Por Galicia Confidencial | Ponteareas | 16/02/2018 | Actualizada ás 10:57
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil abriu un expediente sancionador contra o Concello de Ponteareas (Pontevedra) polas verteduras ao río Tea procedentes directamente da depuradora, segundo informou este venres o grupo ecoloxista Adenco.
O colectivo denunciou reiteradamente nas últimas semanas que son "continuas" as verteduras de augas residuais sen depurar que chegan ao río, "a través tanto do propio emisario da depuradora como do aliviadoiro"; reclamacións que fixo chegar tanto á Confederación Hidrográfica como á Xunta e ao propio Concello de Ponteareas.
No entanto, criticou que a Xunta e o Concello non responderon as súas denuncias, e, máis aló, "os feitos continúan producíndose" e as verteduras "continúan sen ningún tipo de control, ocasionando un dano severo a unha zona de especial protección da natureza, incluída na Rede Natura 2000".
En canto á sanción que pode impor a Confederación Hidrográfica, lembrou que "pode ser moi elevada", e puxo como exemplo que en 2013 impuxo unha ao Concello que ascendía a 84.000 euros.
"Pasados cinco anos desde entón, nada cambiou e a cidadanía continúa pagando a nefasta xestión da administración", censurou Adenco, que asegurou que seguirá "de preto este tema" e buscará "unha solución real e rápida ao problema".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.