Finsa e Nova Pescanova retan a emprendedores tecnolóxicos

A madereira Finsa busca novos sistemas para a xestión de datos mediante sensores. Nova Pescanova quere optimizar a rendibilidade na produción de lagostino con modelos predictivos. As dúas empresas examinarán os resultados na edición Galicia Open Future. Os gañadores traballarán coas empresas e poderán acceder a axudas económicas públicas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/02/2018 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

Finsa quere entrar no mundo dos mobles intelixentes feitos en madeira mediante o emprego de sensores. Pola súa banda, Nova Pescanova busca un modelo de predicción sobre o comportamento do lagostino e así facer máis rendible a súa explotación. As dúas ideas estarán na competición Galicia Open Future 4.0, o modelo de aceleración en emprendemento e tecnoloxía de Telefónica. O obxectivo da multinacional das comunicacións é dirixir talento de emprendedores no sector das novas tecnoloxías para solucionar problemas concretos da industria en Galicia.

Emprendedores da Galicia Open Future na Cidade da Cultura do Monte Gaiás
Emprendedores da Galicia Open Future na Cidade da Cultura do Monte Gaiás

Ter mobles intelixentes, con respostas ás demandas do sector e dos novos fogares, é a idea que Finsa pon sobre a mesa. Para iso quere desenvolver unha plataforma software que lle permita acceder a sensores incorporados aos seus produtos. Estes sensores executarían accións que permitan a creación de hábitats intelixentes. Xunto a isto, a empresa de mobiliario tamén quere ter unha plataforma onde almacenar o uso que se lle dá aos seus mobles. O que se busca é mellorar na evolución e seguridade no fogar, ademais de integrar os seus produtos no ámbito da domótica.

Outro sector que participa nos retos de Galicia Open Future é o da alimentación representado por Grupo Nova Pescanova. O reto que lanza a empresa de produtos mariños é un sistema que recolla os datos das diferentes factorías onde cría lagostino. Cando se teñan todos os datos, implemetaríase un modelo de predicción sobre o comportamento dos crustáceos. Así poderíase mellorar o rendemento na crianza, alimentación e na supervivencia do lagostino. Trataríase pois dun algoritmo co obxectivo de optimizar resultados na venda e consumo desta especie.

QUEN PODE PRESENTARSE E AXUDAS

Aos retos presentados por Finsa e Grupo Nova Pescanova poderán presentarse startups, pemes, centros tecnolóxicos, universidades e emprendedores. Seleccionarase a un gañador por cada reto, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa tractora. Haberá tres finalistas.

O gañador terá unha axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como os tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica. Recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada por Amtega. Á parte das achegas económicas directas, XesGalicia concederá á empresa gañadora un préstamo participativo, ata un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un préstamo participativo de ata 50.000 euros.

TELEFÓNICA OPEN FUTURE

Telefónica Open Future é unha plataforma global deseñada para conectar a emprendedores, startups, investidores e socios públicos e privados de todo o mundo. Busca captar oportunidades de innovación e de negocio. O seu obxectivo é apoiar ao talento en todas as súas etapas de crecemento mediante un modelo integral de aceleración e de conexión con organizacións, investidores e empresas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta