Por Moncho Mariño | Santiago | 25/02/2018 | Actualizada ás 14:00
A acusación particular e a Fiscalía non inclúen nos seus escritos o nome da que fora sinalada como a "número dous" de Orden y Mandato de San Miguel Arcángel (OMSMA). Marta Paz non estará como acusada no xuízo que se celebre contra mentros de OMSMA, grupo tamén coñecido como "miguelianos". A súa identidade saíra á luz logo das investigacións realizadas por presuntos delictos de abusos sexuais,contra a integridade moral e asociación ilícita, presuntamente cometidos dentro de OMSMA. O antigo líder desta asociación relixiosa, Miguel Rosendo, segue en prisión xunto con outros investigados.
A avogada Beatriz Seijo, representante de Marta Paz, sinalou que a súa representada "era a única que tiña que ir asinar todas as semanas ao xulgado" despois de abrirse as investigacións. O motivo disto non está claro para a letrada, que xuridicamente non lle ve sentido ningún a esta sinatura semanal nos xulgados. Seijo negou negociacións ou pactos coa fiscalía. Por outra banda, logo de "que ninguén dixese nada malo de Marta en toda a causa", espera que se lle explique á súa cliente por que foi sinalada como a man dereita de Miguel Rosendo.
MONTAXE
A mesma Marta Paz explicou a Galicia Confidencial que "me doe o que sofren as miñas irmás e a falta de liberdade de Miguel Rosendo". As irmás son Iria Quiñones e Ivana Lima, quen si aparecen nos escritos presentados por Fiscalía e acusación particular. Á parte, di ter ganas de "contar toda a verdade" porque "se está a ver toda a montaxe que había sobre nós".
Sobre a súa percepción das acusacións como unha montaxe, Paz di que non é doado de explicar, pero que como xa afirmou nunha rolda de prensa "nunca fun humillada nin sexualmente nin de ningunha outra maneira". Nese sentido, ve a orixe de todo este caso na envexa "porque pode chegar a onde un non quería chegar".
"ENVEXAS"
Considera que "a relación tensa que tivemos co asistente eclesiástico, Isaac de Vega, nomeado polo bispo" foi o que desencadeou todo este proceso. Esa envexa de de Vega estaría relacionada en ver "como un pai de familia tan humilde movese a tanta xente nova" di Marta Paz, quen engade "dentro da diócese eramos do mellorciño, dicía o bispo".
Mentres, Iria Quiñones e Ivana Lima, as dúas "miguelianas" que si irán a xuízo, manifestaron alegrarse pola súa compañeira Marta. Iria Quiñones di que a pesar de estar investigada "é a xustiza e hai que respectala, fixéronse acusacións moi graves pero estaremos aí para demostrar que non son verdade".
Ivana Lima, a outra investigada que irá a xuízo, afirma que "isto é unha montaxe que está a caer por si mesma ". Preguntada tamén por que ten esa sensación, a resposta de Ivana apunta a unha cuestión de "envexa e poder en todos os seus sentidos". Outro dos argumentos que segundo as "miguelianas" estaría na raíz do caso, sería o diñeiro, "porque pediron a indemnización polos supostos danos causados" afirma Ivana Lima.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.