Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/01/2018 | Actualizada ás 18:43
A londra emerxe na lagoa da Facultade de Filoloxía e Tradución, un ecosistema especialmente favorecido polas últimas choivas. A presenza estable deste mustélido do campus vén de confirmarse nos últimos días, aínda que non é unha sorpresa para os técnicos de medio ambiente da Universidade de Vigo. “O ano pasado pensabamos que podería haber londras porque observamos algunhas pegadas, pero agora xa o confirmamos ao ver o animal”, indica Sergio Ramos, técnico superior da Oficina de Medio Ambiente, informa a UVigo.
Ramos explica que posiblemente este exemplar marchase do campus pola seca e que agora regresou a estas augas polas intensas precipitacións das últimas semanas. O feito de que a londra se traslade ata a contorna da Universidade é, segundo o persoal técnico, un indicativo da boa saúde que ten o ecosistema do campus, despois de que non se avisasen este tipo de animais en moito tempo.
Foi o mércores da semana pasada cando o persoal da Oficina de Medio Ambiente confirmou o que levaban tempo sospeitando, a presenza dunha londra na lagoa. A londra é un mamífero da familia dos mustélidos, especie carnívora de costumes esencialmente acuáticas.
AXUDA CONTRA UN CANGREXO INVASOR
Segundo se puido constatar a través dos restos de excrementos, a alimentación desta londra inclúe cangrexos vermellos, unha especie invasora presente no campus, polo que “tamén nos presta axuda nese sentido”, apunta Ramos. No mesmo plano, considera que “é probable que fora a propia londra a que acabase coas carpas da lagoa da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais”.
Tendo en conta que, seguramente, este exemplar proveña dunha zona próxima e, de forma máis concreta, dos arredores do río Zamáns, o técnico da OMA agarda que “oxalá veñan máis londras e non nos quedemos so nunha mostra deste carnívoro”, explica no DUVI.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.