantemento dos helicópteros. Asemade, esixirá instalacións de protección con elementos para mellorar os tempos de saída ás emerxencias e a actualización dos dispositivos de contacto e seguimento de situación das aeronaves desde a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
“Todo isto redundará nunha mellora dos tempos de resposta ante unha emerxencia sanitaria, a mellora na asistencia sanitaria urxente, potenciando a accesibilidade e a equidade da poboación galega e diminuíndo os tempos de traslado dos pacientes críticos aos centros sanitarios”, concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.