Temas: OURENSE SGHN

A SGHN transmite ao Concello de Ourense o seu "malestar" e "desconcerto" pola xestión do arborado urbano

A Sociedade Galega de Historia Natural critica o alcalde Jesús Vázquez Abad por non ter contestado as súas peticións e insístelle nun novo escrito na necesidade dun "cambio radical" na xestión das árbores.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/01/2018 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural presentou no Concello de Ourense un novo escrito dirixido ao alcalde, Jesús Vázquez Abad (PP), no que lle reitera a súa "preocupación polo tratamento do arborado urbano" nesta cidade e lle manifesta o seu "malestar" por non ter recibido resposta ao escrito anteriormente presentado en setembro de 2017.

Recollida de árbore caída na Praza de San Marcial de Ourense
Recollida de árbore caída na Praza de San Marcial de Ourense | Fonte: Telemiño Youtube.

Trala caída de árbores en varias zonas da cidade, talas, polas drásticas e outras actuacións levadas a cabo en Ourense sobre o arborado da cidade, incluíndo a previsible tala de varias árbores, o Grupo de Arborado Urbano da Delegación en Ourense da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) volve insistir  na necesidade dun "cambio radical na xestión do arborado urbano", a cargo da empresa Valoriza, e que "o seu tratamento se encargue a profesionais capaces de planificar un nivel de risco aceptable para o arborado e con coñecementos contrastados das técnicas modernas".

A SGHN expresa especialmenre o seu "desconcerto" ante a previsible eliminación de 50 árbores en distintas zonas, pero sen detallar resposicións, criterios técnicos, planificación da repoboación arbórea con criterios racionais dos espazos e especies ou a cuantificación do índice de risco real" que motiva estas actuacións.

Por isto, insisten en pedir que antes de acometer as actuacións se fagan informes públicos da situación real do arborado e, se é preciso, entón se faga unha "reposición dos exemplares eliminados de acordo a criterios técnicos e racionais".

A SGHN vén insistindo ao Concello de Ourense para que faga un "exercicio de transparencia", facilitando, por exemplo, o informe técnico que deu pé á actuación de emerxencia realizada na praza de San Marcial.

"Á vista da evolución do tema e trala absoluta falta de resposta da Alcaldía e da corporación (agás un grupo político) manifestamos o noso malestar, insistindo e reiterando as nosas solicitudes xunto con preguntas sobre os futuros planes que aparecen na prensa en diferentes puntos da cidade", expón a SGHN.

Asemade, reclaman ao Concello que "recabe a opinión de grupos e persoas interesadas na xestión e planificación antes de tomar decisións drásticas en materia de arborado urbano" xa que "hai que ter en conta que estas decisións van máis alá dunha acción puntual do Consistorio" para "configurar o futuro dunha cidade sostible e ecoloxicamente respectuosa".

Temas: OURENSE SGHN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta