Ferrol, a guerra que nunca acaba no PSdeG

Beatriz Sestayo impúxose por un só voto nunha das batallas máis duras que se lembra polo poder local do PSdeG. Os críticos anuncian que impugnarán o proceso.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 01/02/2018 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

A Gonzalo Caballero acumúlanselle os problemas. Tras a perda do poder provincial en Lugo, Pontevedra e A Coruña e as diferencias con destacados líderes do seu partido, agora súmaselle unha nova batalla na agrupación socialista de Ferrol que ten difícil solución.

Beatriz Sestayo
Beatriz Sestayo

A vitoria pírrica de Beatriz Sestayo, ex tenente alcalde de Ferrol, por un só voto para dirixir o partido local dividiu aínda máis a esta formación. A ex deputada apoiou a Gonzalo Caballero e a súa candidata Mercedes Rosón nas eleccións á dirección provincial coruñesa do PSdeG e foi a única que conseguiu vencer a Valentín González na súa agrupación.

Un día despois da súa pírrica vitoria Sestayo dixo que traballará para "reforzar" ao Partido Socialista na cidade de cara ás próximas eleccións municipais e "dar resposta" aos problemas dos veciños.  Pero, os seus críticos non están dispostos a deixarse vencer tan fácilmente. De feito, están pensando impugnar as eleccións xa que houbo tres votos declarados nulos, ademais dos 96 a favor de Sestayo e os 95 do outro candidato Ángel Mato

DIFÍCIL INTEGRACIÓN

Tampouco a ex deputada está moi pola labor de integrar na súa executiva á media parte do partido que votou na súa contra. Unha situación que lle pode traer problemas porque Gonzalo Caballero entrou nunha dinámica de tentar chegar a acordos cos grandes baróns do seu partido e non quere botar lume a máis polémicas.

Ademais, quere renovar a formación e presentar novos candidatos nas grandes cidades con capacidade de volver a recuperar os votos perdidos polo PSdeG. Un proxecto que choca cos desexos de Sestayo de volver presentarse como candidata. Tampouco conta co apoio do novo líder provincial, Valentín Formoso, disposto a rematar coa díscola dirixente ferrolá. 

Por iso, as fontes consultadas suliñan que Sestayo terá que pactar cos seus críticos e terá que cederlle representación se quere que estes acaben aceptando a súa vitoria por un voto nunha das asembleas socialistas máis tensas e masivas que se lembra en Ferrol. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Esmelle

Mato pensou que cunha lista de deseño e apoiándose en Valentín xa ía gañar a asemblea e levou nos fuciños