Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2018 | Actualizada ás 09:40
Beatriz Sestayo logrou por un voto de diferenza revalidar o seu posto como secretaria xeral do PSOE en Ferrol, ao obter 96 papeletas fronte ás 95 conseguidas pola lista encabezada polo senador Ángel Mato, na votación á comisión executiva da agrupación socialista na cidade naval.
A votación celebrouse durante unha asemblea extraordinaria que tivo lugar na tarde noite deste martes no Centro Cultural Carballo Calero do Inferniño, desde as 20,30 horas e que se prolongou até a media noite.
Nunha asemblea multitudinaria exerceron o seu dereito a voto un total de 194 militantes, xa que tres das papeletas foron consideradas nulas.
Ao remate do reconto Sestayo quixo destacar "a mobilización, que foi masiva". "E, por iso, quero felicitar ao Partido Socialista, que demostra que é unha organización viva e na que ambos os candidatos dixemos, e así o farei, que gañe quen gañe porémonos a disposición do gañador para traballar a favor da cidade e do PSOE, tal e como procede", manifestou, ademais de querer incidir en que está "moi orgullosa da militancia e moi honrada de ser a gañadora".
Con respecto ao axustado da súa vitoria sobre o outro candidato, con tan só un sufraxio máis, Sestayo asegurou que "o partido non queda fracturado, para nada, é un partido forte e agora o que toca é pornos a traballar todos unidos para liderar o proxecto de esquerdas desta cidade".
INTEGRACIÓN
Sobre a posible integración dalgúns dos militantes da lista que lideraba Ángel Mato, Sestayo trasladou que "a partir de xa" van "facer grupos de traballo con xentes das dúas listas, na que non sobra absolutamente ninguén", sentenciou.
Pola súa banda, Ángel Mato quixo "agradecer a todos os militantes que se desprazaron até esta asemblea a votar e darlle tamén os parabéns á secretaria xeral". "E tal e como me comprometín antes de entrar nesta asemblea, eu seguirei traballando como até agora pola agrupación á que defendo", abundou.
O representante na Cámara alta tamén incidiu en que "o resultado foi moi axustado". "Penso que agora todos debemos de estar ao lado da secretaria xeral e continuarei traballando para o meu partido, que é o que levo facendo ao longo deste tempo e o que seguirei facendo de aquí en diante", apostilou.
ESFORZO POLA LISTA
Mato rexeitou valorar este resultado "como a existencia de ganas de cambios", xa que estimou que no seu caso fixo "un esforzo enorme por tratar de buscar unha lista que tivese o apoio da maioría". "Tentei falar con todo o mundo e o resultado é o que é e ao que me referirei sempre", recalcou.
Con respecto á integración de membros das dúas listas na executiva que liderará Sestayo, Mato manifestou que "agora é a ela a quen lle corresponde tomar as decisións e que decida con que persoas quere contar". "Desde logo non serei eu o que poña ningún impedimento para iso", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.