Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 26/02/2018 | Actualizada ás 22:00
"É certo que comunidades autónomas e concellos teñen as mans atadas á hora de liderar iniciativas de acollida de refuxiados. Pero tamén é certo que poderían facer moito máis. E claramente, Galicia non está entre as comunidades máis comprometidas neste sentido". Esta é a rotunda conclusión de Martín Portos (A Coruña, 1989), investigador postdoutoral no Center on Social Movement Studies (COSMOS), un centro punteiro no estudo de movementos sociais e mobilización política, pertencente á Scuola Normale Superiore en Florencia (Italia) e liderado por Donatella della Porta, unha das académicas máis recoñecidas a nivel mundial neste eido.
COSMOS vén de publicar un libro colectivo cunha colección de artigos resultado dun proxecto que se desenvolveu neste centro, no que se analiza e estuda o movemento de solidariedade cos refuxiados en Europa —"non sobre a situación dos refuxiados en si", aclara Martín Portos—. A obra, titulada Solidarity Mobilizations in the ‘Refugee Crisis’, é unha liña de acción dentro do proxecto 'Mobilizing for Democracy' financiado polo Consello Europeo de Investigación, que xestiona os programas de investigación da Comisión Europea. "É importante a aclaración porque non somos expertos en refuxiados; en todo caso, no movemento de acollida aos mesmos", clarifica Portos.
Nesta achega, o investigador coruñés asina como co-autor —canda Javier Alcalde— dous capítulos, un sobre España e outro sobre Calais (Francia) e dinámicas de mobilización transnacionais: 'Refugee Solidarity in a Multilevel Political Opportunity Structure: The Case of Spain' e 'Scale Shift and Transnationalisation Within Refugees’ Solidarity Activism. From Calais to the European Level'.
O CASO ESPAÑOL: UN SISTEMA DURO CARA OS REFUXIADOS
No que atinxe ao caso español, Martín Portos aporta unha serie de apuntes que considera "relevantes". Primeiro, condidera que España ten "un sistema institucional historicamente pechado e duro cara aos refuxiados". De feito, engade, "estatisticamente España é un dos países europeos nos que unha solicitude de asilo ten menos visos de prosperar".
"Violando o pactado coa UE, o Goberno español deu acubillo escasamente ao 11% da cifra pactada, sendo un dos países que lideran a clasificación de incumprementos cos refuxiados a nivel comunitario".
Os datos oficiais aos que remite Martín Portos son esclarecedores. De acordo con Eurostat (oficina de estatística da Comisión Europea), España só resolveu favorablemente o 3,4% das solicitudes de asilo en 2016, dato que contrasta co 41% de Alemaña ou o 21% de Francia, por exemplo. Máis aínda, en 2016 só o 1% das peticións de asilo en países da Unión Europea (UE) se fixeron en España.
En segundo lugar, Portos apunta directamente ao Goberno español como responsable directo: "Debido a presións internas e externas, en pleno apoxeo da 'crise de refuxiados' o Goberno de Mariano Rajoy comprometeuse o 15 de setembro de 2015 a acoller a máis 17.300 refuxiados nun período de dous anos. Violando o pactado coa UE, o Goberno español deu acubillo escasamente ao 11% da cifra pactada, sendo un dos países que lideran a clasificación de incumprementos cos refuxiados a nivel comunitario", censura Martín Portos.
En terceiro lugar, e "malia a particular posición xeoestratéxica española" —a súa proximidade a África, con dous enclaves, Ceuta e Melilla, que supoñen a única fronteira terrestre Schengen-continente africano— e "sendo un país tradicionalmente receptor de migrantes, en contraste con outros semellantes como Grecia ou Italia", resulta que "España non experimentou un incremento moi notable de peticións de asilo en 2015-2016", explica o investigador coruñés.
Como cuarto punto a destacar, Portos sinala que "pese a ausencia de refuxiados, ou quizais en parte explicado por isto, un forte movemento de solidariedade medrou e desenvolveuse no Estado español". Así, lembra como, por exemplo, en febreiro de 2017 tivo lugar en Barcelona a manifestación en solidariedade cos refuxiados máis multitudinaria de Europa ata aquel entón. "Porén, o movemento aínda se atopa en proceso de coordinación e vertebración", matiza.
Ao mesmo tempo, e dun xeito que considera "chamativo", Portos observa como "a forza e capacidade de mobilización cidadá e de incidencia política destas iniciatiavas varían dramaticamente en función do contexto local". É precisamente isto o que aborda canda Javier Alcalde no capítulo do libro titulado 'Refugee Solidarity in a Multilevel Political Opportunity Structure: The Case of Spain', no que se preguntan que é o que explica a variación na fortaleza, existencia de iniciativas e capacidade de mobilización das campañas e redes de solidariedade cos refuxiados locais dentro de España.
Martin Portos introduce aquí un dos "conceptos centrais dentro da literatura e movementos sociais e contenda", o de Estrutura de Oportunidade Política (POS, polas súas siglas en inglés). "De acordo coa literatura de proceso e oportunidades políticas, un esperaría máis e meirandes mobilizacións onde hai máis aliados institucionais e menores son os custos da mobilización en termos de represión", expón o investigador.
Continuando coa súa argumentación, remóntase á campaña nas eleccións municipais de maio de 2015 en España, nas que "aínda que o tema dos refuxiados non foi un eixo, debido ao solapamento ideolóxico, de redes e proclamas entre as novas alternativas de esquerda emerxidas en España, un esperaría que alí onde gobernan candidaturas de confluencia cidadás (é dicir, Podemos e socios) o nivel de mobilización e fortaleza das redes de solidariedade fosen máis fortes".
"Baixo este criterio de variabilidade tanto no nivel de represión como no mix de gobernos municipais liderados por candidaturas de confluencia (das que Podemos forma parte) e outras máis tradicionais (PP/PSOE), optamos por facer traballo de campo en tres áreas: Barcelona, Galicia (A Coruña e Ourense) e máis a Fronteira Sur (Ceuta-Melilla, Bahía de Cádiz, Sevilla e Córdoba)", detalla Portos sobre o estudo realizado.
"As políticas de refuxiados en España (tamén as das novas forzas do cambio) son, ata o momento, máis simbólicas e de palabra que de acción".
Os resultados do seu estudo, prosegue, "contribúen a matizar esta liña tradicional dos enfoques centrados na POS: se ben ter as forzas do cambio no goberno parece abrir oportunidades discursivas, tamén comporta riscos dende unha óptica movimentística (cooptación, conflitos de interese, busca de vías puramente institucionais)".
O resultado é que "as políticas de refuxiados en España (tamén as das novas forzas do cambio) son, ata o momento, máis simbólicas e de palabra que de acción", conclúe Portos, quen non obvia que malia que "existe unha maior proximidade, intención de colaboración e permeabildiade cara ás demandas dos movementos", o certo é que "de momento non necesariamente se trasladan en políticas efectivas e iniciativas concretas".
O CASO GALEGO: ESCASO INTERESE INSTITUCIONAL
En canto a Galicia, Martín Portos recoñece que "hai pouca información". O propio informe de 2017 'Las personas refugiadas en España y Europa', elaborado pola Comisión Española de Ayuda al Refugiado (CEAR), expón que é a Administración central a que concentra en exclusiva as competencias en políticas de asilo, tanto para a regulación legal do procedemento e as súas consecuencias, como para a definición das políticas sociais dirixidas a persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional.
O artigo 149.1.2 da Constitución outorga en exclusiva ao Estado as competencias en “nacionalidade, inmigración, emigración, estranxeiría e dereito de asilo. No obstante, o artículo 148 si deixa unha pequena marxe de manobra ás comunidades autónomas ao asignarlles competencias de especial relevancia para o deseño dos procesos de inclusión das persoas refuxiadas e solicitantes de protección internacional: educación, asistencia social, vivienda, sanidade e parte das políticas de acceso e fomento da empregabilidade (formación ocupacional e políticas de fomento de emprego).
É dicir, as comunidades autónomas si teñen competencias en materias referidas aos itinerarios de inclusión socia nunha concepción amplia dos mesmos.
"Polo tanto, é certo que comunidades autónomas e concellos teñen as mans atadas á hora de liderar iniciativas de acollida a refuxiados. Pero tamén é certo que poderían facer moito máis. E claramente, Galicia non está entre as comunidades máis comprometidas neste sentido", láiase Martín Portos.
"Galicia nin tan sequera se sumou ao 'Pacto humanitario de la Cooperación Autonómica por las personas refugiadas sirias' que reclamaba unha actitude máis activa ao Goberno central"
Ese ollar de perfil do país á realidade dos refuxiados constátase, por exemplo, no feito de que Galicia nin tan sequera se sumou ao 'Pacto humanitario de la Cooperación Autonómica por las personas refugiadas sirias' que reclamaba unha actitude máis activa ao Goberno central", subliña Portos.
"Os concellos tampouco lideraron moitas iniciativas neste senso (con excepcións parciais, como o Concello da Coruña, que si forma parte da iniciativa 'Red de Ciudades Refugio', que lidera Barcelona", destaca o politólogo.
Aplican
De feito, Galicia apenas acolleu 159 persoas en dous anos, un 8% dos refuxiados que chegaron a España, que tan só recubiu uns 2.000 dos máis de 17.000 que se comprometeu a acoller. Datos que deixan en evidencia as políticas de acollida do Goberno central, pero tamén o compromiso das administracións autonómica e locais, e da sociedade en xeral, para con estas persoas.
"Que non haxa unha oficina da Comisión Española de Ayuda al Refugiado en Galicia fala moito da irrelevancia política do asunto" no país, onde "non hai un claro interese institucional" pola cuestión dos refuxiados.
Sobre o caso galego e o movemento de solidariedade no noso país, Martín Portos salienta en primeiro lugar que "o número total de acollidos é pequeno (en termos absolutos e relativos)".
"En xeral, hai pouco esforzo da Administración autonómica e forzas locais", engade o investigador, para quen resulta cando menos "curioso que non haxa unha oficina de CEAR en Galicia", o cal "fala moito acerca da irrelevancia política do asunto". Neste sentido, destaca que aínda que "Galicia está lonxe das rutas tradicionais de acceso, tampouco hai un claro interese institucional" por esta realidade.
Neste contexto, a acción da chamada sociedade civil está sendo a resposta a esta realidade: "A nivel sociedade civil, son as organizacións de axuda a inmigrantes e outras ONG quen vehiculan a acción. Normalmente se trata de organizacións establecidas no campo, cun amplo percorrido, nalgúns casos vencellados á igrexa católica (exemplo: Cáritas, Cruz Vermella, Fundación Juan Soñador)", describe Portos.
O politólogo bota tamén en falla en Galicia "unha organización paraugas que claramente vehicule e aglutine as distintas iniciativas sociais e teña unha capacidade de mobilización equiparable a Stop Mare Mortum en Cataluña, por exemplo", aínda que se congratula polo nacemento de novas organizacións e asembleas cidadás co gallo da 'crise de refuxiados'.
"Isto ten o seu reflexo no repertorio de accións do movemento de solidariedade cos refuxiados en Galicia, onde predominan a asistencia e máis as accións de solidariedade directa a expensas de actividades máis reivinidicativas e confrontacionais centradas na protesta", comenta.
Continuando cos seus argumentos, tamén observa que en Galicia, no caso das interaccións entre a sociedade civil e as institucións políticas "estamos a falar de redes moi pequenas, con canles de comunciación directas e a miúdo persoais", de xeito que "a barreira entre o movemento extra-institucional e a institución política formal se difumuna, polo que a importancia de ter aliados ou non no goberno non é tan central para boa parte dos axentes sociais", explica.
"Somos capaces de chorar diante do televisor e indignarnos ante imaxes dramáticas de afundimentos no Mediterráneo ou a foto do neno sirio afogado, mais non reaccionamos ante os reflexos destas inxustizas na realidade cotiá".
En canto á opinión pública galega sobre os refuxiados, Martín Portos non cre que sexa moi distinta á española en xeral. "É un tema sobre o que si hai certa sensibilidade social, pero non mobiliza, porque é alleo, non toca directamente, e menos nunha situación de recesión e precariedade onde moitas familias locais tamén pasan necesidades", aporta.
Moitos dos entrevistados na investigación realizada por Portos e Alcalde "insisten nunha certa miopía social", a cal se traduce así: "Somos capaces de chorar diante do televisor e indignarnos ante imaxes dramáticas de afundimentos no Mediterráneo ou a foto do neno sirio Alan Kurdi afogado nunha praia turca en setembro de 2015, mais non reaccionamos ante os reflexos destas inxustizas na nosa realidade cotiá".
Isto, di, "é moi obvio en Ceuta e Melilla", por exemplo, cidades onde "o experimentamos de primeira man durante o noso traballo de campo".
"Pode ser que a persoa que nos sirve un café, demanda traballo ou pide axuda para sobrevivir estea fuxindo da miseria e inseguridade máis absolutas", advirte o investigador.
EXEMPLOS DO FRACASO
A Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxidas vén de denunciar a situación de desamparo total á que se enfrontan neste momento as dúas familias de orixe sirio que chegaron a Lugo e Sarria no verán de 2016, incapaces de facer fronte ao pago dos alugueres dos pisos nos que se atopan e sen ningún tipo de axuda ou recurso para subsistir, unha vez rematado o programa de reasentamento e reubicación levado a cabo polo Ministerio de Emprego (MEYSS).
Os afectados chegaron a Galicia en 2016 procedentes de Líbano, onde permaneceron refuxiados durante varios anos desde a súa saída da cidade siria de Homs, das máis castigadas pola guerra. Trátase de dúas familias que suman en total sete nenos e que, tal e como explicou Fadile Chami, representante da asociación galego-siria SAWT, que permanece en contacto "estreito" con estas familias, o pasado mes de xaneiro recibiron "de imprevisto" a noticia de que o programa de acollida estaba próximo a concluír.
A falta de traballo e oportunidades económicas está a lastrar a integración destas familias, segundo a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas.
"Non podemos entender a impasibilidade das Asministracións Públicas ante estes casos, España incumpriu escandalosamente coas cotas esixidas pola Unión Europea en materia de acollida, polo que cremos é imprescindible que, alomenos aqueles casos que foron aceptados, reciban a atención necesaria ata a súa integración efectiva e que se atendan as súas necesidades caso por caso e non aplicando un programa tipo", argúen dende esta rede solidaria.
Estas familias son das poucas que foron acollidas en Galicia e continúan resistindo no noso país. Moitas outras optaron por marchar a outros puntos de Europa, onde os refuxiados teñen máis oportunidades laborais. É o caso de tres familias sirias residentes en Lugo, ou dos refuxiados que chegaron hai ano e medio a Vigo, e que actualmente residen en Alemaña.
"Por fortuna en España existe un consenso político que alonxa e marxina os discursos xenófobos da área pública. Por desgraza, isto é máis unha excepción que unha tónica dominante en Europa".
AUXE DO POPULISMO ANTI-INMIGRACIÓN E DESAFÍOS PARA EUROPA
Malia o escaso compromiso gobernamental e o fracaso das políticas de acollida e integración, e "a diferenza doutros países europeos", Martín Portos celebra que "en España non existe unha dereita populista articulada que capitalice o discurso anti-inmigración".
Neste sentido, e malia as súas duras críticas á política migratoria do Goberno central, o politólogo alonxa da nosa realidade a pantasma xenófoba e racista que se está apoderando de media Europa coa emerxencia de partidos populistas de extrema dereita.
"Aínda que critiquemos a indiferenza e deixadez do Goberno español e máis do Partido Popular con respecto aos refuxiados —eu son persoalmente moi crítico—, grosso modo, e por fortuna, existe un consenso político que alonxa e marxina os discursos xenófobos da área pública. Por desgraza, isto é máis unha excepción que unha tónica dominante en Europa", alerta o experto.
Por outra banda, e tal e como apuntan, por exemplo, as útimas novas en Galicia —onde boa parte dos refuxiados que chegaron marcharon cara outros países pola falta de oportunidades, e os poucos que quedaron están ao bordo da miseria—, "un dos grandes desafíos das políticas de refuxiados en Europa en xeral, e en España en particular, radica non tanto no recoñecemento do status de refuxiado e na resolución inmediata dos problemas máis apremiantes, comida-teito-escola-sanidade-
Para isto, avisa, necesítase unha "clara aposta institucional e reorientación das políticas de asilo e acollida, mais tamén do compromiso e concienciación por parte da sociedade civil", conclúe o investidador do Center on Social Movement Studies (COSMOS).
MARTÍN PORTOS
Martín Portos é graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha nota media do seu expediente de 9,94. Foi Premio Autonómico e Primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira. Completou un MSc Politics Research (Comparative Government) na Universidade de Oxford e é doutor en Ciencias Políticas e Sociais polo European University Institute de Florencia cunha tese sobre protestas anti-austeridade no sur de Europa.
O seu traballo de investigación céntrase en movementos sociais, participación política, actitudes democráticas, institucións e nacionalismo. Na actualidade traballa en dous proxectos centrados en participación política e actitudes xuvenís: 'Critical Young Europeans (CRY_OUT)' e 'EURYKA - Reinventing Democracy in Europe: Youth Doing Politics in Times of Increasing Inequalities'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.